martes, 4 de outubro de 2022

Contacontos con Charo Pita: Andar aos biosbardos

Como cada 24 de outubro, un ano máis, celebraremos o Día das Bibliotecas. Unha data conmemorativa para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Para celebralo, uns días antes, a biblioteca municipal de Brión convídanos a participar en dúas actividades que terán lugar o 20 e 21 de outubro. Neste caso, presentamos a segunda delas, unha proposta dirixida especialmente a crianzas con idades comprendidas entre 4 e 9 anos.

Trátase dun contacontos a cargo da coñecida escritora e narradora Charo Pita que presenta en Brión “Andar aos biosbardos”. Un serán lúdico cheo de divertidas historias coma esas que Lebre, Lagarta, Cangrexo, Abella e o Vento Norberto adoitan contar baixo o Freixo Engurrado. Contos que falan da amizade, das dúbidas, dos atrancos, da marabilla que é compartir con quen nos quere.

A sesión terá lugar o venres 21 de outubro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura), con entrada de balde ata completar aforo. Se non queres quedar sen butaca, reserva a túa cubrindo este formulario de inscrición. Participa e celebra connosco un ano máis o 24 de outubro, Día das Bibliotecas.

Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 

0 comentarios :

Publicar un comentario