Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 24 de outubro de 2016

Celebramos o Día da Biblioteca con Caxoto e os seus "Contos de medo que deixan durmir"

Caxoto Contacontos visitou esta tarde a biblioteca municipal de Brión cos seus “Contos de medo que deixan durmir” na equipaxe. Un espectáculo de animación dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade que durante 60 min. divertiu por igual a pequenos e grandes.
O serán conta contos celebrouse ás 18:00 h. na sala infantil da biblioteca, un espazo que se fixo pequeno ante unha afluencia de nenos e pais como hai tempo non se vía. Máis de 50 nenos e nenas participaron na sesión de animación, sen contar aos adultos, que na súa maioría tiveron que esperar na sala principal ao completarse o aforo da sección infantil.
Co tema do medo como protagonista, Caxoto combinou no espectáculo narración, música e xogo, interactuando en todo momento co público para converter os temores dos pequenos en algo do que rirse e co que divertirse. Todo grazas a fantasía dos contos e a imaxinación dos espectadores.
Unha actividade coa que a BPM de Brión se une á celebración do Día da Biblioteca, unha efeméride que quere trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como punto de encontro de lectores de todas as idades coa cultura, e coma un instrumento de mellora da formación e convivencia. A sesión conta contos contou co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 


mércores, 19 de outubro de 2016

O "Observatorio de la Lectura y el Libro" lanza una campaña para homenaxear as bibliotecas

O luns 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca. Con tal motivo, dende o “Observatorio de la Lectura y el Libro”, pertencente á “Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte” propóñenche participar na campaña “Bibliotízate” que podes seguir no witter co hashtag #bibliotízate dende o 19 de outubro ata o vindeiro día 24. 
A proposta é ben sinxela: convidar aos usuarios do Twitter a que conten que biblioteca os ten “hipnotizados” e por que. Se desexas participar, só deberás enviar un chío á conta do “Observatorio de la Lectura y el Libro” (@observalibro) coa etiqueta #bibliotízate incluíndo o nome da biblioteca e a localidade onde se atopa, así como a razón pola que exerce unha forza tan especial sobre ti. Dende esta institución recompilarán todas as mensaxes para coñecer cal é a biblioteca que máis seduce aos participantes na campaña e entre os usuarios que a mencionaran, o observatorio realizará un sorteo do que sairá un gañador que levará un lote de libros.
Os detalles da campaña e as bases podes consultalas na seguinte ligazón.

sábado, 15 de outubro de 2016

O sábado 22 de outubro, comeza o Club Camaleón

O Camaleón da biblioteca pública de Brión regresa á sala infantil para reunirse unha vez ao mes cos seus amigos. Durante a súa ausencia, Paco Papán viaxou por todo o mundo e leu centos de libros na procura de milleiros de historias que contar a todos os nenos e a todas as nenas de 3 a 8 anos de idade que queiran formar parte do club.
Historias que Paco desexa compartir cos seus amigos e amigas nunha actividade de animación á lectura consistente en conta contos, xogos, concursos... e algunha que outra sorpresa. Para facelo, o club Camaleón reunirase un sábado ao mes a partires da 12:00 h., durante aproximadamente 60 min.
A actividade constará de dous grupos: un conformado por nenos/as de 3 e 4 anos de idade que se reunirán o segundo sábado do mes e outro integrado por nenos/as de 5 a 8 anos que será convocado o último sábado. Para formar parte do club, os únicos requisitos son a idade, participar na actividade acompañados dun adulto e inscribirse na biblioteca sen custo algún, pois a actividade é de balde.
O sábado 22 de outubro arrinca a nova temporada do camaleón, cunha primeira xuntanza na que serán convocados os participantes con idades comprendidas entre os 5 e os 8 anos. O sábado 12 de novembro realizarase a segunda reunión, dirixida aos nenos e nenas de 3 e 4 anos. A partir de entón, continuarán as sesións coa regularidade comentada (segundo e último sábado do mes, dependendo do grupo). Por suposto, os integrantes de cada grupo serán informados previamente ás xuntanzas cunha comunicación a través do correo electrónico dos pais.