O obxecto do concurso
#hoxeleoen: buscando escenarios de lectura é a dinamización e animación á lectura e a difusión do patrimonio paisaxístico e cultural dos concellos da provincia da Coruña. Para isto a
Biblioteca Provincial xunto coa
Sección de Turismo da Deputación da Coruña convocan un
concurso de fotografías que amosen os lugares da provincia da Coruña onde os lectores gozan dos libros e a lectura durante o verán.
Cada participante pode presentar un máximo de dúas fotografías diferentes, con lecturas tamén diferentes, a través das redes sociais Twitter, Facebook ou Instagram, ou ben a través do correo electrónico
biblioteca.info@dacoruna.gal.
O prazo de presentación é do 8 de xullo ó 31 de agosto.
A continuación expoñemos as condicións máis polo miúdo, e xuntamos a este correo as bases completas, o cartel e un tríptico.
Participantes
Poderán participar todas as persoas físicas, maiores de idade, usuarios ou non da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña. Quedan excluídas todas as persoas con calquera tipo de relación laboral coa Biblioteca Provincial e coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña.
Formato
As fotografías deberán ser tomadas dende un lugar da provincia da Coruña, e debe aparecer nelas o libro que se está lendo. As fotografías deben ser compartidas nas redes sociais, mencionando o título do libro, o lugar onde foi tomada a fotografía e a etiqueta do concurso #hoxeleoen.
A participación poderá ser a través de Twitter, Instagram, Facebook ou correo electrónico.
Quen participe a través dunha das redes sociais, ademais deberá remitir un correo electrónico a biblioteca.info@dacoruna.gal coa fotografía participante, o título do libro, o seu nome e apelidos, teléfono, correo electrónico, enderezo postal, lugar e concello da provincia desde o cal participa e nome de usuario da rede social. As persoas que non dispoñan de redes sociais poderán participar remitindo unicamente o mencionado correo electrónico.
O formato da lectura da que están gozando os participantes pode ser calquera: en papel, en lector de libros electrónicos, tableta, ordenador, teléfono… A lectura pode ser un libro, banda deseñada, revista, audiolibro, libro electrónico…
Cada participante pode compartir un máximo de dúas fotografías, cada unha nun lugar diferente e cunha lectura distinta.
Forma de presentación
A presentación das fotografías será a través das seguintes canles:
–
Twitter: compartir a foto nun perfil público, indicar o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título e autor do libro, mencionar a @bibliodacoruna e @DACTurismo e seguilos, engadir a etiqueta #hoxeleoen; e remitir o correo electrónico mencionado na base terceira a biblioteca.info@dacoruna.gal
–
Instagram: compartir a foto nun perfil público, indicar o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título e autor do libro, mencionar a @bibliodicoruna e @DACTurismo e seguilos, engadir a etiqueta #hoxeleoen; e remitir o correo electrónico mencionado na base terceira a biblioteca.info@dacoruna.gal
–
Facebook: facer un comentario na entrada do concurso da páxina da Biblioteca ou na da Sección de Turismo da Deputación da Coruña, indicando o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título e autor do libro, xuntando a foto; e remitir o correo electrónico mencionado na base terceira a biblioteca.info@dacoruna.gal
– Correo electrónico: enviar a foto a
biblioteca.info@dacoruna.gal indicando o lugar desde o que se toma a foto e o nome do concello, o título do libro e autor do libro, e poñendo no asunto a etiqueta #hoxeleoen, ademais dos datos mencionados na base terceira.
Prazo de presentación
O prazo de presentación das fotografías é do 8 de xullo ao 31 de agosto de 2019, ambos os dous incluídos. Non entrarán no sorteo fotografías presentadas fóra deste prazo.
Premio
Establécese un único premio que se concederá por sorteo entre todas as fotografías participantes. O premio consistirá nunha viaxe cultural a unha capital europea para dúas persoas.
Os días de aproveitamento da viaxe serán concretados coa persoa gañadora unha vez concedido o premio.
A persoa que resulte galardoada no sorteo recibirá a comunicación do premio o día 9 de setembro polo mesmo medio no que participou, e/ou polos datos de contacto remitidos obrigatoriamente por correo electrónico.
Así mesmo, publicarase o gañador nas tres redes sociais mencionadas (Twitter, Instagram e Facebook) e na páxina web da Biblioteca.
Ademais, todas as persoas participantes que cumpran as bases recibirán un agasallo por correo postal.
Entrega do premio
A data do acto de entrega do premio, que terá lugar na Biblioteca da Deputación da Coruña, será anunciada xunto co nome da persoa gañadora o día 9 de setembro.
É requisito imprescindible para a aceptación do premio a recollida presencial deste no acto público que se detallará o día do anuncio do nome da persoa gañadora.
Dereitos e deberes
A participación no concurso leva aparellada a autorización para publicar as fotografías e os seus datos nos diferentes medios impresos e dixitais que utiliza a Biblioteca, incluídas as redes sociais.
As fotografías presentadas ao concurso de xeito incompleto ou que non se axusten ou incumpran as bases, así como aquelas de contido inadecuado, serán excluídas.
A participación no concurso implica a aceptación total destas bases, e que os participantes se fan responsables da autoría e contido das fotografías, que non vulnerarán os dereitos de honra, intimidade persoal / familiar e á propia imaxe de terceiros.
Fonte: Biblioteca provincial da Deputación da Coruña