Os días 27, 28 e 29 de xuño a arte e os artistas son os
protagonistas dunha fin de semana onde os pinceis e os cabaletes dunha
vintena de pintores trasladaranse ao aire libre para descubrir aos
veciños e visitantes de Brión o proceso creativo polo que un lenzo en
branco se transforma nunha obra de arte.
Porque regresa o Encontro coa Arte, unhas xornadas de convivencia e
creación artística que nesta ocasión nos agasallan cunha edición moi
especial. Un Encontro que se antolla diferente, no senso que se converte
nun intercambio cultural e artístico entre Galicia e Cataluña, froito
dun convenio de colaboración asinado o pasado ano entre o Concello de
Brión e a localidade xerundense de Castell-Platja d’Aro.
Na primavera de 2013, e baixo a denominación de “Trobada d’ Art. De
l'Empordà a Galicia”, unha decena de artistas galegos participan xunto
con catorce creadores cataláns nunha exposición colectiva que permaneceu
aberta ao público na citada vila xerundense ata o día 5 de maio de
2013.
Nos vindeiros días, será unha representación de artistas cataláns os
que visita Brión para participar no “IX Encontro coa Arte. De l’Empordà
a Galicia”. Unha xornadas nas que dez creadores procedentes de Girona
convivirán con doce pintores galegos, ofrecéndonos a posibilidade de
participar do seu talento nunha exposición artística e tamén nos
obradoiros creativos ao aire libre onde os veremos traballar.
Programa:
O venres 27 de xuño, ás 13 h., terá lugar na casa do concello unha
recepción institucional que abrirá o IX Encontro coa Arte. Pola tarde,
os artistas trasladaranse ata a entorna natural de Ponte Maceira para
realizar a primeira xornada de pintura do natural neste fermoso lugar.
As 20:30 h., no Centro Social Polivalente, celebrarase o concerto “A
miña primeira Rosalía”, un recital no que participan María Manuela,
Xiana Lastra, Mini e Mero; un espectáculo de balde ao que está convidado
todo o mundo ata completar aforo.
O sábado 28 pola mañá, os artistas trasladan os lenzos en branco ata a
parroquia de Bastavales para enchelos coas cores do lugar que inspirou
os famosos versos de Rosalía de Castro. Ao serán, ás 21:30 h., terá lugar a
inauguración da exposición “Encontro de Arte "De L'Empordá a Galicia",
una mostra colectiva de pintura a cargo dos artistas cataláns e galegos
que participan no encontro. Poderase visitar de balde na Sala de Exposicións do Concello de Brión ata o vindeiro 18 de xullo.
O domingo 29, os obradoiros de pintura do natural trasládanse ata o
Paseo do Río Pego, en Pedrouzos. Un lugar no que os pintores pasarán a
mañá creando as obras que logo doarán a pinacoteca municipal para formar
parte do patrimonio artístico do concello.