Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

sábado, 17 de decembro de 2022

O Apalpador visita Brión antes do Nadal

Este venres, 16 de decembro, un entrañable personaxe do Nadal galego visitou Brión da man do noso amigo Caxoto. Foi o Apalpador, un carboeiro das montañas orientais de Galicia que, pándego e falangueiro, conversou durante case unha hora coas crianzas brionesas para resolver todas as dúbidas sobre quen é e a que se dedica.

Na actividade participaron arredor de 30 persoas, sumando crianzas e adultos acompañantes. Aproximadamente durante unha hora, o Apalpador, este afable xigantón que apaña castañas e talla xoguetes en anacos de madeira que atopa nos seus paseos polos montes, contou ás crianzas cal é a súa orixe, a que se dedica no seu día a día … e, o que é máis importante, deu consellos a seguir para que cando nos visite deixe unha presada de castañas e algún dos agasallos que el mesmo fai.

O serán de animación, organizado pola biblioteca municipal, enmárcase nas actividades de animación que o centro está realizando con periodicidade. Nesta caso, cunha temática estreitamente ligada coas vindeiras celebracións do Nadal.

martes, 13 de decembro de 2022

Horario de Nadal da biblioteca

Como é costume no Nadal, a biblioteca pública municipal de Brión modifica o seu horario de apertura nestas datas tan sinaladas. A entrada en vigor dos cambios horarios está prevista para o día 26 de decembro e estenderase ata o 7 de xaneiro:

Do 26 ao 29 de decembro, o horario de apertura de luns a venres vai ser:
- Mañás, de 10:00 a 13:00 h.  - Tardes, de 16:00 a 20:00 h.

Do 30 de decembro ao 7 de xaneiro, o horario de apertura de luns a venres será o seguinte:
- Mañás, de 9:00 a 14:00 h. - Tardes, pechada. 

Ademais dos días festivos, 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro, o centro permanecerá pechado os días 24 e 31 de decembro e 5 e 7 de xaneiro.

Moitas grazas pola comprensión e desculpas polas molestias.
Felices festas e venturoso 2023!


luns, 12 de decembro de 2022

Iniciamos con Andrea Camilleri unha nova temporada do Club de lectura

Arranca unha nova temporada do Club de lectura da BPM de Brión, unha actividade de dinamización da lectura dirixida a persoas maiores de 16 anos con gañas de ler e compartir experiencias lectoras.
O título escollido para iniciar esta nova etapa é “El perro de terracota” unha obra dun vello coñecido do club, o escritor italiano Andrea Camilleri. Trátase da segunda novela protagonizada polo comisario Salvo Montalbano, un libro onde as lectoras terán ocasión de coñecer en profundidade a rica personalidade do melancólico investigador siciliano.
Un roubo absurdo nun supermercado, o encarceramento un tanto estrambótico dun capo da mafia, un asasinato cometido durante a Segunda Guerra Mundial. Con todo, a pesar da firme determinación con que Montalbano afronta a resolución destes casos, a súa auténtica paixón é descifrar o contido simbólico que encerran. «Todo crime conleva unha mensaxe, a cuestión é coñecer o código de quen o escriba», lémbralle un excéntrico sacerdote ao comisario. Así, o principal protagonista desta novela -como de todas as que protagoniza Montalbano- é a súa particular forma de concibir o mundo. Os xestos, os detalles, as aparencias cobran un papel relevante, e a linguaxe convértese nun instrumento crave para entender a realidade.
Para comentar esta obra, reunirémonos o luns 9 de xaneiro ás 20:30 h. Como sempre, na biblioteca municipal de Brión. Ata entón felices festas e boas lecturas.

luns, 28 de novembro de 2022

O Apalpador visita Brión polo Nadal

En decembro regresan á biblioteca municipal as actividades de animación e difusión da lectura coa visita do noso amigo Caxoto que presentará en Brión o espectáculo “O Apalpador conta con vós”.

Nesta ocasión, Caxoto virá acompañado do Apalpador, un personaxe mitolóxico da tradición oral galega que estivo a piques de desaparecer pero da que aínda quedan algunhas testemuñas na zona do Caurel e Os Ancares. Conta a tradición que é un xigante, que foi carboeiro, que apaña castañas e talla xoguetes de madeira que reparte entre as crianzas en tempo de Nadal. Neste espectáculo recibiremos a súa visita para que nos conte quen é, cal é a súa orixe, a que se dedica no seu día a día, etc.

