Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 29 de maio de 2017

"El desorden que dejas" de Carlos Montero, nova lectura do club

Despois de ler “Ilustrísima” de Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017, afrontamos unha nova lectura no club obra doutro escritor galego, nesta ocasión en lingua castelá. Estamos a falar do celanovés Carlos Montero que con “El desorden que dejas” gañou o XX Premio Primavera de Novela.
Un intenso “thriller” psicolóxico publicado polo selo Espasa e protagonizado por Raquel, unha profesora de literatura en horas baixas que acepta unha suplencia nun instituto de Novariz, a vila de onde, casualmente, procede o seu marido. A moza decátase de que Elvira, a súa predecesora, suicidouse e ao finalizar as clases atopa no seu bolso unha nota que di: “E ti canto vas tardar en matarte?” Decidida, Raquel tentará pescudar quen está detrás desa ameaza, e inevitablemente empezarase a obsesionar coa antiga profesora.
Para comentar a novela, reunirémonos o vindeiro 21 de marzo; como de costume, ás 20:30 h. na biblioteca municipal.

mércores, 24 de maio de 2017

Xarope Tulú presenta "A miña primeira viaxe" na Feira do Libro-Maio Cultural 2017

O grupo Xarope Tulú presentou no espazo multiusos do Centro Social de Brión “A miña primeira viaxe”. A peza teatral, que estivo dirixida ao alumnado de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (primeira función) e das escolas unitarias de Bastavales, Luaña e Os Ánxeles (segunda función), xorde da adaptación do libro-álbum do mesmo título escrito por Paloma Sánchez Ibarzábal e publicado por OQO editora en febreiro de 2012.
As representacións celebráronse o mércores 24 de maio, ás 10:30 e 12:20 h., e forman parte do amplo programa de actividades da XXVII Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2017, organizada pola Casa da Cultura e biblioteca municipal do Concello de Brión.

luns, 22 de maio de 2017

O mago Martín Camiña trae a maxia de Carlos Casares a Brión

O espazo polivalente do Centro Social de Brión acolleu o luns 22 de maio unha función de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña. Co título de "A maxia de Carlos Casares" o coñecido artista presentou un espectáculo máxico e literario, cargado de ilusións sustentadas na narrativa, ensaio e as sorpresas da vida e a obra de Carlos Casares.
Nesta ocasión, o auditorio estivo conformado por alumnado de 1º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Máis de 150 nenos e nenas divertíronse durante 60 min. cos xogos e ilusións que Martín Camiña teceu mesturando a súa maxia co encantamento das palabras de Carlos Casares.

sábado, 20 de maio de 2017

"A Noite en Branco" achega a música á biblioteca

Un ano máis “A Noite en Branco da Magariños” reivindica o talento dos intérpretes novos da Escola de Música de Brión cunha serie de recitais en diferentes espazos públicos municipais. Na edición de 2017, o amplo programa musical iniciouse nas instalacións da Escola de Música, continuou na Biblioteca Pública, Sala de Exposicións municipal e Salón de Plenos da Casa Consistorial. O serán musical rematou no espazo multiuso do Centro Social Polivalente, cun último concerto a cargo da Banda de Música Municipal de Brión. 
Na biblioteca pública celebrouse o concerto “Adagio”, que comezou ás 22:30 h. Nel alumnado da escola interpretou fragmentos de “Los chicos del coro”, “Stay with me” de S. Smith ou “Pasodobre dos cabezudos”, entre outros.
Unha noite para gozar da boa música interpretada polos novos valores dun centro de estudos musicais que, unha vez máis, colabora co programa cultural da “Feira do Libro-Maio Cultural 2017”.

