mércores, 3 de maio de 2017

Manuel Iglesias Turnes presentou en Brión "Que non te aten"

O venres 28 de abril, a biblioteca municipal e a Casa da Cultura de Brión organizaron na Sala de Exposicións municipal a presentación no concello da última novela do escritor Manuel Iglesias Turnes: "Que non te aten", publicada en 2016 por Edicións Xerais de Galicia.
O evento, que comezou pasadas as 20:30 h., serviu para conmemorar o Día do Libro, unha efeméride que se celebrou en todo o mundo uns días antes, o domingo 23 de abril.
Manuel Iglesias acudiu acompañado a Brión pola historiadora Encarna Otero que participou activamente ao longo do acto. O serán centrouse na última publicación do autor, "Que non te aten", aínda que tamén estivo moi presente a súa anterior novela, "As rapazas de Xan"
Esta última recupera de forma conmovedora a memoria dunha aldea galega dos anos cincuenta do século XX; mentres "Que non te aten" narra a historia de Marcos, un mozo de hoxe que traballa nunha pequena explotación leiteira de cincocentas cabezas que a súa familia rexenta en Cabanas, unha parroquia do Concello da Baña.
Dúas obras moi recomendables que coñecen ben os integrantes do club de lectura da biblioteca municipal, unha actividade de promoción da lectura onde se leron e comentaron ambas novelas en dous seráns que contaron coa presenza do autor.


0 comentarios :

Publicar un comentario