HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

martes, 31 de maio de 2022

Unha nova lectura no club: Illa decepción de Berta Dávila

Retomamos a senda da lectura no club cun novo achegamento á literatura patria, nesta ocasión da man da autora compostelá Berta Dávila. “Illa decepción” é a obra escollida, unha novela pola que a escritora nada en Santiago recibiu o premio de Narrativa Breve Repsol en 2020.

Berta Dávila narra neste libro a historia dunha memoria que rescata o presente. Para conseguir xuntalo cun pasado vívido, cálido, ao que se pode viaxar por medio da literatura. A protagonista desta novela expándese en dúas direccións aparentemente opostas: a do vencello cotián co seu fillo durante o confinamento e a do resto daquela nena que aínda perdura na súa imaxinación. Así, movida por un soño, máis de vinte anos despois de abandonalo, decide presentarse no apartamento onde viviu coa súa familia durante a nenez e a adolescencia.

Para compartir a experiencia da súa lectura reunirémonos na biblioteca o vindeiro 27 de xuño.

luns, 16 de maio de 2022

Historias fabulosas: maxia e sombras chinesas con Ian & Elisa en Brión

O venres 3 de xuño os ilusionistas Ian & Elisa visitarán Brión para cativar coa súa maxia e simpatía a crianzas e público adulto. Ás 18:00 h, na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) presentarán o seu espectáculo “Historias fabulosas: dous magos e outras cousas maxia”, un entretido serán que reúne maxia e sombras chinesas usando contos e fábulas como fío condutor facendo que grandes e pequenos gocen dun fermoso e entretido espectáculo onde se fomenta o hábito da lectura como método para facer voar a imaxinación.

O espectáculo, dunha duración aproximada de 50 min., está especialmente dirixido a público de entre 4 e 12 anos de idade, aínda que os adultos que asistan divertíranse coma crianzas. O acceso será libre ata completar o aforo. Reserva de butacas para o espectáculo a través deste formulario.

O espectáculo conta co patrocinio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 


 

sábado, 14 de maio de 2022

Úrsula Heinze presenta en Brión "Flashes"

A Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) acolleu a presentación en Brión da última publicación da recoñecida escritora Úrsula Heinze, “Flashes”. Unha obra en dous volumes que recompila un conxunto de relatos a xeito de instantáneas, onde a autora plasma momentos da súa vida (dispoñible na biblioteca municipal).
O encontro literario celebrouse o venres 13 de maio ás 20:30 h. e forma parte da máis ampla programación de actividades que a Casa da Cultura e a biblioteca municipal de Brión organizan no mes de maio para conmemorar a celebración do Día das Letras Galegas.
Xunto a escritora de orixe alemá, afincada en Compostela dende 1968, participaron na presentación Luís Alonso Girgado, recoñecido editor, escritor, tradutor e investigador; Víctor F. Freixanes, escritor, xornalista, editor e profesor universitario, presidente da Real Academia Galega dende 2014. Tamén Dolores Vilavedra, profesora na USC, integrante do consello de redacción da revista Grial, escritora, tradutora e crítica literaria.
Ursula Heinze de Lorenzo é unha destacada escritora, con numerosas novelas, ensaios e relatos dirixidos tanto a público infantil, xuvenil como adulto. Tamén destaca polas súas composicións poéticas, escritas indistintamente en galego e alemán. Tampouco debemos esquecer o seu labor como tradutora de autores alemáns ao galego e castelán. 
 



 

martes, 3 de maio de 2022

Maio Cultural - Letras Galegas 2022: Florencio Delgado

O Día das Letras Galegas deste ano homenaxeará a Florencio Delgado Gurriarán. Escritor e militante galeguista que trala fin da Guerra Civil tivo que exiliarse a México, país onde se establecería definitivamente.

Con motivo desta celebración, Brión dedicará o seu Maio Cultural-Letras Galegas 2022 a este autor. Dende o 7 ao 31 de maio, están previstas unha sería de actividades, algunhas en colaboración cos centros de ensino do municipio, para celebrar o mes no que florecen as Nosas Letras.

