HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Que non te aten. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Que non te aten. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de maio de 2017

Manuel Iglesias Turnes presentou en Brión "Que non te aten"

O venres 28 de abril, a biblioteca municipal e a Casa da Cultura de Brión organizaron na Sala de Exposicións municipal a presentación no concello da última novela do escritor Manuel Iglesias Turnes: "Que non te aten", publicada en 2016 por Edicións Xerais de Galicia.
O evento, que comezou pasadas as 20:30 h., serviu para conmemorar o Día do Libro, unha efeméride que se celebrou en todo o mundo uns días antes, o domingo 23 de abril.
Manuel Iglesias acudiu acompañado a Brión pola historiadora Encarna Otero que participou activamente ao longo do acto. O serán centrouse na última publicación do autor, "Que non te aten", aínda que tamén estivo moi presente a súa anterior novela, "As rapazas de Xan"
Esta última recupera de forma conmovedora a memoria dunha aldea galega dos anos cincuenta do século XX; mentres "Que non te aten" narra a historia de Marcos, un mozo de hoxe que traballa nunha pequena explotación leiteira de cincocentas cabezas que a súa familia rexenta en Cabanas, unha parroquia do Concello da Baña.
Dúas obras moi recomendables que coñecen ben os integrantes do club de lectura da biblioteca municipal, unha actividade de promoción da lectura onde se leron e comentaron ambas novelas en dous seráns que contaron coa presenza do autor.


martes, 18 de abril de 2017

Presentación en Brión de "Que non te aten" de Manuel Iglesias Turnes para conmemorar o Día do Libro

De cara á conmemoración do 23 de abril, Día do Libro, a B.P.M. de Brión ten prevista a presentación en Brión de “Que non te aten”, última novela de Manuel Iglesias Turnes publicada por Edicións Xerais.
O acto celebrarase o venres 28 de abril ás 20:30 h. na Sala de Exposicións Municipal, espazo situado na planta baixa da Casa da Cultura de Brión. O autor estará acompañado no evento pola historiadora Encarna Otero.
Con motivo do evento, o venres, a biblioteca pública municipal pechará as súas portas ás 20:00 h.

xoves, 1 de decembro de 2016

Unha xuntanza do Club de lectura moi especial

O mércores 30 de novembro celebramos unha xuntanza moi especial do club de lectura. Despois de ler a novela “Que non tea aten”, publicada este ano en Edicións Xerais de Galicia, tivemos o gran privilexio de contar coa presenza do seu autor, Manuel Iglesias Turnes na reunión de posta en común desta experiencia lectora compartida.
Manuel acudiu amablemente ata a biblioteca pública de Brión para participar xunto cos integrantes do Club de lectura nun serán moi ameno e enriquecedor. Nel falounos da súa última creación literaria, unha obra que xa vai pola segunda edición. Ao longo da sesión tocáronse diferentes asuntos relacionados coa temática da obra, os personaxes e as súas relacións, o entorno social e laboral no que viven, etc.
Que non te aten” narra a historia de Marcos, un mozo que vive no rural galego e traballa na explotación leiteira familiar de cincocentas cabezas situada en Cabanas, unha parroquia aparentemente deserta de xente que non queda moi lonxe de Santiago (e de Brión). As relacións familiares e de parella, as rivalidades cunha granxa veciña, a situación social e económica do agro son temas que trata a novela e que resultan de vixente actualidade.
Unha lectura moi recomendable, diáfana e directa, escrita con devoción por alguén que coñece moi de preto a realidade que narra páxina tras páxina, que non é outra que a dun rural galego que loita por non desaparecer sendo fiel a si mesmo, axudado de modernos métodos empresariais que nada teñen que envexar aos nosos veciños europeos máis avanzados.
O amor, a familia, o traballo, a papel da muller, a violencia de xénero, etc... están presentes nunha novela que esperamos presentar aos veciños de Brión en poucos meses. Mentres, só queda agradecer a Manuel Iglesias Turnes a súa accesibilidade e amabilidade connosco; tamén o seu valioso tempo, que non dubidou en dedicarnos na reunión do club deste mércores. 

Manuel Iglesias Turnes (Cabanas, A Baña, 1950) desenvolveu a súa actividade profesional vinculada ao mundo da gandería, concretamente relacionada coa mellora xenética da raza Frisona, na variedade Holstein. Primeiro presidente da Fundación Afonso Eáns do Val do Barcala. Como narrador publicou as novelas "As rapazas de Xan" (Xerais, 2012) e "Que non te aten" (Xerais, 2016).   -Fonte: Ed. Xerais-

xoves, 10 de novembro de 2016

O club de lectura inicia temporada con "Que non te aten" de Manuel Iglesias Turnes

Iniciamos unha temporada máis do club de lectura da biblioteca pública municipal, con novas lecturas compartidas e xuntanzas para por en común as nosas experiencias lectoras. Nesta ocasión, o libro escollido para comezar é “Que non te aten”, segunda novela do escritor Manuel Iglesias Turnes.
Tras ler a súa anterior obra, “As rapazas de Xan”, na que recuperaba de forma conmovedora a memoria dunha aldea galega dos anos cincuenta do século XX, propoñémonos agora coñecer a historia de Marcos, un mozo que traballa nunha pequena explotación leiteira de cincocentas cabezas que a súa familia rexenta en Cabanas, unha parroquia do Concello da Baña.
Unha historia arredor da vida cotiá dunha familia galega que vive e traballa no noso agro; un espazo próximo e recoñecible, cada vez máis ameazado por un xeito de vida máis urbano e globalizado. Para comentar esta lectura, xuntarémonos o mércores 30 de novembro. Como de costume ás 20:30 h. na biblioteca municipal.