Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 27 de febreiro de 2017

Presentación do libro “Brión: historia, economía, cultura, arte”, de Clodio González Pérez

O Concello de Brión, a través da Deputación provincial da Coruña, ven de publicar unha edición revisada e ampliada da obra do profesor Clodio González Pérez “Brión : historia, economía, cultura, arte”, un libro co que se agasallou a todas e cada unha das familias do municipio.
Para presentar esta nova publicación a toda a cidadanía, o Concello de Brión organizará un evento o vindeiro venres 3 de marzo. Un serán que contará coa presenza do autor, que tamén estará acompañado por Luciano Pena Andrade e por José Luís García, Alcalde de Brión. O acto celebrarase no espazo multi usos do Centro Social Polivalente a partir das 20:30 h.
Tamén lembramos aos nosos usuarios e usuarias que, con motivo desta presentación, a biblioteca pública municipal pechará ese día ás 20:00 h.

xoves, 23 de febreiro de 2017

Por eso me chaman Rosa, campaña de visibilidade da figura de Rosalía

Brión conmemora o 24 de febreiro, Día de Rosalía, cunha programación especial de actividades que se estenderá ao logo do mes de marzo. Dentro da campaña para dar visibilidade á figura da nosa gran poetisa, a Casa da Cultura de Brión luce unha pancarta nunha das súas fachadas que reproduce unha ilustración obra do recoñecido artista plástico Xosé Vizoso.

Co lema “Por eso me chaman Rosa: 24 de febreiro, Día de Rosalía de Castro”, o deseño de Vizoso tamén ilustra un marca páxinas conmemorativo que xa está a disposición de toda a cidadanía na biblioteca municipal, Casa Consistorial e Casa da Cultura de Brión. Un pequeno complemento á lectura que tamén se repartiu entre os escolares dos diferentes centros educativos do municipio.


Se te achegas á biblioteca pública municipal, non esquezas recoller o teu marcador; é de balde. Seguro que che resultará moi útil para non perder o fío da lectura e lembrar á gran Rosalía de Castro.

mércores, 22 de febreiro de 2017

A viaxe de Rosalía fai escala en Brión

O día 10 de marzo, venres, o Centro Social Polivalente acollerá o espectáculo de monicreques “A viaxe de Rosalía” de Larraitz Urruzola. A función, dirixida a público infantil e adulto, comezará ás 18:00 h. e prolongarase durante aproximadamente 45 min. A entrada será de balde ata completar aforo.
A actriz Larraitz Urruzola combina nesta obra a interpretación persoal, os monicreques de mesa de grande talla artística así como a manipulación de obxectos acompañada dunha música moi acaída, un vestiario fermoso e dignísimo para os personaxes e das ferramentas da narración oral tradicionais para que coñezamos as pasaxes máis importantes da vida de Rosalía de Castro e a súa obra literaria.
Esta actividade forma parte da programación coa que o Concello de Brión, a través da súa biblioteca pública e Casa da Cultura, homenaxea á autora de “Campanas de Bastavales” na celebración do Día de Rosalía, o 24 de febreiro, cando se cumpre 180 anos do seu nacemento.

martes, 21 de febreiro de 2017

Exposición na biblioteca para conmemorar o Día de Rosalía

A biblioteca municipal de Brión conmemora esta semana o Día de Rosalía de Castro cunha pequena homenaxe á autora de “Campanas de Bastavales”. Baixo a denominación de “Unha imaxe e mil versos: imaxes e poemas de Rosalía de Castro”, a exposición recolle versos seleccionados de “Cantares gallegos” e “Follas novas”, dúas das publicacións máis recoñecidas de Rosalía.
Cada poema (ou fragmento) acompáñase dun retrato da poetisa tomado da selección que recolle na súa páxina web a Fundación Casa Museo de Rosalía de Castro. Un proxecto que desexa dar visibilidade á figura e á obra desta gran autora na semana que celebramos o 180 centenario do seu nacemento.

A mostra vai poder contemplarse, ademais de na biblioteca municipal, na biblioteca escolar do IES de Brión. Permanecerá exposta durante o tempo que estea vixente a programación do 24 de febreiro: Día de Rosalía de Castro.

luns, 20 de febreiro de 2017

Brión lembra a Rosalía cunha ampla programación de actividades

A biblioteca publica municipal e a Casa da Cultura do Concello de Brión desexan celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, Día de Rosalía. Para tal fin, e co gallo de conmemorar o aniversario do nacemento da autora, van programar unha serie de actividades lúdicas e culturais destinadas a lembrar a esta senlleira figura das nosas letras.
Ante a coincidencia desta efeméride coas celebracións do Entroido, e para evitar solapamentos, a maior parte das actividades previstas desenvolveranse no vindeiro mes de marzo; a excepción da exposición que a biblioteca dedicará á autora de “Campanas de Bastavales”, que estará dispoñible dende o sábado 18 de febreiro ata rematar a programación. 

