O Camaleón da biblioteca pública de Brión regresa á sala infantil para reunirse unha vez ao mes cos seus amigos. Durante a súa ausencia, Paco Papán viaxou por todo o mundo e leu centos de libros na procura de milleiros de historias que contar a todos os nenos e a todas as nenas de 3 a 8 anos de idade que queiran formar parte do club.
Historias que Paco desexa compartir cos seus amigos e amigas nunha actividade de animación á lectura consistente en conta contos, xogos, concursos... e algunha que outra sorpresa. Para facelo, o club Camaleón reunirase un sábado ao mes a partires da 12:00 h., durante aproximadamente 60 min.
A actividade constará de dous grupos: un conformado por nenos/as de 3 e 4 anos de idade que se reunirán o segundo sábado do mes e outro integrado por nenos/as de 5 a 8 anos que será convocado o último sábado. Para formar parte do club, os únicos requisitos son a idade, participar na actividade acompañados dun adulto e inscribirse na biblioteca sen custo algún, pois a actividade é de balde.
O sábado 22 de outubro arrinca a nova temporada do camaleón, cunha primeira xuntanza na que serán convocados os participantes con idades comprendidas entre os 5 e os 8 anos. O sábado 12 de novembro realizarase a segunda reunión, dirixida aos nenos e nenas de 3 e 4 anos. A partir de entón, continuarán as sesións coa regularidade comentada (segundo e último sábado do mes, dependendo do grupo). Por suposto, os integrantes de cada grupo serán informados previamente ás xuntanzas cunha comunicación a través do correo electrónico dos pais.
0 comentarios :
Publicar un comentario