Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 23 de maio de 2019

"Na miña alma ouvea un lobo" de Xavier Lama, vindeira lectura do club

Despois de ler a novela “Dende o conflito” de María Reimóndez, afrontamos unha nova lectura no club da man de Xavier Lama, escritor que ven de ser galardoado co I Premio para Textos Teatrais “Laudamuco”, organizado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Un certame literario que escolleu como obra gañadora da súa primeira edición “Na miña alma ouvea un lobo”, un texto teatral asinado por Xavier que foi recoñecido por un xurado integrado por Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villaín.
En 2011, a través do xornal The Guardian, comezan a agromar os primeiros datos, aínda cativos, e nos anos seguintes, ata 2015, irán xurdindo novos casos: uns oitenta policías realizaran labores de espionaxe utilizando identidade doutros tantos nenos mortos.
Infiltráronse en movementos ecoloxistas, antinucleares e antisistema. Polo menos corenta deses policías mantiveron relacións duradeiras, de carácter íntimo, con mulleres activistas que non tiñan nin idea de que se deitaran durante anos con axentes secretos. De varias desas parellas naceron fillos. Esta obra conta a historia dun policía con dobre personalidade e dunha desas mulleres que viviron un amor falso.
Para comentar esta lectura reunirémonos o vindeiro mércores 5 de xuño na biblioteca municipal, como de costume, ás 20:00 h.

xoves, 16 de maio de 2019

Xavier Lama recibe en Brión o premio de teatro Laudamuco

O xoves, 16 de maio, ás 12:00 h. tivo lugar na Sala Municipal de Exposicións de Brión a cerimonia de entrega do Premio Laudamuco para textos teatrais que na súa primeira edición recaeu en Xavier Lama. Un certame literario organizado polo Concello de Brión en colaboración coa Asociación Galega de Teatro e a editorial Positivas.
O autor participou neste certame coa obra “Na miña alma ouvea un lobo”, presentada baixo o lema “Refachos de dor”. O texto dramático foi seleccionado entre os 54 traballos presentados por un xurado que o escolleu pola "capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras de funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos"
Xavier Lama recibiu un premio en diñeiro por valor de 7.000 euros. Unha cantidade que o converte no premio teatral de maior dotación económica dos existentes no panorama galego. Asemade, levou unha peza artística conmemorativa orixinal deseñada polo artista Xosé Vizoso e a editorial Positivas publicará o texto premiado.
Ao acto asistiron diversos persoeiros do mundo da política, as artes escénicas e a cultura, encabezados por José Luís García, alcalde de Brión. Como oradores tamén participaron na cerimonia Francisco Macías, da editorial Positivas; o escritor Manuel Guede, representando ao xurado do certame e Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro. Unha sorpresa  foi a intervención do presidente da Real Academia Galega, Víctor  Freixanes. O acto rematou coa intervención do autor, que minutos antes recibiu o  recoñecemento ao seu talento da man do rexedor brionés.
O premio Laudamuco toma a súa denominación do personaxe central do texto dramático de Roberto Vidal Bolaño "Laudamuco, señor de ningures", co que a Compañía "Antroido" deu un paso decisivo na historia do Teatro Galego outro 16 de maio, pero do ano 1977. Con esta iniciativa, o Concello de Brión quere que esta data se converta  nun momento para o recordo, o recoñecemento e a celebración das nosas artes escénicas.

martes, 14 de maio de 2019

Dous brioneses premiados no XVI Certame Literario do Concello de Ames

O pasado 10 de maio o Concello de Ames deu a coñecer o nome das premiadas e dos premiados no XVI Certame Literario Concello de Ames. Na edición deste ano dúas novas promesas brionesas da escritura acadaron cadanseu recoñecemento.

Falamos de Noa de Blas Sánchez, que conseguiu o 3º Premio na 1ª categoría (ata 13 anos) da modalidade de poesía e de Daniel Souto Pazó, tamén 3º Premio na 2ª categoría (14 a 17 anos) na modalidade de narrativa.

O concurso literario reuniu un total de 176 traballos procedentes de localidade de toda Galicia e varias do resto de España, a cifra máis elevada dende a creación deste certame. O veredicto recaeu nun xurado que estivo composto pola escritora e profesora Ana R. Figueiredo; o escritor e poeta Rafa Vilar González; e pola investigadora de literatura Carmen Ferreira Boo .

A entrega de premios celebrarase o xoves, 16 de maio, nun acto que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro.A listaxe completa de gañadores pode consultarse na seguinte ligazón. Parabéns ás gañadoras e aos gañadores.

luns, 13 de maio de 2019

O alumnado do IES de Brión acada o Premio especial do Festival Audiovisual Escolar Olloboi

O alumnado do IES de Brión ven de acadar un novo recoñecemento á súa excelencia e talento no eido do audiovisual. O pasado 10 de maio, o colectivo IESBrionCine do centro de secundaria brionés acadou o Premio Especial do Festival Olloboi. Un certame de cinema que celebrou a súa novena edición no espazo dos Estaleiros Triñanes en Boiro.

Un festival audiovisual escolar onde se presentaron traballos de varios centros de ensino da bisbarra. O xurado escolleu ás curtas gañadoras entre un total de 157 pezas que se presentaron a concurso. As rapazas e rapaces de Brión conseguiron o recoñecemento coa curtametraxe “Mais eu non son eu”, que foi elixida pola súa calidade audiovisual e bagaxe pedagóxica.