"Contando a Carlos Casares" aos mozos de Brión

O alumnado de 2º Ciclo de Secundaria do IES de Brión asistiu á presentación en Brión do documental “Contando a Carlos Casares” do realizador Carlos Veloso. A actividade, que formou parte da programación da Feira do Libro-Maio Cultural 2017, celebrouse o venres 19 de maio no Centro Social ás 11:20 h.
O audiovisual introduce ao espectador na vida e na obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, a través de distintas entrevistas con diferentes persoas vinculadas persoal ou profesionalmente con Carlos Casares. O evento contou coa presenza do director do documental que presentou o proxecto e pechou o acto someténdose a unha rolda de preguntas dos asistentes.

martes, 16 de maio de 2017

Festa das Nosas Letras na Carballeira de Santa Minia

O martes 16 de maio a Carballeira de Santa Minia converteuse nun grande auditorio ao aire libre para celebrar por segundo ano consecutivo a festa das Nosas Letras, dedicada nesta ocasión a Carlos Casares.
Arredor de 650 alumnos e alumnas dos ciclos de Educación Infantil e Primaria do concello participaron nun gran festival organizado polas escolas unitarias de Os Ánxeles, Bastavales e Luaña e o CEIP de Pedrouzos. Un evento que contou colaboración do Concello de Brión, a través da súa Casa da Cultura e biblioteca municipal.
Con recitais, música e danza tradicionais, esta gran festa das Letras e da Lingua celebrou a nosa identidade cultural única a través da lembranza dun dos representantes máis senlleiros da Literatura galega: o profesor, escritor, político e académico Carlos Casares. Un autor homenaxeado ao longo de toda a xeografía galega no Día das Letras Galegas 2017 e que esta mañá estivo moi presente en Brión. 

Ligazón coa galería de imaxes da actividade.

luns, 15 de maio de 2017

Fran Rei trae a Brión "A galiña azul" de Carlos Casares

O cómico Fran Rei achegouse ata o espazo multiusos do Centro Social Polivalente para presentar en Brión a “A Galiña Azul”, un espectáculo creado a partir da coñecida obra literaria de Carlos Casares.
Seguindo a súa habitual liña, o recoñecido artista mesturou narración oral, moito humor, un chisco de maxia e os seus divertidos monicreques para mergullar aos máis pequenos no particular universo que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017 creara na súa popular obra infantil.
O espectáculo, que forma parte da programación da XXVII Feira do Libro-Maio Cultural 2017, estivo dirixido ao alumnado de 2º e 3º Ciclos de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Preto de 350 nenos e nenas asistiron a esta representación que, por mor do limitado aforo do auditorio, estivo dividida en dúas funcións que comezaron respectivamente ás 10:30 h. e 12:15 h.

venres, 12 de maio de 2017

Contos de primavera en Brión con Celtia Figueiras

A animadora Celtia Figueiras presentou na Sala Municipal de Exposicións “Contos de primavera”, outro divertido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
A actividade, incluída na programación da Feira do Libro-Maio Cultural 2017, estivo dirixido a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. A sesión comezou pasadas as 18 h., e estendeuse durante uns 40 min. A asistencia de público foi notable, contabilizándose a presenza de aproximadamente 32 nenos/as e 23 adultos.
A actividade estivo organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 
Ligazón coa galería de imaxes da actividade.

Dous brioneses premiados no XIV Certame Literario de Narrativa e Poesía do Concello de Ames

O alumnado do IES de Brión volta a ser noticia, nesta ocasión, pola excelencia en creación literaria dos rapaces brioneses Daniel Souto Pazó e Manuel Xiráldez Leal. Ámbolos dous veñen de acadar máximos recoñecementos no XIV Certame Literario de Narrativa e Poesía celebrado no veciño Concello de Ames.

Daniel Souto Pazó recibiu o 1º Premio na categoría de narrativa, modalidade de ata 13 anos, coa obra "Vía Libre". Pola súa banda, Manuel Xiráldez Leal destacou en poesía, modalidade 14 a 17 anos, onde obtivo o 1º Premio desta categoría coa obra "De amor en vela".

O xurado deste popular certame estivo composto nesta ocasión pola profesora e crítica literaria Dolores Vilavedra Fernández, que exerce o seu labor docente na Universidade de Santiago de Compostela. Asemade forma parte do consello de redacción da revista Grial e dirixe a sección de crítica literaria. Outro dos membros do xurado foi o escritor e profesor, Manuel Portas. O terceiro membro do xurado foi o filólogo e poeta Ismael Ramos Castelo gañador en varias ocasións no Certame Literario de Ames.