A cita co Apalpador será o venres 16 de decembro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). O espectáculo está especialmente dirixido a crianzas de 4 a 10 anos e a entrada será de balde ata completar aforo. Se desexas asistir, pode reservar as túas butacas a través do seguinte formulario de inscrición.


 

Modificación puntual de horarios de apertura do centro

Os días 3 e 5 de decembro a biblioteca municipal de Brión modificará lixeiramente e de xeito puntual o seu habitual horario de apertura ao público. 

O sábado, día 3 de decembro, a biblioteca municipal abrirá de 9:00 a 13:00 h., pechando as súas portas unha hora antes do habitual.

O luns, 5 de decembro, o centro abrirá exclusivamente en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 h

Moitas grazas pola comprensión e desculpen as molestias.

luns, 14 de novembro de 2022

Boletín de novidades infantil-xuvenil da biblioteca: outono 2022

Despois de coñecer o boletín de novidades de outono coas incorporacións máis recentes á colección para público adulto, agora é momento de descubrir as destinadas ás lectoras e aos lectores infantís-xuvenís.

Descúbreas no seguinte boletín, repartidas en distintas seccións, segundo se trate de obras de ficción, informativas ou banda deseñada.

 

 

 

Acceso ao boletín de novidades da biblioteca: outono 2022 - infantil/xuvenil


 

xoves, 10 de novembro de 2022

Boletín de novidades para adultos da biblioteca: outono 2022

Chega o outono, unha época na que os seráns convidan máis que nunca a quedar na casa acompañado por unha boa lectura. Por iso que, dende a biblioteca municipal, queremos convidarte a descubrir as últimas novidades incorporadas ao noso fondo dende o verán.

Descúbreas nos nosos boletíns, repartidas en distintas seccións, segundo se trate de obras de ficción, informativas ou banda deseñada. Para empezar, presentamos o boletín de novas lecturas destinadas a público adulto. Bótalle unha ollada, de seguro atoparás algún libro para ler este outono.

 

Acceso ao boletín de novidades da biblioteca: outono 2022 - adultos 


 

mércores, 26 de outubro de 2022

Lembranza: a biblioteca municipal pecha o 29 e 31 de novembro

Os días 29 e 31 de outubro a biblioteca municipal permanecerá pechada.
Os préstamos a domicilio que venzan coincidindo con estas datas poderán ser devoltos o mércores día 2 de novembro. 

Desculpas polas molestias e moitas grazas pola comprensión.

venres, 21 de outubro de 2022

Contacontos con Charo Pita para conmemorar o Día das Bibliotecas

O luns 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Para conmemorar esta efeméride tan especial, a biblioteca municipal organizou unha actividade de animación para crianzas que contou coa presenza da escritora e narradora Charo Pita que presentou en Brión o contacontos “Andar aos biosbardos”.

A actividade celebrouse o venres 21 de outubro ás 18:00 h. A pesar do tempo desapracíbel, arredor de 20 persoas participaron nun evento que se estendeu durante aproximadamente cincuenta minutos. Un serán lúdico cheo de divertidas historias coma esas que Lebre, Lagarta, Cangrexo, Abella e o Vento Norberto adoitan contar baixo o Freixo Engurrado. Contos que falan da amizade, das dúbidas, dos atrancos, da marabilla que é compartir con quen nos quere.

A sesión contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.




A escritora Charo Pita presenta en Brión o libro de relatos "Retratos en Branco e negro"

A escritora e narradora Charo Pita presentou este xoves en Brión o libro de relatos “Retratos en branco e negro”, unha obra publicada pola editorial Galaxia. O serán literario estivo enmarcado dentro da programación especial para celebrar o Día das Bibliotecas, efeméride que conmemoramos o vindeiro luns, 24 de outubro.

Charo, acompañada polo tamén escritor Eduardo Rojas, achegouse á veciñanza de Brión para manter un encontro literario cálido e próximo co público asistente e presentar a súa última publicación. Nela, a recoñecida escritora e narradora abandona momentaneamente a literatura infantil e xuvenil para construír un feixe de relatos (catorce en concreto) destinados á lectura de público adulto, onde o extraordinario se achega ao cotián, a través de fotografías que van fiando palabras. Neles a autora xoga coa realidade, a ficción e a tradición oral nunhas historias de diferente temática protagonizadas por mulleres.

