Esta tarde recibimos na biblioteca municipal unha agradable sorpresa, da man de
Alicia Yáñez Rodríguez, unha pequena usuaria que con regularidade acode a sala infantil na procura de lecturas. A visita de hoxe foi moi especial, porque Alicia non veu retirar libros en préstamo, como de costume, senón que quixo agasallarnos, xunto co seu irmán
Martiño, en nome da asociación ANEDIA con dous exemplares da colección de Os Bolechas.
Trátase dunhas guías sobre a diabetes dirixidas aos nenos e ás nenas máis pequenos/as para darlles a coñecer en que consiste esta doenza e como as crianzas que a padecen poden integrarse e desenvolver unha vida activa e saudable.
As guías “Os Bolechas saben o que é a diabetes” e “Manuela é nova na escola: medrando con diabetes”, foron creados polo ilustrador Pepe Carreiro e están publicados pola editorial Bolanda co patrocinio da Deputación da Coruña, ANEDIA (Asociación de Nenas, Nenos e Xente Nova con Diabetes de Galicia) e o Servizo Galego de Saúde.
Dende ANEDIA, a través o seu blog, comentan a importancia de ter materiais propios cos que traballar este tema cos máis cativos, coas familias e cos centros educativos. Da man de Pepe Carreiro crearon estas guías de Os Bolechas, uns recursos didácticos de grande utilidade.
ANEDIA está doando a bibliotecas escolares e municipais de Galicia este interesante recurso lúdico e informativo. A Brión chegou da man de Alicia Yáñez e a súa familia que entregaron os mencionados exemplares á biblioteca municipal para que permanezan accesibles a toda a cidadanía. A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e o encargado da biblioteca, Armando Patiño, acompañados polo técnico de Cultura Alberto Álvarez, foron os encargados de recibir este agasallo en forma de libro que quedará a disposición de toda a veciñanza do Concello de Brión.