Dende a BPM de Brión queremos divulgar entre os nosos usuarios e as nosas usuarias un novo e interesante servizo que pon á disposición dos lectores e lectoras das biblioteca públicas da provincia a Depuración da Coruña. Falamos da plataforma de préstamo de libro dixital
EbiblioDaCoruna (máis información
aquí) que a partires do día 12 de febreiro estrea o seu
Club lector.
Que é?
EbibioDaCoruna Club Lector é un espazo en liña para ler, comentar e compartir lecturas, tanto en castelán como de autores galegos, tendo en conta a actualidade, intereses e gustos dos participantes. En definitiva, un club de lectura virtual aberto as 24 horas no que pode participar calquera persoa usuaria do servizo de préstamo dixital EbiblioDaCoruna.
Como funciona?
O club de lectura divídese en dúas salas, “Arredor dos libros” dedicado a escritores galegos, e “Compartiendo lecturas”, no que se percorren libros de variada temática e de actualidade en castelán.
Está moderado por unha persoa cualificada con moitos anos de experiencia moderando clubs de lectura e impartindo clases de español e galego. Os clubs de lectura tamén teñen o soporte do persoal técnico da Biblioteca da Deputación.
A programación das lecturas no club para os vindeiros meses é a seguinte:
Arredor dos libros:
· “Vivir sen permiso e outras historias de Oeste”, de Manuel Rivas. Comeza o 12 de febreiro.
· “A memoria da choiva”, de Pedro Feijoo. Comeza o 16 de abril.
· “Insolación”, de Emilia Pardo Bazán. Comeza o 11 de xuño.
Compartiendo lecturas:
· “Los pacientes del doctor García”, de Almudena Grandes. Comeza 28 de febreiro.
· “Poesía reunida”, de Ida Vitale. Comeza 4 de abril.
· “La uruguaya”, de Pedro Mairal. Comeza 28 de maio.
Quen pode participar no club?
Calquera persoa usuaria da EbiblioDaCoruna (o servizo de préstamo dixital da Biblioteca da Deputación). Para acceder só é preciso cumprir os seguintes requirimentos:
- Ter un dispositivo para ler con acceso á Internet: móbil, ordenador, tableta…
E identificarse no apartado “Iniciar sesión” coas claves da EbiblioDaCoruna.
Como unirse a un club e participar?
Unha vez que a persoa interesada se identifica no apartado “Iniciar sesión”, xa pode comezar a seguir calquera dos dous clubs, premendo en “Seguir”.
Na pestana Información aparece a programación do club para os vindeiros meses e unhas breves indicacións de uso.
Na pestana Lecturas pódese tomar en préstamo o libro, que estará dispoñible a partir do mesmo día en que comeza o club.
Nas pestanas Foro, Chat e Citas pódese contestar ás conversas que abre a persoa moderadora, chatear co resto de participantes no club, e compartir as nosas frases favoritas do libro.
Onde atopar información?
Toda a información necesaria para participar no club pode atoparse na páxina web da Biblioteca www.dacoruna.gal/biblioteca no apartado EbiblioDaCoruna Club Lector.
Pode demandarse atención personalizada de información no enderezo de correo biblioteca.info@dacoruna.gal e no teléfono 981 080 176. Tamén de xeito presencial na sala de Préstamo e Información no primeiro andar da Biblioteca en Riego de Agua 37, A Coruña.
Xunto a este correo e no apartado mencionado da web pode atoparse unha guía breve de uso do EbiblioDaCoruna Club Lector.