xoves, 16 de maio de 2019

Xavier Lama recibe en Brión o premio de teatro Laudamuco

O xoves, 16 de maio, ás 12:00 h. tivo lugar na Sala Municipal de Exposicións de Brión a cerimonia de entrega do Premio Laudamuco para textos teatrais que na súa primeira edición recaeu en Xavier Lama. Un certame literario organizado polo Concello de Brión en colaboración coa Asociación Galega de Teatro e a editorial Positivas.
O autor participou neste certame coa obra “Na miña alma ouvea un lobo”, presentada baixo o lema “Refachos de dor”. O texto dramático foi seleccionado entre os 54 traballos presentados por un xurado que o escolleu pola "capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras de funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos"
Xavier Lama recibiu un premio en diñeiro por valor de 7.000 euros. Unha cantidade que o converte no premio teatral de maior dotación económica dos existentes no panorama galego. Asemade, levou unha peza artística conmemorativa orixinal deseñada polo artista Xosé Vizoso e a editorial Positivas publicará o texto premiado.
Ao acto asistiron diversos persoeiros do mundo da política, as artes escénicas e a cultura, encabezados por José Luís García, alcalde de Brión. Como oradores tamén participaron na cerimonia Francisco Macías, da editorial Positivas; o escritor Manuel Guede, representando ao xurado do certame e Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro. Unha sorpresa  foi a intervención do presidente da Real Academia Galega, Víctor  Freixanes. O acto rematou coa intervención do autor, que minutos antes recibiu o  recoñecemento ao seu talento da man do rexedor brionés.
O premio Laudamuco toma a súa denominación do personaxe central do texto dramático de Roberto Vidal Bolaño "Laudamuco, señor de ningures", co que a Compañía "Antroido" deu un paso decisivo na historia do Teatro Galego outro 16 de maio, pero do ano 1977. Con esta iniciativa, o Concello de Brión quere que esta data se converta  nun momento para o recordo, o recoñecemento e a celebración das nosas artes escénicas.

0 comentarios :

Publicar un comentario