HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta premios literarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premios literarios. Amosar todas as publicacións

xoves, 18 de novembro de 2021

O Concello de Brión convoca o IV Premio Laudamuco para textos teatrais

O Concello de Brión ven de convocar unha nova edición do Premio Laudamuco para textos teatrais. Un galardón que persegue estimular e apoiar a creación de obra dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura.  Unha vez máis, o Concello de Brión conta para esta iniciativa co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas.

A este premio poderán optar todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. O prazo de admisión de orixinais rematará o día 11 de febreiro de 2022.

O galardón literario está dotado cunha achega económica de 7.000 euros, unha escultura conmemorativa orixinal do artista Xosé Vizoso, ademais da edición da obra gañadora. O veredicto do xurado darase a coñecer na terceira semana do mes de abril de 2022. A entrega do premio realizarase nun acto solemne, organizado polo Concello de Brión, o 16 de maio de 2022, corenta e catro aniversario da posta en escena da obra "Laudamuco, señor de ningures".

Máis información en www.concellodebrion.gal

sábado, 26 de outubro de 2019

O concello de Brión convoca o II Premio Laudamuco para textos teatrais

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas, veñen de convocar o II Premio “Laudamuco” para textos teatrais, un certame literario dotado con 7000 € e a edición da obra gañadora por Edicións Positivas. O prazo para a presentación dos textos rematará o 14 de febreiro de 2020 e poderán concorrer autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, escrita en lingua galega. O tema e a extensión das obras son libres.

O Concello de Brión anunciou a convocatoria deste concurso no mesmo acto no que se presentou o libro Roberto Vidal Bolaño. "Unha poética teatral xenuinamente galega", de Manuel Quintáns. Este galardón toma o nome da obra “Laudamuco, señor de ningures”, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía “Antroido”, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.

Ligazón coas bases de participación.

xoves, 16 de maio de 2019

Xavier Lama recibe en Brión o premio de teatro Laudamuco

O xoves, 16 de maio, ás 12:00 h. tivo lugar na Sala Municipal de Exposicións de Brión a cerimonia de entrega do Premio Laudamuco para textos teatrais que na súa primeira edición recaeu en Xavier Lama. Un certame literario organizado polo Concello de Brión en colaboración coa Asociación Galega de Teatro e a editorial Positivas.
O autor participou neste certame coa obra “Na miña alma ouvea un lobo”, presentada baixo o lema “Refachos de dor”. O texto dramático foi seleccionado entre os 54 traballos presentados por un xurado que o escolleu pola "capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras de funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos"
Xavier Lama recibiu un premio en diñeiro por valor de 7.000 euros. Unha cantidade que o converte no premio teatral de maior dotación económica dos existentes no panorama galego. Asemade, levou unha peza artística conmemorativa orixinal deseñada polo artista Xosé Vizoso e a editorial Positivas publicará o texto premiado.
Ao acto asistiron diversos persoeiros do mundo da política, as artes escénicas e a cultura, encabezados por José Luís García, alcalde de Brión. Como oradores tamén participaron na cerimonia Francisco Macías, da editorial Positivas; o escritor Manuel Guede, representando ao xurado do certame e Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia Galega de Teatro. Unha sorpresa  foi a intervención do presidente da Real Academia Galega, Víctor  Freixanes. O acto rematou coa intervención do autor, que minutos antes recibiu o  recoñecemento ao seu talento da man do rexedor brionés.
O premio Laudamuco toma a súa denominación do personaxe central do texto dramático de Roberto Vidal Bolaño "Laudamuco, señor de ningures", co que a Compañía "Antroido" deu un paso decisivo na historia do Teatro Galego outro 16 de maio, pero do ano 1977. Con esta iniciativa, o Concello de Brión quere que esta data se converta  nun momento para o recordo, o recoñecemento e a celebración das nosas artes escénicas.

sábado, 4 de maio de 2019

Xavier Lama gaña o primeiro Premio Laudamuco para textos teatrais

A primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais ten gañador. O escritor e xornalista Xavier Lama ven de alzarse co galardón deste certame convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.

O autor participou neste certame coa obra “Na miña alma ouvea un lobo”, presentada baixo o lema “Refachos de dor”. O texto dramático foi un dos 54 traballos avaliados polo xurado que o escolleu pola "capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras de funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos"

Xavier Lama é un prolífico autor que ten no seu haber premios coma o Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Camiño de Santiago, o Rafael Dieste, o Manuel María, o María Casares de Teatro; sen esquecer o Esquío e o González Garcés de poesía.

A entrega do premio terá lugar en Brión o vindeiro 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.

mércores, 24 de outubro de 2018

O Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas convocan o premio de creación teatral "Laudamuco"

O Concello de Brión, en colaboración coa Academia Galega de Teatro e con Edicións Positivas, veñen de convocar a primeira edición do Premio “Laudamuco” para textos teatrais. Un galardón de carácter anual, dotado con 7.000 euros e coa publicación da obra premiada, que estará aberto a autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita, nunca antes premiada e escrita en lingua galega antes do 15 de febreiro de 2019. 
O premio foi presentado o martes 24 de outubro no Consello da Cultura Galega por José Luís García, alcalde de Brión; Inma Antonio Souto, presidenta da Academia Galega de Teatro; Francisco Macías, fundador de Edicións Positivas; e Dolores Vilavedra, secretaria do Consello da Cultura Galega.
O galardón toma o nome da obra Laudamuco, señor de ningures, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño. Unha iniciativa determinante para o conxunto do sistema teatral galego e sen a que non se podería explicar a súa historia posterior.
Máis información e bases en Infobrion.com

mércores, 31 de xaneiro de 2018

IV Premio Literario Nortear: ampliación do prazo de presentación das obras

Froito da favorable acollida de anos anteriores, vense de convocar a IV Edición do Premio Literario Nortear - Novos Escritores Norte de Portugal – Galicia, que é unha iniciativa conxunta da Direção Regional de Cultura do Norte (Portugal), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – Xunta de Galicia (España) e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal.
Dende esta biblioteca, coa finalidade de procurar a maior divulgación posible ao evento, achegamos o regulamento da convocatoria de dito premio para o ano 2018, e que poderán consultarse premendo na ligazón a pé de páxina.
Adiantamos que no certame poderán participar as persoas nacidas na Rexión Norte de Portugal ou Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos. Serán admitidas a concurso todas as obras que teñan data de entrada no seguinte enderezo ata o 29 de xuño de 2018 (inclusive):
Agrupación Europea de cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal Edificio CETMAR,
Rúa Eduardo Cabello, s/n
36208 Bouzas-Vigo

Máis información

mércores, 30 de novembro de 2016

III edición dun premio literario para novos escritores de Galicia e do Norte de Portugal

Froito da favorable acollida de anos anteriores, vense de convocar a terceira edición do premio literario Nortear - Novos Escritores Norte de Portugal – Galicia, que é unha iniciativa conxunta da Direção Regional de Cultura do Norte (Portugal), da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria – Xunta de Galicia (España) e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia - Norte de Portugal.

Dende este centro, coa finalidade de procurar a maior divulgación posible ao evento, achegamos as bases que regulan a convocatoria de dito premio para o ano 2017, e que poderán consultarse premendo na ligazón á pé de páxina.

Adiantamos que no certame poderán participar as persoas nacidas na Rexión Norte de Portugal ou Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 36 anos. Serán admitidas a concurso todas as obras que teñan data de entrada no seguinte enderezo ata o 30 de abril de 2017:

Agrupación Europea de cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal
Edificio CETMAR, Rúa Eduardo Cabello, s/n
36208 Bouzas-Vigo