venres, 5 de xullo de 2019

A brionesa Mariña Souto Pazó acada un accesit no certame “Coñece o teu concello” de La Voz de Galicia

A brionesa Mariña Souto Pazó, estudante no CEIP de Pedrouzos, ven de acadar na categoría de redacción un dos accésits do concurso “Coñece o teu concello”, una iniciativa promovida polo xornal La Voz de Galicia en colaboración co Concello de Santiago e a Deputación da Coruña.
Mariña, de dez anos de idade, escribiu en dous días unha fermosa historia sobre os cabalos da Fonte de Praterías e o seu afán por converterse en unicornios. Para conseguilo, deberán visitar o lugar de Cornanda no Concello de Brión, na procura dos desexados cornos cos que acadar a súa arela.
Comenta Mariña en “La Voz de Galicia” que ultimamente na escola escribe bastante, e mesmo que goza de facelo, “aínda me gusta máis a ciencia”. A rapaza brionesa foi unha das seis premiadas neste certame do xornal La Voz, onde participaron máis de mil crianzas dos vinte e cinco concellos da contorna de Santiago. Todas e todos mostraron a súa particular visión do mundo que os rodea, dun xeito “diferente e cristalino” como comenta o delegado do mencionado xornal en Compostela, Ignacio Carballo.
O rexedor compostelán, Sánchez Bugallo, foi o encargado de pechar a entrega de premios. Non só felicitou ás gañadoras e aos gañadores, tamén a todas e a todos os participantes, a nais e pai e a mestras e mestres, “que son os que canalizan esta participación”.

0 comentarios :

Publicar un comentario