mércores, 5 de outubro de 2022

Encontro literario con Charo Pita para conmemorar o Día das Bibliotecas

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Con tal motivo, a biblioteca municipal organiza un encontro literario coa recoñecida narradora e escritora Charo Pita que presentará en Brión a súa última publicación, “Retratos en branco e negro”. Un libro editado por Galaxia onde as fotografías serven de inspiración aos catorce relatos que aparecen nesta obra. Porque neles, unha imaxe vale máis que mil palabras e unha fotografía serve de inspiración para crear todo un universo de creación literaria.

Como explica a propia Charo no club de lectura de Radio fusión, “É un libro que ten que ver coa fotografía de varias maneiras porque hai relatos nos que se fala da fotografía, hai outro que se chama ‘la fotografía’… Moitos destes relatos, isto non o sabe o lector, parten de fotografías. Eu mirei unha serie de fotografías e a partir de esas fotografías apareceron os relatos. O relato de Leo Pardas é o momento fotográfico total. Están aí tres persoas agardando a que lles saquen unha fotografía nun momento no que a fotografía non estaba tan desenvolta como agora. Non existía ni o selei nin nada polo estilo”.

A presentación celebrarase na Sala Municipal de Exposicións o xoves 20 de outubro ás 20:30 h. Charo estará acompañada na mesa polo escritor mexicano Eduardo Rojas. A este evento literario poderemos asistir libremente ata completar o aforo da sala. Estamos todas e todos convidadas e convidados.


 

0 comentarios :

Publicar un comentario