Un libro que dende a biblioteca municipal recomendamos ler. No noso fondo contamos con dous exemplares dispoñibles para préstamo, un deles dedicado pola autora. Moitas grazas, Charo.




sábado, 15 de outubro de 2022

Regresa o club de lectura da biblioteca municipal

Despois do parón estival, regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de ler e compartir experiencias lectoras con outras persoas. 

Funcionamento da actividade

Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá, realizaremos unha xuntanza na biblioteca co fin de facer unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade.
Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca a través do seus correos electrónicos ou chama ao tfno. 981 50 99 69 para participar nesta actividade. 

 


mércores, 5 de outubro de 2022

Encontro literario con Charo Pita para conmemorar o Día das Bibliotecas

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Con tal motivo, a biblioteca municipal organiza un encontro literario coa recoñecida narradora e escritora Charo Pita que presentará en Brión a súa última publicación, “Retratos en branco e negro”. Un libro editado por Galaxia onde as fotografías serven de inspiración aos catorce relatos que aparecen nesta obra. Porque neles, unha imaxe vale máis que mil palabras e unha fotografía serve de inspiración para crear todo un universo de creación literaria.

Como explica a propia Charo no club de lectura de Radio fusión, “É un libro que ten que ver coa fotografía de varias maneiras porque hai relatos nos que se fala da fotografía, hai outro que se chama ‘la fotografía’… Moitos destes relatos, isto non o sabe o lector, parten de fotografías. Eu mirei unha serie de fotografías e a partir de esas fotografías apareceron os relatos. O relato de Leo Pardas é o momento fotográfico total. Están aí tres persoas agardando a que lles saquen unha fotografía nun momento no que a fotografía non estaba tan desenvolta como agora. Non existía ni o selei nin nada polo estilo”.

A presentación celebrarase na Sala Municipal de Exposicións o xoves 20 de outubro ás 20:30 h. Charo estará acompañada na mesa polo escritor mexicano Eduardo Rojas. A este evento literario poderemos asistir libremente ata completar o aforo da sala. Estamos todas e todos convidadas e convidados.


 

martes, 4 de outubro de 2022

Contacontos con Charo Pita: Andar aos biosbardos

Como cada 24 de outubro, un ano máis, celebraremos o Día das Bibliotecas. Unha data conmemorativa para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Para celebralo, uns días antes, a biblioteca municipal de Brión convídanos a participar en dúas actividades que terán lugar o 20 e 21 de outubro. Neste caso, presentamos a segunda delas, unha proposta dirixida especialmente a crianzas con idades comprendidas entre 4 e 9 anos.

Trátase dun contacontos a cargo da coñecida escritora e narradora Charo Pita que presenta en Brión “Andar aos biosbardos”. Un serán lúdico cheo de divertidas historias coma esas que Lebre, Lagarta, Cangrexo, Abella e o Vento Norberto adoitan contar baixo o Freixo Engurrado. Contos que falan da amizade, das dúbidas, dos atrancos, da marabilla que é compartir con quen nos quere.

A sesión terá lugar o venres 21 de outubro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura), con entrada de balde ata completar aforo. Se non queres quedar sen butaca, reserva a túa cubrindo este formulario de inscrición. Participa e celebra connosco un ano máis o 24 de outubro, Día das Bibliotecas.

Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 

venres, 30 de setembro de 2022

Os Animais Artistas de Iván Davila visitaron Brión

Esta tarde, a biblioteca municipal organizou un espectáculo de animación para público infantil que inicia a programación de actividades do centro despois do parón estival. O artista encargado do serán contacontos foi Iván Davila que presentou en Brión “Animais Artistas e outras cousiñas”.
A sesión celebrouse na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura), espazo habitual onde a biblioteca programa este tipo de actividades, comezando ás 18:00 h. e entendéndose durante aproximadamente 50 min. Arredor de 50 persoas, entre crianzas e adultos, participaron nunha función chea de historias que tratan sobre a amizade, a exaltación das artes, a importancia da sanidade e o coidado dos nosos maiores.
Este contacontos inicia unha nova temporada de actividades que continuará en outubro con novas propostas lúdico culturais que axiña daremos a coñecer. 
 
 


venres, 16 de setembro de 2022

A biblioteca municipal pecha en Santa Minia

Con motivo da celebración da popular Romaría de Santa Minia, a biblioteca pública municipal pechará entre os días 24 e 27 de setembro. O venres 23 de setembro, o centro abrirá só en horario de mañá, de 9:00 a 13:00 h. 
 
Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e convidamos a todos os usuarios a visitar a Carballeira e participar das numerosas actividades que están programadas ao longo das cinco xornadas de celebración.


 

xoves, 1 de setembro de 2022

Iván Davila presenta en Brión o espectáculo Animais Artistas

En setembro, co inicio do curso escolar, a biblioteca arranca as súa programación de actividades despois das tan merecidas vacacións estivais. E para facelo, organiza un espectáculo de animación e narración oral destinado ao público infantil a partir dos tres anos de idade. 
Nesta ocasión quen sube ao escenario é o artista Iván Davila que presenta en Brión o seu espectáculo "Animais Artistas e outras cousiñas". Sabías que en Sudáfrica vive un porco chamado Pigcasso que debuxa cadros sen parar? E que o Capitán dos Corvos da Torre de Londres é galego? Coñeces a Jonathan, a tartaruga mais vella do mundo? Descobre estas historias, inspiradas en feitos reais, que tratan sobre a amizade, a exaltación das artes, a importancia da sanidade e o coidado dos nosos maiores.
O espectáculo celebrarase o venres 30 de setembro ás 18:00 h. na Carballeira de Santa Minia. Se as condicións meteorolóxicas non permitiran a súa realización en exterior, trasladaríase á Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura).
A entrada ao serán de animación será de balde ata completar aforo. Inscrición previa a través de formulario en liña
 

 

luns, 29 de agosto de 2022

Horario de verán da biblioteca: mes de setembro

No mes de setembro a biblioteca municipal de Brión continúa adaptando as horas de apertura á temporada estival.

Dende o día 1 e ata 15 de setembro, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 19:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada.

A partir do día 16 de setembro, o centro retomará o horario habitual.

venres, 29 de xullo de 2022

A biblioteca municipal presenta os seus boletíns de novidades para este verán

A biblioteca municipal estrea este verán boletín de novidades, unha publicación de consulta en liña que dende agora irá informando con regularidade das últimas incorporacións e novidades bibliográficas que atoparás nosa colección.

Desta vez, publicamos dous boletíns, un coas novidades para público infantil – xuvenil e outro coas destinadas a adultos, partillados en distintas seccións segundo presentemos obras de ficción, informativas ou banda deseñada.

Bótalle unha ollada, de seguro atoparás algún libro para ler nestas vacacións. E en setembro-outubro, máis novidades na túa biblioteca. Un feliz verán cheo de boas lecturas!


Boletín de novidades xullo-agosto infantil-xuvenil 

Boletín de novidades xullo-agosto adultos


 


luns, 18 de xullo de 2022

Horario de verán de biblioteca: mes de agosto

No mes de agosto, a biblioteca pública municipal de Brión adapta de novo as horas de apertura á temporada estival.

Dende o día 1 e ata o 12 de agosto, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres:
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.
Os sábados, pechada.

Do 16 ata o 31 de agosto, a biblioteca municipal permanecerá pechada.

venres, 1 de xullo de 2022

Gloria Mosquera de Mamá Cabra presentou en Brión "Patrimonio Natural"

Gloria Mosquera de Mamá Cabra presentou en Brión o espectáculo musical “Patrimonio Natural”, un recital baseado no libro-disco do grupo Mamá Cabra titulado “A fraga do meu avó” publicado pola editorial Galaxia en 2019. Unha obra dirixida a público infantil que busca concienciar sobre a problemática dos bosques autóctonos e dos espazos naturais.

O concerto celebrouse o venres 1 de xullo ás 18:00 h. nun espazo natural privilexiado de Brión, a Carballeira de Santa Minia, lugar onde fica a biblioteca pública municipal. Arredor de 50 persoas, entre crianzas e adultos, participaron na actividade, que se prolongou durante aproximadamente 50 minutos.

