HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

martes, 30 de novembro de 2021

Presentación en Brión do libro de María Antonia Cao López

Marian, con mente prodixiosa, emprende unha viaxe cara a un lugar descoñecido coa ilusión de triunfar no amor e deseñar a súa vida. Eduardo perseguía o mesmo camiño e os mesmos soños de Marian. Estes lévanos ao mesmo encontro coas adversidades que lles impuxo a vida.
Este é o argumento de “Rosas y espinas”, a novela publicada por Letrame que María Antonia Cao López, unha brionesa de Os Ánxeles residente en Barcelona, presentará o vindeiro 16 de decembro na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) ás 20:30 h. Será nun serán organizado pola biblioteca municipal e o Departamento de Cultura ao que está convidada todas a veciñanza.
As persoas que desexen asistir a este acto só deberan enviar unha mensaxe coa solicitude ao enderezo de correo electrónico: bibliotecadebrion@briondixital.org. No correo deberase incluír o nome e apelidos da persoa solicitante e un teléfono de contacto, precisando o número de butacas requiridas. A reserva farase por orde de inscrición ata completar o aforo da sala. 
No acto respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, o hixienizado de mans na entrada con xel hidroalcólico e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan.

martes, 23 de novembro de 2021

25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Con motivo da conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a biblioteca municipal desexa sensibilizar a toda a cidadanía sobre esta terrible eiva contra a que debemos loitar ata erradicala da sociedade.

A información é a mellor arma para acadar este albo, porque con educación podemos previr e reverter un fenómeno que afecta a milleiros de mulleres ao longo de todo o planeta. Por iso, na semana do 25 de novembro, comprometémonos máis que nunca a dar visibilidade e liberarnos das violencias machistas. 

Asemade, desexamos convidarvos a descubrir unha pequena mostra bibliográfica sobre o tema que atoparás nun dos expositores da sala principal da biblioteca. Son libros que atoparás de xeito habitual no noso punto de interese permanente sobre igualdade. 


 

xoves, 18 de novembro de 2021

O Concello de Brión convoca o IV Premio Laudamuco para textos teatrais

O Concello de Brión ven de convocar unha nova edición do Premio Laudamuco para textos teatrais. Un galardón que persegue estimular e apoiar a creación de obra dramática en lingua galega e contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura.  Unha vez máis, o Concello de Brión conta para esta iniciativa co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas.

A este premio poderán optar todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. O prazo de admisión de orixinais rematará o día 11 de febreiro de 2022.

O galardón literario está dotado cunha achega económica de 7.000 euros, unha escultura conmemorativa orixinal do artista Xosé Vizoso, ademais da edición da obra gañadora. O veredicto do xurado darase a coñecer na terceira semana do mes de abril de 2022. A entrega do premio realizarase nun acto solemne, organizado polo Concello de Brión, o 16 de maio de 2022, corenta e catro aniversario da posta en escena da obra "Laudamuco, señor de ningures".

Máis información en www.concellodebrion.gal

luns, 15 de novembro de 2021

Regresa á biblioteca o Club de lectura para adultos

Despois dunha obrigada parada nas actividades presenciais por mor da pandemia, regresa á biblioteca municipal o Club de lectura (adultos). Unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de compartir experiencias lectoras con outras persoas.
Tras a lectura dunha obra literaria en lingua galega ou castelá, realizaremos unha xuntanza na biblioteca co fin de facer unha posta en común das nosas experiencias lectoras. Unhas reunións nas que, máis alá da obra literaria, os libros e a lectura serven de fío condutor para a análise e a reflexións sobre diversos temas de actualidade.
Para inscribirte no club de lectoras/es da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca a través do seus correos electrónicos ou chama ao tfno.: 981 50 99 69 para participar nesta actividade.