Despois de ler a novela “Dende o conflito” de María Reimóndez, afrontamos unha nova lectura no club da man de Xavier Lama, escritor que ven de ser galardoado co I Premio para Textos Teatrais “Laudamuco”, organizado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.
Un certame literario que escolleu como obra gañadora da súa primeira edición “Na miña alma ouvea un lobo”, un texto teatral asinado por Xavier que foi recoñecido por un xurado integrado por Rosa Álvarez, María Barcala, Luma Gómez, Manuel Guede e Damián Villaín.
En 2011, a través do xornal The Guardian, comezan a agromar os primeiros datos, aínda cativos, e nos anos seguintes, ata 2015, irán xurdindo novos casos: uns oitenta policías realizaran labores de espionaxe utilizando identidade doutros tantos nenos mortos.
Infiltráronse en movementos ecoloxistas, antinucleares e antisistema. Polo menos corenta deses policías mantiveron relacións duradeiras, de carácter íntimo, con mulleres activistas que non tiñan nin idea de que se deitaran durante anos con axentes secretos. De varias desas parellas naceron fillos. Esta obra conta a historia dun policía con dobre personalidade e dunha desas mulleres que viviron un amor falso.
Para comentar esta lectura reunirémonos o vindeiro mércores 5 de xuño na biblioteca municipal, como de costume, ás 20:00 h.
0 comentarios :
Publicar un comentario