Parabéns aos premiados!

xoves, 11 de maio de 2017

Celtia Figueiras regresa con "Contos de primavera", segundo espectáculo de "As estacións en contos"

O venres 12 de maio a animadora Celtia Figueiras regresa a Brión para presentar “Contos de primavera” outro entretido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
Despois dos “Contos de inverno” a Sala de Exposición Municipal acollerá as novas e primaverais historias que Celtia ten preparadas para público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. A sesión iniciarase ás 18:00 h. con entrada de balde ata completar o aforo.
A actividade, que forma parte da programación da Feira do Libro-Maio cultural 2017, está organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

martes, 9 de maio de 2017

Arranca a XXVII Feira do Libro-Maio cultural cun recital dramatizado a cargo de Serafín Marcos

O luns 8 de maio iniciouse en Brión a programación especial que un ano máis conmemora o Día das Letras Galegas, unha destacada efeméride cultural que este ano se dedica ao escritor Carlos Casares. Baixo a denominación “Feira do Libro-Maio Cultural”, unha ampla selección de actividades achega á cidadanía de Brión, e en especial ao alumnado dos centros educativos do municipio, e pon en valor a figura e a obra do autor homenaxeado no mes das Nosa Letras. E todo isto a través de recitais, conta contos, música e teatro para todas as idades.
O encargado de inaugurar a “XXVII Feira do Libro-Maio Cultural 2017” foi Serafín Marcos que presentou no espazo escénico do Centro Social o recital dramatizado “Carlos Casares”, dirixido ao alumnado do 1º Ciclo de Secundaria do IES de Brión. Un total de 72 rapaces e rapazas participaron nun serán de animación que durante aproximadamente 60 min. presentou diversos aspectos da vida e obra do autor ourensá.
A Feira do Libro-Maio Cultural é unha actividade organizada pola Biblioteca e Casa da Cultura do Concello de Brión. 

mércores, 3 de maio de 2017

XXVII Feira do Libro de Brión-Maio Cultural

Un ano máis, a Feira do Libro de Brión-Maio cultural acode puntual a súa cita coa promoción do libro e a lectura no mes que celebramos a gran festa das nosas Letras. Como de costume, nesta 27ª edición, a Feira do Libro presenta unha programación cultural dirixida especialmente aos máis novos, ofrecendo unha variada oferta lúdica-educativa, con conta contos, recitais, música e teatro.
A ampla e variada programación, que se inicia o día 8 e remata o 31 de maio, está orientada a lembrar e conmemorar a figura de Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas que se celebra o 17 de maio.
Narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural, Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) é unha das figuras máis senlleiras e renovadoras da literatura galega das últimas décadas do século XX. Un intelectual que máis alá do seu talento literario implicouse activamente na vida cultural, política, social e institucional de Galicia, amosando un compromiso inquebrantables coa nosa lingua.
O cartel da Feira do Libro-Maio cultural 2017, co programa completo de actividades, pode consultarse premendo na seguinte ligazón.

Manuel Iglesias Turnes presentou en Brión "Que non te aten"

O venres 28 de abril, a biblioteca municipal e a Casa da Cultura de Brión organizaron na Sala de Exposicións municipal a presentación no concello da última novela do escritor Manuel Iglesias Turnes: "Que non te aten", publicada en 2016 por Edicións Xerais de Galicia.
O evento, que comezou pasadas as 20:30 h., serviu para conmemorar o Día do Libro, unha efeméride que se celebrou en todo o mundo uns días antes, o domingo 23 de abril.
Manuel Iglesias acudiu acompañado a Brión pola historiadora Encarna Otero que participou activamente ao longo do acto. O serán centrouse na última publicación do autor, "Que non te aten", aínda que tamén estivo moi presente a súa anterior novela, "As rapazas de Xan"
Esta última recupera de forma conmovedora a memoria dunha aldea galega dos anos cincuenta do século XX; mentres "Que non te aten" narra a historia de Marcos, un mozo de hoxe que traballa nunha pequena explotación leiteira de cincocentas cabezas que a súa familia rexenta en Cabanas, unha parroquia do Concello da Baña.
Dúas obras moi recomendables que coñecen ben os integrantes do club de lectura da biblioteca municipal, unha actividade de promoción da lectura onde se leron e comentaron ambas novelas en dous seráns que contaron coa presenza do autor.