luns, 28 de novembro de 2022

O Apalpador visita Brión polo Nadal

En decembro regresan á biblioteca municipal as actividades de animación e difusión da lectura coa visita do noso amigo Caxoto que presentará en Brión o espectáculo “O Apalpador conta con vós”.

Nesta ocasión, Caxoto virá acompañado do Apalpador, un personaxe mitolóxico da tradición oral galega que estivo a piques de desaparecer pero da que aínda quedan algunhas testemuñas na zona do Caurel e Os Ancares. Conta a tradición que é un xigante, que foi carboeiro, que apaña castañas e talla xoguetes de madeira que reparte entre as crianzas en tempo de Nadal. Neste espectáculo recibiremos a súa visita para que nos conte quen é, cal é a súa orixe, a que se dedica no seu día a día, etc.

A cita co Apalpador será o venres 16 de decembro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). O espectáculo está especialmente dirixido a crianzas de 4 a 10 anos e a entrada será de balde ata completar aforo. Se desexas asistir, pode reservar as túas butacas a través do seguinte formulario de inscrición.


 

0 comentarios :

Publicar un comentario