venres, 21 de outubro de 2022

Contacontos con Charo Pita para conmemorar o Día das Bibliotecas

O luns 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha data para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Para conmemorar esta efeméride tan especial, a biblioteca municipal organizou unha actividade de animación para crianzas que contou coa presenza da escritora e narradora Charo Pita que presentou en Brión o contacontos “Andar aos biosbardos”.

A actividade celebrouse o venres 21 de outubro ás 18:00 h. A pesar do tempo desapracíbel, arredor de 20 persoas participaron nun evento que se estendeu durante aproximadamente cincuenta minutos. Un serán lúdico cheo de divertidas historias coma esas que Lebre, Lagarta, Cangrexo, Abella e o Vento Norberto adoitan contar baixo o Freixo Engurrado. Contos que falan da amizade, das dúbidas, dos atrancos, da marabilla que é compartir con quen nos quere.

A sesión contou co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.




0 comentarios :

Publicar un comentario