Despois de ler “La barraca”, de Vicente Blasco Ibáñez, abandónamos a “huerta” valenciana para dirixinos á Gran Bretaña vitoriana, sen deixar atrás o S. XIX. Non cambiamos de época na ambientación, pero si de estilo e narrador, porque agora imos ler un autor coetáneo, o británico Julian Barnes.
Escritor tres veces finalista do premio Booker polas obras “Flaubert's Parrot” (1984), “England, England” (1998), e Arthur & George (2005); esta última, a novela escollida como vindeira lectura do noso club. Tamén un recoñecido autor de novela policial baixo o pseudónimo de Dan Kavanagh.
“Arthur e George” conta a historia de dous homes que medran no esplendor da Inglaterra vitoriana, pero en mundos aparte: George, entre a rectitude moral dunha familia que exerce o sacerdocio nunha pequena aldea de Staffordshire. Tímido e feble, conseguirá formarse como avogado e traballar en Birmingham, mentres que o teimudo Arthur consultará como doutor antes de converterse en escritor e crear o máis famoso detective de todos os tempos, Sherlock Holmes. Barnes desenterra un escuro caso real que lle serve para introducirse nos pensamentos de dúas persoas moi distantes entre si, pero que comparten a mesma preocupación polo que significa a identidade, a nación e as aspiracións vitais. (Fonte Rinoceronte Editora)
A data de reunión fixámola para o mércores 8 de abril, como sempre ás 20:30 h. na biblioteca pública municipal.
0 comentarios :
Publicar un comentario