Dende o 5 de outubro ata o 28 de decembro os veciños e visitantes de
Brión van poder gozar cunha ampla e variada programación cultural,
enmarcada dentro do programa “Outono Cultural 2012”. A fotografía, a
pintura, a música, o teatro e o tradicional magosto teñen cabida nun
outono repleto de actividades dirixidas a toda a familia.
O Centro Social Polivalente, a Casa da Cultura e o Teleclube de Ons son
os lugares de acollida de exposicións e actuacións musicais e
teatrais. A arte dramática vai ocupar un lugar moi destacado, grazas ao
VI Ciclo de Teatro Afeccionado “Pedra do Moucho” de Ons e ás actuacións
de teatro profesional que van celebrarse no auditorio do Centro Social
Polivalente. Este último tamén acollerá, xunto a Casa da Cultura e a
Escola de Música Magariños, destacadas actuacións musicais.
O Outono da Arte
Ademais da exposición de fotografía “Auga… como excusa”, que xa pode
visitarse na Sala de Exposicións de Brión, nas vindeiras semanas
poderemos gozar dunha mostra a cargo da “Asociación Galega de Arte e
Cultura”, unha exposición dos artistas Antón Sobral e Carmen Hermo, e
outra a cargo do pintor Xosé Vázquez Castro.
Magosto na Carballeira
O tradicional Magosto brionés vaise celebrar o día 30 de novembro, a
partir da 18:00 h. na Carballeira de santa Minia. Con chocolate e
castañas de balde e algunha outra sorpresa, a popular festa do magosto
achegará un pouco de calor ao frío outono que nos espera.
Teatro afeccionado en Ons co VI Ciclo “Pedra do Moucho”
Un ano máis, o Teleclube de Ons acollerá catro representacións teatrais a
cargo dos grupos “Teatro Badius” que presentará a obra “Facer o sueco”;
“Rueiro”, que representará “A miña muller e o fontaneiro”; “Teatro de
Cámara DITEA” que porá en escena “Acto imprevisto”; e os brioneses
“Trangalleiro Teatro” que nos farán rir coa obra “O enfermo imaxinario”.
Teatro afeccionado e profesional no Centro Social
Un ano máis, o Centro Social Polivalente convertese nunha sala teatral
onde o grupo local Trangalleiro Teatro presentará “ O enfermo
imaxinario”, unha das obras máis recoñecidas do dramaturgo francés
Moliere. Xa a nivel profesional, Verdeverás Expresións Artísticas
representará a súa obra “Tacóns na corda”, Abrapalabra Creacións
Escénicas Cándido Pazó porá en escena “Memorias dun neno labrego”; e
Volta e Dálle Teatro presentará “Menciñeiros”.
Música
No outono cultural de Brión tampouco faltará a música, cun concerto de
guitarra a cargo de Xosé Guzmán na Escola de Música Magariños e outro na
Sala de Exposición da Casa da Cultura executado polo Grupo de Metais
Santa Cecía. Ludmila Orlova volverá presentar a súa tradicional Gala
Lírica para recibir o Nadal.
O outono en Brión presentase cheo de posibilidades para o tempo de
lecer. O calendario completo con todas as actividades pódese consultar
premendo na
seguinte ligazón.