Parabéns unha vez máis!

mércores, 8 de maio de 2019

Maio Cultural 2019: Os Quinquilláns inauguran a programación con "Language planning"

Os Quinquilláns inauguraron o día 8 de maio a programación do Maio Cultural brionés presentando no Centro Social Polivalente o espectáculo “Language Planning”, unha adaptación teatral dos relatos de “Made in Galiza” do escritor Sechu Sende.

Aproximadamente 65 rapazas e rapaces e 4º da ESO do IES de Brión asistiron a unha función que baixo un punto de vista cómico e retranqueiro presenta a situación que vive o galego na sociedade actual.

Este espectáculo teatral supuxo o arranque dunha ampla programación de actividades que se desenvolverá ao longo do mes de maio co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao profesor Antón Fraguas. O principal destinatario do programa é o alumnado dos diferentes centros de ensino do concello, aínda que tamén contempla actividades dirixidas aos usuarios da biblioteca municipal e á cidadanía en xeral.

Máis información na seguinte ligazón.

sábado, 4 de maio de 2019

Xavier Lama gaña o primeiro Premio Laudamuco para textos teatrais

A primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais ten gañador. O escritor e xornalista Xavier Lama ven de alzarse co galardón deste certame convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.

O autor participou neste certame coa obra “Na miña alma ouvea un lobo”, presentada baixo o lema “Refachos de dor”. O texto dramático foi un dos 54 traballos avaliados polo xurado que o escolleu pola "capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras de funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos"

Xavier Lama é un prolífico autor que ten no seu haber premios coma o Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Camiño de Santiago, o Rafael Dieste, o Manuel María, o María Casares de Teatro; sen esquecer o Esquío e o González Garcés de poesía.

A entrega do premio terá lugar en Brión o vindeiro 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.

venres, 3 de maio de 2019

Maio cultural 2019, Letras Galegas Antón Fraguas

O Día das Letras Galegas está dedicado este ano a Antón Fraguas, historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. Co gallo desta celebración, o Concello de Brión, a través da biblioteca municipal de da Casa da Cultura, organiza ao longo do mes de maio unha programación especial de actividades, especialmente destinadas ao público infantil e mozo que cursa estudos nos diferentes centros de ensino brioneses.
O principal obxectivo das actividades que a continuación presentamos non é outro que difundir durante todo o mes o valor da nosa lingua e cultura a través da súa manifestación literaria encarnada este ano na figura de Antón Fraguas.

Maio cultural, Letras Galegas Antón Fraguas

MÉRCORES, 08 DE MAIO:
OS QUINQUILLÁNS presentan "Language Planning". Para alumnado de 4º da ESO do IES de Brión.

VENRES, 10 DE MAIO:
CONTRAPRODUCIÓNS presentan "Fillos so sol". Para alumnado de 3º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Brión.

SÁBADO, 11 DE MAIO:
RUTA ROSALIANA Saída da Carballeira de Sta. Minia ás 9:15 h. Inscrición de balde ata o 30 de abril.

MARTES, 14 DE MAIO:
- MONTSE RIVERA presenta "Cóntocho un traxe". Para alumnado de 3º e 4º de Primaria do CEIP de Pedrouzos.
- TÍTERES ALAKRÁN presentan "Circo Galaico". Para alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEIP de Pedrouzos.

MÉRCORES, 15 DE MAIO:
Festa das LETRAS NA CARBALLEIRA "ANTÓN FRAGUAS". Para o alumnado do CEIP de Pedrouzos e Escolas de Os Ánxeles, Bastavales e Luaña. Poesía, música, baile e canto tradicionais, instalacións, etc. Coa a actuación de: "ÇE ORQUESTRA PANTASMA"

XOVES, 16 DE MAIO:
- ELEFANTE ELEGANTE presenta "Lobo bobo". Para o alumnado de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos.
- Acto de entrega do I PREMIO LAUDAMUCO DE TEXTOS TEATRAIS. Ás 12:00 h. diante do busto de Roberto Vidal Bolaño na Carballeira de Santa Minia.

VENRES, 17 DE MAIO:
GALA DA PATINAXE. No Pavillón Polideportivo Municipal.

SÁBADO, 18 DE MAIO:
SENDEIRISMO: Ruta de Aguiño. Saída ás 8:30 h. da Carballeira de Santa Minia. Inscrición no Tfno. 981 50 99 69.

LUNS, 20 DE MAIO:
- MONTSE RIVERA presenta "Cóntocho un traxe". Para alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Pedrouzos.
- EXPOSICIÓN COLECTIVA DE PINTURA a cargo das alumnas e dos alumnos da ACADEMIA DAVINCI . Presentación ás 21:00 h. no Centro Social Polivalente. Do 20 de maio ata o 7 de xuño.

MÉRCORES, 22 DE MAIO:
ELEFANTE ELEGANTE presenta "Patapatúm". Para as crianzas das escolas de Os Ánxeles, Luaña e Bastavales.

VENRES, 24 DE MAIO:
Recital dramatizado con SERAFÍN MARCOS "Quen ten un mestre etnógrafo?, Homenaxe a Antón Fraguas" Para o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES de Brión.

SÁBADO, 25 DE MAIO:
V ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA.

MÉRCORES, 29 DE MAIO:
TRÉMOLA TEATRO presenta "Que animaliño é?". Para as crianzas da Escola Infantil Municipal de Brión.

VENRES, 31 DE MAIO:
PAKOLAS presenta "As parábolas de Pakolas". Ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións.