Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 14 de xaneiro de 2016

"O club da calceta" de María Reimóndez, vindeira lectura do club.

Deixamos atrás a costa levantina, escenario das últimas investigacións policiais do brigada Bevilacqua e da sarxento Chamorro, para regresar á Galicia. E facémolo da man de María Reimóndez, escritora lucense e autora da novela “O club da calceta”.

Seis mulleres de idades e procedencias diferentes xúntanse nun local dunha asociación veciñal para aprender calceta. Nos seráns conversan sobre as súas vidas e os seus problemas, que logran superar ben sexa coa axuda das demais ou mediante a toma de conciencia propia.

Unha historia con múltiples facetas, chea de interese social e humano que tamén foi adaptada á escena por Teatro Morcego e ao cine por Antón Dobao. Unha novela que se converte na vindeira lectura do club.

Para comentala e poñer en común a nosa experiencia lectora, reunirémonos o día 3 de febreiro ás 20:30 h. na biblioteca municipal. 

mércores, 13 de xaneiro de 2016

EBOOKDICORUNA, un novo servizo de préstamo de libro electrónico a túa disposición

Dende a biblioteca pública municipal queremos transmitirvos unha boa nova. A Deputación Provincial da Coruña pon en funcionamento un novo servizo: http://ebook.dicoruna.es/, unha plataforma que pon á disposición dos usuarios de calquera biblioteca municipal da provincia a colección de libros electrónicos da Biblioteca Provincial da Deputación.

A través deste servizo, os usuarios poderán acceder ao préstamo das principais novidades editoriais en formato dixital, e de balde, para a lectura a través de dispositivos electrónicos: teléfonos, tabletas dixitais, lectores de libros electrónicos e computadoras.

Para acceder á plataforma, os usuarios das bibliotecas publicas municipais da provincia farano dende o seu respectivo centro, neste caso dirixíndose á BPM de Brión, dende onde se tramitará a solicitude de alta no servizo.

Que é necesario para facelo?:

1. Ser usuario dalgunha biblioteca municipal ou da Biblioteca da Deputación da Coruña.
2. Ter como mínimo 14 anos de idade. ( Os libros infantís serán descargados por conta dos pais).
3. Ter un dispositivo compatible e unha conta de correo electrónico.

Unha vez realizada a correspondente inscrición, o usuario recibirá un correo electrónico coa información para establecer o contrasinal e acceder a eBookDicoruna. Na plataforma o usuario poderá:

- Procurar no catálogo obras por título, autor ou materia.
- Emprestar ata 2 libros electrónicos por un máximo de 21 días.
- Reservar o documento no caso de que a obra se atope prestada. Pódense reservar 2 libros, confirmando o préstamo antes de 48 horas.
- Devolver a obra. Se non se fai, aos 21 días expírase o arquivo de xeito automático.

Unha vez realizado o préstamo, a obra pode lerse: utilizando a aplicación gratuíta “Adobe Digital Editions” (hai que rexistrarse en Adobe ID, para o que debes descargar o libro desde “A miña conta”); dende a aplicación gratuíta “eBookDicoruna”, dispoñible para sistema Apple e Android. Coa aplicación, os e-books que teñas prestados estarán automaticamente dispoñibles.

Esta é unha nova ferramenta que se suma aos múltiples recursos que che ofrece a túa biblioteca máis próxima , a biblioteca do teu concello. Disporás de acceso a contidos dixitais para a lectura os 365 días ao ano, as 24 horas do día. Ademais, non terás que desprazarte dende a casa, nin para coller nin para devolver o préstamo. Se tes algunha dúbida, contacta coa biblioteca municipal (981 50 99 69) ou directamente coa Biblioteca Provincial da Coruña (981 08 01 76).

Ver tamén, GaliciaLe.gal

martes, 5 de xaneiro de 2016

Lembranza: A biblioteca municipal pecha na tarde do 5 de xaneiro

Con motivo da recepción oficial no pavillón municipal ás SS. MM. Os Reis Magos, a BPM de Brión pechará as súas portas na tarde do día 5 de xaneiro.
A partir do xoves 7 de xaneiro, a biblioteca recuperará o horario de funcionamento habitual:
Mañás: de 10 a 13 h.
Tardes: de 16 a 22 h.
Sábados: de 9 a 14 h.