 

Actividades programadas:

Día 7 maio. Fegateatro. Centro Social Polivalente, 20:00 h.
O grupo Teatro Escoitade de Vigo presenta "Dominó Celeste ou Que vai ser de ti, Ernesto!" 
Traxicomedia. Maiores de 14 anos.
Sinopse: Que acontece cando es levado a un lugar para curarte? Por que non o entendes? Que atopas cando nada hai ao teu arredor? Por que o cerebro te leva por carreiros tan retortos? Quen provoca estes desvaríos?... Observa, entón, toda unha vida perfilada con lembranzas cando se rachan as ligazóns neuronais.
 
Día 13 maio.- Espectáculo musical con Xoán Curiel. Sala Municipal de Exposicións. 18:00 h.
Crianzas de entre 6 e 12 anos de idade.
Xoán Curiel presenta “Cantando as nosas letras”. Xoán canta a Xela Arias, Antonio Fraguas, Carvalho Calero, Florencio Delgado Gurriarán e algúnhs outros/as autores das nosas letras. Un percorrido musical para falar das súas obras e das súas experiencias vitais, co obxectivo de achegar estas figuras ao público asistente. 
Entrada de balde ata completar aforo. Reserva en: bibliotecadebrion@briondixital.org. (Envía unha mensaxe co nome dun adulto, un tfno. de contacto e o número de cadeiras que desexas reservas.)
 
Día 13 maio.- Encontro Literario con Úrsula Heinz. Sala Municipal de Exposicións. 20:30 h.
Esta recoñecida autora presenta o libro “Flashes”. Estará acompañada por Luís Alonso Girgado, Víctor F. Freixanes e Dolores Vilavedra.
 
Día 14 maio.- Fegateatro. Centro Social Polivalente, 20:00 h.
Farándula Velutina de Corcubión presenta “A derradeira bala”
Comedia. Maiores de 7 anos
Sinopse: Luciana Cardone decide abandonar as trincheiras para ir na busca doutro mundo, cheo de poesía, teatro, música…pero descuberta e xulgada polos seus superiores, é condenada a morte. Á mañá seguinte, será fusilada coa derradeira bala que garda o pelotón. Mais o amor pola música de Luciana e as súas ansias de liberdade farán que a cousa se complique un chisco polo camiño.

Día 16 maio.- Cerimonia de entrega do IV Premio Laudamuco para textos teatrais a Paula Carballeira.
Sala Municipal de Exposición. 20:30 h.

Día 19 maio.- Presentación en Brión do libro “Rastros” de Roberto Vidal Bolaño.
Sala Municipal de Exposicións. 20:30 h.
A cargo de Paco Macías de Edicións Positivas e Lois Blanco Araúxo (director teatral).

Día 21 maio.- A Compañía Coproducións Condetrespés presenta “Rastros"
20:00 h. Centro Social Polivalente.
Sinopse: Santiago de Compostela. Finais do século XX. Esther agoniza no hospital. Tres homes, seguramente os máis importantes da súa vida, relembran momentos que compartiron con ela, apunto de cumprir os 30 anos. Iago, Moncho e Xan están no mesmo espazo, están na cabeza dela a punto de marchar. A viaxe dos recordos é un punto de encontro duns amigos que compartiron case todo, agás evolucionar

Día 28 maio.- VII Andaina Terras de Altamira

Día 28 maio.- Fegateatro. Centro Social Polivalente. 20:00 h.
Disfunción Continua Teatro de A Estrada presenta “Departamento de selección”
Drama. Maiores de 16 anos

Sinopse: Este espectáculo, dirixido a un público maior de 16 anos, presenta varias personaxes que aceptan participar nun xogo cruel e perverso, onde manifestan o seu cinismo, egoísmo, intolerancia e falta de empatía. O público, xunto coas personaxes, debe decidir ata onde chega a verdade e onde comeza o truco. O espectador poderá reflexionar sobre o comportamento humano e os valores da sociedade de mercado en que vivimos. A obra, que alterna momentos máis divertidos con outros máis dramáticos, é unha crítica á deshumanización do mundo capitalista, que nos converte en inimigos e competidores, dispostos á loita máis salvaxe na que todo vale.

En todos os espectáculos teatrais a entrada será de balde ata completar aforo. Reserva de localidades en billeteira.concellodebrion.gal

Tamén se van organizar diferentes espectáculos ao longo do mes de maio dirixidos exclusivamente ao alumnado dos diferentes centros educativos de Brión.

Cartel Maio Cultura - Letras Galegas 2022