Programa de actividades:

- Exposición “Unha imaxe e mil versos”

A biblioteca municipal presenta unha pequena exposición de seu, con imaxes e poemas de Rosalía de Castro: “Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro”. Unha mostra que simultaneamente se poderá ver na biblioteca escolar “Roberto Vidal Bolaño” do IES de Brión, froito da colaboración entre ambos centros.

- “A viaxe de Rosalía”, monicreques con Larraitz Urruzola

Un espectáculo de monicreques unipersoal sobre Rosalía de Castro, onde da man da narradora e titiriteira, Larraitz Urruzola e con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, coñeceremos parte da obra Rosaliana e algúns dos momentos da vida desta insigne artista Galega.
O espectáculo celebrarase no espazo multi usos do Centro Social Polivalente o venres 10 de marzo ás 18:00 h. Con entrada libre ata completar aforo. Para todos os públicos.

- Rosalía cumpre 180 anos! Queres celebralo con ela?

Rosalía sae dos libros para celebrar o seu 180 aniversario no seu lugar favorito: a biblioteca. A actriz María Torres caracteriza unha divertida Rosalía que fala da súa vida, dos seus fillos e da súa paixón, a poesía, ao tempo que propón distintos xogos de creación literaria.
O serán de animación celebrarase na sala infantil da biblioteca municipal, o venres 17 de marzo a partires das 18:00 h. Entrada de balde ata completar aforo. Espectáculo especialmente dirixido ao público infantil.

- 3 de marzo: Homenaxe a Rosalía en colaboración co CEIP de Pedrouzos

O venres 3 de marzo, o alumnado do CEIP de Pedrouzos realizará unha pequena ruta pedestre dende o alto do Monte Rubial ata a igrexa parroquial de San Xiao de Bastavales. Nesta andaina, os nenos e nenas de Brión percorrerán os lugares que Rosalía inmortalizou no poema “Campanas de Bastavales”. Un percorrido guiado, acompañado do recitado de poemas da inmortal autora.

- Campaña de fomento da visibilidade da figura de Rosalía entre a cidadanía de Brión.

Trátase dunha acción destinada a fomentar a visibilidade da figura e obra de Rosalía de Castro entre a veciñanza do municipio. Unha campaña que destacará os vínculos sentimentais entre Brión e Rosalía a través dunha lona e unha serie de marca páxinas que presentarán como deseño unha ilustración do recoñecido artista Xosé Vizoso.
A lona instalarase anualmente no balcón da Casa da Cultura de Brión, cada 24 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía. Os marca páxinas repartiranse entre os escolares do concello e estarán dispoñibles de balde para toda a cidadanía na biblioteca municipal e nas Casa Consistorial e Casa da Cultura de Brión.

Cartel co programa de actividades:

Cartel coa imaxe da campaña, creación do artista Xosé Vizoso.

venres, 17 de febreiro de 2017

"Suite francesa" de Irène Némirovsky, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar a última novela de Francisco Castro, “Amor é unha palabra coma outra calquera” (Galaxia, 2016), achegámonos agora á obra da escritora Irène Némirovsky que, aínda que nada en Ucraína, viviu en Francia dende 1919 ata que foi deportada ao campo de Auschwitz, onde morreu en 1942.
O novela (ou mellor dito conxunto de novelas) escollida é “Suite francesa”, unha obra que non chegou a ser rematada pola autora, ao ser arrestada pola súa orixe xudía. O caderno onde se conservaba o manuscrito orixinal foi conservado polas súas fillas e non foi publicado ata 2004.
A obra pretendía retratar a vida en Francia durante a invasión e posterior ocupación alemá, desde xuño de 1940, mes en que o exército nazi derrotou rapidamente aos defensores franceses e aos aliados do exército expedicionario británico. 
Unha obra que comentaremos o martes 14 de marzo; como sempre ás 20:30 h., na biblioteca municipal

Ficha do libro:

Título:  "Suite francesa"
Autor: Irène Némirovsky
Editorial: Barcelona : Salamandra, 2007
Descrición física: 473 p. ; 23 cm.

Materias:
1. Vida cotiá-Novelas, 2. Guerra Mundial, 1939-1945-Novelas, 3. Francia-Historia-Novelas, 4. Recordos-Novelas, 5. Sociedade-Novelas