Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

venres, 29 de outubro de 2021

"Cantando con Pinocho" de Rigoletto Teatro pecha a programación de "Outubro, mes das bibliotecas"

O grupo Rigoletto Teatro foi o encargado de finalizar este tarde a programación especial de “Outubro, mes das bibliotecas”. Unha serie de espectáculos de animación con música, narración oral, teatro e clown que se celebraron cada venres de mes na Sala Municipal de Exposicións/Carballeira de Sta. Minia para conmemorar o 24 de outubro, Día das bibliotecas.
Rigoletto Teatro presentou “Cantando con Pinocho”, un espectáculo con música, teatro e danza onde a Fada de Cabelos turquesa do conto de Pinocho narrounos unha historia que ligou con música en vivo as cancións compostas para a adaptación da obra teatral de Pinocho, que actualmente xira por Galicia.
Esta actuación, do mesmo xeito que o resto das programas ao longo do mes, espertou un grande interese entre a veciñanza, acadando unha destacada concorrencia de público que nesta ocasión superou as 50 persoas, entre crianzas e acompañantes adultos.
Esta programación, organizada pola biblioteca municipal, contou co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia que patrocinou as catro primeiras actuacións. E, por suposto, grazas ao interese de todas/os vós, converteuse en todo un éxito de participación, acadando unha destacada asistencia de público en todos e cada un dos espectáculos. Moitas grazas a todas/os por facelo posible.
 
 



venres, 22 de outubro de 2021

"Circo na casa" con Moc Moc MeRe Clown, porque as tarefas domésticas son divertidas

Este domingo, 24 de outubro, celebramos o Día das Bibliotecas, unha efeméride que en Brión conmemoramos cada venres deste mes cunha programación especial de actividades de animación.
Hoxe visitounos Moc Moc MeRe Clown que presentou o espectáculo “Circo na casa”, un serán moi divertido que nos ensinou que nas tarefas domésticas non debe haber roles de xénero e que hai que repartilas, porque non son aburridas en absoluto. Sobre todo cando a roupa sae voando ou o chan é imposible de limpar. O noso amigo clown tan pronto sae dunha lea métese noutra, nun espectáculo cheo de malabares, equilibrios imposibles e moito humor absurdo e directo.
Na actividade, que se celebrou ao aire libre na Carballeira de Santa Minia á beira da biblioteca, participaron máis de 60 persoas, entre crianzas, nais e pais. Un espectáculo para toda a familia que se estendeu durante un cuarto de hora que soubo a pouco. Unha vez máis, este serán organizado pola biblioteca contou co patrocinio do programa “Ler contra moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 
 


 

venres, 15 de outubro de 2021

Pakolas e Ramona Órbita visitaron Brión coa súa máquina do tempo musical

O 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha efeméride moi especial que aproveitamos para traer cada venres de mes un espectáculo de animación para toda a familia. Un xeito de reivindicar o libro e a lectura a través do teatro, a narración oral e a música.
 
O venres 15 de outubro visitounos con tal motivo o amigo Pakolas que, en compañía de Ramona Órbita, guiounos por unha viaxe musical a través do tempo. Un espectáculo do que gozaron por igual as crianzas, as nais e os pais que asistiron ao evento, que se celebrou na Carballeira de Santa Minia, aproveitando unha agradable tarde outonal. Un concerto ao aire libre, na espectacular contorna que rodea á biblioteca, ao que puideron asistir máis de 90 persoas grazas a ficar no exterior.
 
O espectáculo, organizado pola biblioteca municipal, contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia 
 

Imaxes do espectáculo:

 


 

venres, 8 de outubro de 2021

Pakolas presenta en Brión a "Ramona Órbita"

O venres 15 de outubro vai celebrarse na sala de exposicións municipal (planta baixa da Casa da Cultura) un novo espectáculo de animación para celebrar que outubro é o mes das bibliotecas. Unha programación especial que achegará a toda a veciñanza, cada venres do mes, unha actividade relacionada co libro e a lectura.

Neste caso será Pakolas quen presente en Brión o seu espectáculo "Ramona Órbita", que chega a Brión coa súa máquina cargada de rock and roll, disposta a percorrer os tempos para aprendernos a protexer a natureza!!!

Aínda que o aforo da sala está ao completo, poderás reservar quedando en lista de agarda. Para facelo, diríxete á biblioteca municipal a través do correo electrónico bibliotecadebrion@briondixital.org ou chamando ao número de tfno. 981 50 99 69 (en horario de tarde). As localidades asignaranse por orde de inscrición. Se o tempo o permite, o espectáculo trasladaríase á Carballeira de Santa Minia, polo que se ampliaría o número de butacas dispoñibles para asistir ao evento.

En todos os espectáculos, respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, a hixienización de mans con xel hidroalcólico na entrada e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan. 

Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Pedro Brandariz converteuse por un día no noso "Médico de familia"

Este venres celebrouse o segundo serán de animación da programación especial “Outubro, mes das bibliotecas”. Un espectáculo protagonizado polo doutor Pedro Brandariz, que durante 60 minutos se converteu no noso “Médico de familia”.

Pedro presentou en Brión esta actividade de animación onde describe os novos modelos familiares, sempre dende unha visión cómica e contando co apoio de libros como “Con Tango son tres” ou “O libro dos porcos”.

A sesión de animación, organizada pola biblioteca municipal co patrocinio do programa Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia, asistiron corenta persoas, entre nais/pais e crianzas. Un público familiar que gozou do espectáculo respectando en todo momento as directrices e recomendacións sanitarias en vigor, fieis á filosofía de que, con sentidiño, a cultura é segura. 

O vindeiro venres, a sala municipal de exposicións acollera un novo serán a cargo de "Pakolas" que vai presentar o sei espectáculo musical "Ramona Órbita" .

Imaxes do espectáculo:


venres, 1 de outubro de 2021

Paco Nogueiras presentou en Brión o seu espectáculo "Extra!"

Paco Nogueiras inaugurou hoxe a programación do “Outubro, mes da biblioteca” coa presentación en Brión de ”Extra!”, un espectáculo para toda a familia baseado no libro-disco do mesmo título editado por Kalandraka.
Un serán de animación que acadou unha gran participación (respectando sempre as restricións de aforo existentes), cun público conformado principalmente por crianzas que acudiron acompañados de nais e pais para gozar dunha sesión musical que se prolongou, aproximadamente, 60 min.
Con Paco Nogueiras comeza un programa de actividades que ao longo do mes de outubro traerá a Brión cada venres un espectáculo de animación que se celebrará sempre ás 18:00 h. Para acudir, so hai que reservar butaca a través do correo electrónico: bibliotecadebrion@briondixital.org. A entrada é de balde ata completar o aforo.
Os catro primeiros seráns, incluíndo este, contan co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 
 
Imaxes do evento: