Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

domingo, 29 de marzo de 2020

A biblioteca fica aberta no Twitter

Nestes días de illamento forzoso, e a pesares do peche das instalacións, a biblioteca pública municipal mantense activa a través da súa conta no Twitter. Cada día, en @bibliobrion imos publicando novas, chiando curiosidades e facendo recomendacións de libros e audiovisuais que poderedes atopar nas plataformas de préstamo dixital GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna.
Para acceder a GaliciaLe, tendes toda a información aquí. O tramite para activar a conta de ebibliodacoruna é diferente e podes consultar o xeito de facelo nesta ligazón. En ámbalas plataformas de préstamo de contidos en formato dixital poderás ler e visualizar audiovisuais de balde por ser socia/o da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Síguenos no Twitter e non renuncias á lectura e á información nestes días de quedar na casa. Ánimo e saúde, que axiña nos vemos na biblioteca.

sábado, 21 de marzo de 2020

Información importante sobre préstamos e reservas

Por mor do estado de alarma no que nos encontramos, a Rede de Bibliotecas de Galicia adoptou una serie de medidas. No referente a préstamos e reservas, queremos informar ás nosas usuarias e aos nosos usuarios das seguintes decisións adoptadas:

Préstamos: todos os préstamos que tiñan a data de vencemento a partir do 13 de marzo quedan prorrogados ata o 30 deste mes. No caso de que a situación se alongue, procederase a adiar novamente a data de devolución.

Reservas: as reservas sen confirmar quedan suspendidas. Polo tanto, non sairán os avisos automáticos de reserva dispoñible. Queda deshabilitada a reserva no OPAC.

Lembra tamén que se tés na casa materiais prestados desta biblioteca, poderás devolvelos unha vez que recuperemos o funcionamento normal no servizo.

Moitas grazas pola vosa atención. E lembrade, QuedaNaCasa; porque entre todas e todos superaremos esta situación excepcional. Ánimos e ata pronto.

venres, 20 de marzo de 2020

Aínda que non sexas socia/o da biblioteca, accede ao servizo de préstamo de GaliciaLe

Nestes días nas que as bibliotecas públicas permanecemos pechadas por mor das medidas de contención tomadas para previr a expansión do COVID-19, renunciar á lectura non é unha opción. Sobre todo cando dende a Rede de Bibliotecas de Galicia temos á disposición das usuarias e dos usuarios a plataforma de préstamo dixital GaliciaLe. Un servizo pensado para descargar e ler libros en formato electrónico no teu dispositivo móbil (tableta e teléfono intelixente) ou lector de libros electrónicos.

Non tés carné de biblioteca, pois tampouco vai ser un impedimento. En apoio á campaña #QuedaNaCasa, GaliciaLe vai permitir que te rexistres e, coas claves que recibas, poderás acceder a eBiblio Galicia e ao Catálogo galego. Cando remate a corentena, disporás de 30 días para achegarte á biblioteca a solicitar o carné de socia/o e seguir gozando das vantaxes de GaliciaLe, así como do servizo de préstamo da Rede de Bibliotecas de Galicia.  Se o desexas, xa podes efectuar o trámite aquí.

Non dubides en facelo, a lectura de libros e revistas e o cinema van axudar a que estes días de confinamento sexan máis lenes. E moito ánimo a todas e a todos; axiña volveremos a vernos na biblioteca.

xoves, 12 de marzo de 2020

LEMBRANZA IMPORTANTE: Medidas adoptadas para previr a expansión do Coronavirus COVID-19 [ACTUALIZADO]

Tras coñecer as medidas adoptadas polo Goberno de España, a Xunta de Galicia e as recomendacións das autoridades sanitarias de establecer medidas extraordinarias para previr a expansión do Coronavirus COVID-19, o Concello de Brión informa da adopción dunha serie de directrices que se tomarán ata novo aviso. Preme nesta ligazón para consultar toda a información.

No referente ao funcionamento da biblioteca pública municipal, informamos á cidadanía que dende o VENRES 13 DE MARZO e ata novo aviso ESTE CENTRO PERMANECERÁ PECHADO AO PÚBLICO. Isto significa que non funcionará ningún dos servizos da biblioteca, incluído o de préstamo. Aquelas persoas que teñan nos seus fogares materiais emprestados, poderán devolvelos cando se restableza de novo o servizo.

Asemade, as actividades de animación e dinamización programadas pola biblioteca para os vindeiros días (Club Camaleón, Club de lectura, etc.) adíanse ata novo aviso.

Para calquera consulta ou dúbida que puidera xurdir, por favor, non dubide en contactar co Concello de Brión a través do tfno. 981 88 70 06 (mañás).

Pregamos a toda a cidadanía tranquilidade ante esta situación excepcional que esperamos superar o antes posible. Calquera outra novidade que puidera xurdir sobre o funcionamento do servizo,  publicarémola a través deste blog e na conta de Twitter da biblioteca.

venres, 6 de marzo de 2020

Día da Muller, 8 de marzo: unha data e uns valores para reivindicar todo o ano

Para conmemorar o 8 de marzo, data na que celebramos o Día Internacional da Muller, o Concello de Brión patrocina, xunto con Ames, Dodro, Padrón e Santiago, a través do programa "As Pegadas de Rosalía" a Andaina "Rosalías da Vida". Unha actividade que este domingo vai reivindicar a figura de Rosalía de Castro como muller escritora comprometida coa loita pola igualdade de xénero e a xustiza social.
Un actividade que tamén vai servir para dar visibilidade e reivindicar os valores que soportan esta conmemoración que celebramos a nivel internacional. Un día para normalizar o resto do ano a participación social igualitaria da muller e o seu desenvolvemento integro como persoa.
Asemade, dende a biblioteca municipal, convidamos a todas as usuarias e todos os usuarios do servizo a visitar un punto de interese temporal sobre igualdade onde poderán descubrir ao longo da vindeira semana materiais sobre un tema que nos interesa a todas e a todos.

luns, 2 de marzo de 2020

Tod@s por igual con Rosalía de Castro

O pasado sábado a BPM de Brión organizou un obradoiro lúdico que pechou por este ano á programación de actividades coas que Concello de Brión conmemorou o 24 F, Día de Rosalía de Castro.

Baixo a denominación de “Rosalía, tod@s por igual”, este entretido serán de animación con música, poesía e creación artística estivo dirixido a crianzas maiores de 5 anos. A actividade centrouse no personaxe de Rosalía de Castro e no seu libro "Cantares gallegos", no que os amigos de Tarabelos amosaron a desconformidade da autora diante das desigualdades de xénero, idioma, clases sociais, etc.

O obradoiro reuniu doce participantes que dende as 12:00 h. e durante 90 min. coñeceron un pouco máis a figura da célebre poetisa e a súa mensaxe comprometida con cuestións sociais aínda hoxe moi vixentes. O resultado final da actividade plasmouse nun gran cadro realizado entre todas e todos no que se plasmou de xeito artístico unha mensaxe de igualdade, utilizando a arte como fixo Rosalía.