A actuación, organizada pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 




xoves, 30 de xuño de 2022

Pechamos a temporada do club de lectura con "Un amor" de Sara Mesa

Despois de ler á autora compostelá Barta Dávila, o título escollido para pechar temporada no club de lectura é "Un amor", unha historia escrita pola sevillana Sara Mesa. Unha novela editada por Anagrama, curta pero contundente, que nos sitúa en “La Escapa”, un pequeno núcleo rural onde Nat, unha moza e inexperta tradutora, acaba mudándose. Alí convivirá co can que lle agasalla o seu caseiro como xesto de benvida, aínda que axiña xorden conflitos en torno a residencia alugada. O resto dos habitantes da zona (a moza da tenda, Píter o hippie, a vella e demente Roberta, Andreas o alemán, a familia de cidade que pasa alí as fins de semana) acollerán a Nat con aparente normalidade, mentres de fondo latexan a incomprensión e a estrañeza mutuas.

Con esta lectura, remataremos cas reunións do club por esta temporada, emprazándonos novamente á volta do verán. A xuntanza para comentar a obra celebrarémola o martes 26 de xullo, nun serán un chisco diferente, como é costume nestas datas estivais.

Un bo verán cheo de excelentes lecturas!

mércores, 29 de xuño de 2022

Colle o teu libro e corre: solta de libros permanente

Dende hoxe atoparás no recibidor da biblioteca dúas caixas co lema “Colle o teu libro e corre! Trátase dun punto permanente de solta de libros onde ficarán materiais que a biblioteca pon a libre disposición das usuarias e dos usuarios.

Son exemplares en bo estado de conservación, procedente das expurgacións da colección, baixas, materiais duplicados, doazóns, etc. que poderás retirar para darlle unha segunda (ou terceira) vida na túa biblioteca particular.

As caixas ficarán de xeito permanente, renovándose o seu contido con regularidade.

martes, 14 de xuño de 2022

En xullo, a biblioteca inicia o horario de verán

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o día 1 e ata o 31, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres

Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 19:00 horas.

Non abrimos na mañá dos sábados

luns, 6 de xuño de 2022

Mamá Cabra presenta en Brión "Patrimonio Natural"

O venres 1 de xullo ás 18:00 h. temos unha cita na Carballeira de Santa Minia con Gloria Mosquera e Tomi López de Mamá Cabra que presentan en Brión o espectáculo “Patrimonio Natural”.
 
“Patrimonio Natural” está baseado no libro-disco do grupo Mamá Cabra titulado “A  fraga  do  meu  avó” publicado pola editorial Galaxia en 2019. Unha obra dirixida a público infantil que busca concienciar sobre a problemática dos bosques autóctonos e dos espazos naturais.

Os integrantes de Mamá Cabra ofrecerán un recital de aproximadamente 50 min., dirixido a crianzas a partir de 3 anos de idade e que se celebrará ao aire libre (se as condicións atmosféricas o permiten) na Carballeira de Santa Minia. A entrada será libre, con inscrición previa no seguinte formulario

Este espectáculo conta co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia
 
Vídeo  Mamá Cabra: Patrimonio natural
 

Cartel do espectáculo:
 

 

venres, 3 de xuño de 2022

Ian & Elisa presentan en Brión o seu espectáculo "Historias fabulosas"

As usuarias e os usuarios da biblioteca municipal gozaron o venres 3 de maio dunha entretida tarde de maxia da man de Ian & Elisa, dous magos que presentaron en Brión un entretido espectáculo que fusionou maxia e sombras chinesas usando contos e fábulas como fío condutor.

Co título de “Historias fabulosas: dous magos e outras cousas maxia”os ilusionistas reuniron neste espectáculo máis de corenta persoas, principalmente crianzas, que durante 50 min. gozaron cuns números de maxia deste excepcional dúo.

A actividade, organizada pola biblioteca municipal de Brión, contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
 
 


 

martes, 31 de maio de 2022

Unha nova lectura no club: Illa decepción de Berta Dávila

Retomamos a senda da lectura no club cun novo achegamento á literatura patria, nesta ocasión da man da autora compostelá Berta Dávila. “Illa decepción” é a obra escollida, unha novela pola que a escritora nada en Santiago recibiu o premio de Narrativa Breve Repsol en 2020.

Berta Dávila narra neste libro a historia dunha memoria que rescata o presente. Para conseguir xuntalo cun pasado vívido, cálido, ao que se pode viaxar por medio da literatura. A protagonista desta novela expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fillo durante o confinamento e a do resto daquela nena que aínda perdura na súa imaxinación. Así, movida por un soño, máis de vinte anos despois de abandonalo, decide presentarse no apartamento onde viviu coa súa familia durante a nenez e a adolescencia.

Para compartir a experiencia da súa lectura reunirémonos na biblioteca o vindeiro 27 de xuño.