xoves, 30 de xuño de 2022

Pechamos a temporada do club de lectura con "Un amor" de Sara Mesa

Despois de ler á autora compostelá Barta Dávila, o título escollido para pechar temporada no club de lectura é "Un amor", unha historia escrita pola sevillana Sara Mesa. Unha novela editada por Anagrama, curta pero contundente, que nos sitúa en “La Escapa”, un pequeno núcleo rural onde Nat, unha moza e inexperta tradutora, acaba mudándose. Alí convivirá co can que lle agasalla o seu caseiro como xesto de benvida, aínda que axiña xorden conflitos en torno a residencia alugada. O resto dos habitantes da zona (a moza da tenda, Píter o hippie, a vella e demente Roberta, Andreas o alemán, a familia de cidade que pasa alí as fins de semana) acollerán a Nat con aparente normalidade, mentres de fondo latexan a incomprensión e a estrañeza mutuas.

Con esta lectura, remataremos cas reunións do club por esta temporada, emprazándonos novamente á volta do verán. A xuntanza para comentar a obra celebrarémola o martes 26 de xullo, nun serán un chisco diferente, como é costume nestas datas estivais.

Un bo verán cheo de excelentes lecturas!