A Biblioteca Provincial da Deputación de Coruña ven de renovar a súa plataforma de préstamo dixital accesible para todas as usuarias e todos os usuarios de calquera biblioteca pública da provincia da Coruña. Un servizo que xa viña funcionando dende tempo atrás e que agora ofrece máis posibilidades. Na EbibliodaCoruna os lectores dispoñen das últimas novidades literarias e libros de coñecemento; pero ademais, poden acceder a outro tipo de materiais, como xornais, revistas, películas, audio-libros, cursos, etc.
Que é EbiblioDaCoruna
É a plataforma gratuíta de préstamo dixital de libros, películas, audio-libros e outros contidos dixitais das máis variadas temáticas, que a Deputación da Coruña pon en servizo para todas as persoas usuarias de calquera biblioteca pública da provincia da Coruña.
Funcionamento do préstamo
Para acceder ao servizo tes que introducir o usuario e o contrasinal facilitados tras o proceso de alta. O catálogo permite a busca por título, autoría, ISBN ou ben mediante filtros de temáticas especiais.
Unha vez localizado o exemplar desexado podes obter unha vista previa das primeiras páxinas ou tomalo en préstamo.
Unha vez rematado o prazo de préstamo, as obras desaparecerán automaticamente da túa conta.
Se a obra que buscas está prestada podes reservala. Cando estea dispoñible recibirás unha mensaxe de correo electrónico e terás un prazo máximo de 48 horas para tomala en préstamo.
Modos de lectura
- En streaming, visualización dos contidos en tempo real, sen necesidade de descarga, a través de calquera navegador conectado a internet e en calquera dispositivo.
- Lectura mediante descarga, neste caso precisas, configurar unha conta Adobe ID e instalar no teu ordenador a aplicación Adobe Digital Editions.
- A través da APP de lectura para tabletas e teléfonos intelixentes dispoñible para IOS e Android.
Tanto Adobe Digital Editions coma a aplicación de lectura permiten a sincronización e poder gozar da mesma obra en diferentes dispositivos.
Requirimentos para a alta no servizo
- Ter máis de 15 anos
- Ser usuaria/o de calquera biblioteca pública da provincia da Coruña
- Dispor dun enderezo electrónico
- Ter un ou máis dispositivos para ler (ordenador persoal, teléfono móbil, tableta ou lector de libro electrónico)
Solicita a inscrición na túa biblioteca ou na nosa web:
Contacta con nós a través do noso enderezo electrónico:
biblioteca.info@dacoruna.gal ou no teléfono 981 080 176
Podes acceder a plataforma premendo na seguinte ligazón.
0 comentarios :
Publicar un comentario