En abril, mes do libro e a lectura, a biblioteca municipal ten preparadas varias actividades para conmemorar unha data moi especial, o 23 de abril, na que se celebra a nivel mundial o Día do Libro. Por iso que, os días 23 e 24 de abril, non podes faltar a túa cita con algunha das propostas que che ofrecemos dende a biblioteca.
Presentacións literarias con María López Sánchez e Mariña Pérez Rei
O xoves 23 de abril ás 20:30 h., a escritora María López Sández acudirá a Sala de Exposicións municipal para presentar “O faro escuro”, unha novela que acaba de ser publicada pola Editorial Galaxia. No acto estará presente a profesora Dolores Vilavedra.
O venres 24 de abril, a profesora do IES de Brión, Mariña Pérez Rei, presentará “Boca de gárgola”, un libro de poesía editado por Círculo Rojo. Unha obra en torno a Compostela que ven acompañada dunha exposición de imaxes do fotógrafo Martín Pérez Fernández que complementan os versos da autora. O acto comezará ás 20:30 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura.
Teatro para celebrar o amor polos libros
O venres 24 de abril ás 17:30 h., Raquel Queizás descóbrenos “A maleta da avoa”, repleta de pequenos tesouros, na que vive a memoria entre libros, culleres,
chapeus... Un espectáculo de conta contos con obxectos e monicreques,
para nenas e nenos a partir de 3 anos de idade. Esta actividade está patrocinada polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. Celebrarase nun espazo aínda por concretar, que será a biblioteca ou a Sala de Exposicións da Casa da Cultura. O acceso será de balde ata completar aforo. Permanecede atentos a este blog e ao Twitter da biblioteca.
A Noite en branco da Magariños, música e arte na biblioteca (atrasada ao 8 de maio)
A ESMU Magariños de Brión organiza por segundo ano consecutivo “A noite en branco”, unha actividade consistente nunha serie de recitais itinerantes que percorrerán diferentes espazos escénicos do concello, como a propia escola, a biblioteca municipal, a Sala de Exposicións e o Centro Social Polivalente. A actividade, prevista inicialmente para o día 24 de abril, atrásase ao venres 8 de maio.
Na biblioteca comezará arredor das 22:30 h. Como novidade deste ano, os recitais irán acompañados dun obradoiro de pintura do artista plástico noiés Alfonso Costa, que acompañado pola música, executará unha pequena obra pictórica en cada escala que realicen os intérpretes, tamén na biblioteca.