Caxoto Contacontos visitou esta tarde a biblioteca municipal de Brión cos seus “Contos de medo que deixan durmir” na equipaxe. Un espectáculo de animación dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade que durante 60 min. divertiu por igual a pequenos e grandes.
O serán conta contos celebrouse ás 18:00 h. na sala infantil da biblioteca, un espazo que se fixo pequeno ante unha afluencia de nenos e pais como hai tempo non se vía. Máis de 50 nenos e nenas participaron na sesión de animación, sen contar aos adultos, que na súa maioría tiveron que esperar na sala principal ao completarse o aforo da sección infantil.
Co tema do medo como protagonista, Caxoto combinou no espectáculo narración, música e xogo, interactuando en todo momento co público para converter os temores dos pequenos en algo do que rirse e co que divertirse. Todo grazas a fantasía dos contos e a imaxinación dos espectadores.
Unha actividade coa que a BPM de Brión se une á celebración do Día da Biblioteca, unha efeméride que quere trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como punto de encontro de lectores de todas as idades coa cultura, e coma un instrumento de mellora da formación e convivencia. A sesión conta contos contou co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
0 comentarios :
Publicar un comentario