Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

mércores, 31 de maio de 2023

Encontro literario en Brión con Gisela Mato

O xoves 15 de xuño celebraremos en Brión un encontro literario con Gisela Mato para coñecer a súa última publicación: “fraxilidades”. Un libro de poemas editado por Espiral Maior que en 2022 recibiu o XXXV Premio Nacional de Poesía  Xosemaría Pérez Parallé, convocado polo Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene co apoio do Concello fenés.

Gisela atesoura varios recoñecementos no seu currículo como escritora. En 1996 acadou o Premio de Poesía do Centenario do IES Otero Pedrayo. En 2015 tamén obtivo o VIII Premio de Relatos “Rosa de Cen Follas”. No ano 2020 publicou unha colección de relatos co título de “Cuerpos ajenos”, unha obra que poderás atopar na biblioteca municipal.

O evento literario comezará ás 20:00 h. e celebrarase na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura de Brión). O acceso será libre ata completar a capacidade de local. Na presentación Gisela estará acompañada por Eduardo Estévez.

 


 

xoves, 25 de maio de 2023

"Os biosbardos" de Eduardo Blanco Amor, nova lectura do club

Despois da somerxernos na emotiva historia que nos narra Khaled Hosseini en “Cometas en el cielo = The Kite Runner”, co pano de fondo da recente e convulsa historia de Afganistán, regresamos aos escenarios máis recoñecibles e familiares que conforman o pano de fondo dos relatos que compoñen unha das obras máis destacadas de Eduardo Blanco Amor, “Os biosbardos”. Un clásico das nosas letras onde un narrador infantil distinto en cada conto nos traslada ata Auria, transposición literaria de Ourense, cidade natal do autor. 

Publicada en 1962, recolle sete contos (oito na segunda edición) onde a infancia é a protagonista, pois todos están postos en boca de sete rapaces de diferentes idades que van contando experiencias persoais do intenso e ás veces dramático mundo infantil. Estes relatos pertencen, sen dúbida, ao núcleo das mellores páxinas que nos deixou este mestre da moderna narrativa galega. 

Para comentalos reunirémonos na biblioteca municipal o martes 27 de xuño, como sempre, ás 20:00 h.

venres, 28 de abril de 2023

Maio Cultural 2023: Letras Galegas Paco del Riego

Maio é o mes no que florecen as nosas letras cunha destacada celebración do día 17. Unha importante efeméride que este ano rende homenaxe a Francisco Fernández del Riego, un recoñecido escritor, intelectual e activista político galego que dende a década de 1930 traballou a reo a prol da lingua e cultura galegas. Con motivo desta conmemoración, Brión dedicará a programación do Maio Cultural-Letras Galegas 2023 ao recoñecemento da súa vida e obra.

Dende o 2 ao 25 de maio, están previstas unha serie de actividades, algunhas en colaboración cos centros de ensino do municipio, para celebrar un ano máis o Día das Letras Galegas. Moitas delas están especialmente dirixidas ao alumnado dos diferentes centros educativos, outras están abertas a toda a cidadanía.

Programa Maio Cultural-Letras Galegas
Francisco Fernández del Riego

|DÍA 2 DE MAIO| Vicus Teatro: “Crónicas clásicas”
Destinada ao alumnado IES de Brión.

Unha viaxe escénica ao mundo grego para afondar nos alicerces do teatro e da vida.

|DÍA 9 DE MAIO| Elefante Elegante: “O cubo”
Para alumnado Ed. infantil CEIP Pedrouzos e as Escolas de Os Ánxeles e Bastavales.

Unha obra de teatro xestual que transcorre nun cubo de dous metros de lado. Nel habitan os dous personaxes desta historia. Ela, curiosa e decida. El, tenro e pándego. Un día, a curiosidade invade o cubo e deciden que queren ir máis alá, descubrir o mundo enteiro.

|DÍA 10 DE MAIO| Xarope Tulú: “A teteira de Kabul”
Alumnado de 3º e 4º de Ed. Primaria.

A teteira de Kabul conta a historia de Mina, unha nena que debe abandonar o seu fogar por mor do estoupido da guerra no seu país, Afganistán. A protagonista comeza unha longa viaxe coa súa familia e a pesar das duras condicións, coa axuda das historias que lle conta súa nai, vai descubrindo a beleza neste periplo.

|DÍA 13 DE MAIO| Teatro Redrum: “Un home con lentes de pasta”
Ás 20:00 h. Centro Social. Entrada libre ata completar a capacidade do local.
Comedia. Adultos. 75 min.

Sheyla acaba de ser abandonada pola súa parella. Laura e Fer quérena animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade os desexos que aparcara: escribir. Traerán a cear a Guillerme. El é o poeta capaz de namorar a calquera cuns breves versos. Pero a Guillerme non lle van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Guillerme desexa algo máis. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afóganse na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.
Esta comedia estreada en Barcelona no 2010 recibiu o premio da crítica Serra D’or ao mellor texto teatral, o de mellor espectáculo nos premios Time Out no 2011, o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e estivo nomeada ao mellor texto catalán nos Premios Max do 2011

|DÍA 15 DE MAIO| Diáspora Teatro: “O peirao”
Dirixida a alumnado de 1º e 2º de Ed. Primaria.

A través da narración oral o clown e o teatro de obxectos nace esta fermosa historia. Dous pescadores de contos, como mensaxes en garrafas que chegan a beira. Algunhas veñen de preto outras de lonxe e outras non teñen procedencia. Contos para mirar o redor, a natureza a nós mesmos, para coidala, para coidarnos. O peirao é un espectáculo sobre o valor da natureza e a relación que temos as persoas con ela. Para querela un pouco máis, para mirala desde un lugar diferente.

|DÍA 16 DE MAIO| Cerimonia de Entrega V Premio Laudamuco ao escritor Vicente Piñeiro
Ás 20:30 h. Sala Municipal de Exposicións. Acceso libre ata completar a capacidade do local.

O escritor lucense Vicente Piñeiro, gañador da quinta edición do Premio Laudamuco para textos teatrais coa obra "Devólvenos a Xermánico”, recibirá o galardón nunha cerimonia aberta a toda a veciñanza.

|DÍA 20 DE MAIO|
 
8ª Andaina Terras de Altamira-Brión
Celebración dunha nova edición deste popular evento organizado pola asociación O Esquío no Piñeiro en colaboración co Concello de Brión. Inicio ás 9:00 h. na Carballeira de Santa Minia.

“Concerto das Letras” da Banda de Música Municipal de Brión

Ás 19:00 h. Centro Social. Entrada libre ata completar a capacidade do local.

|DÍA 22 DE MAIO| Teatro Ghazafelhos: “Travesía unicornio”
Destinado ao alumnado de 5º e 6º de Ed. Primaria.

Teatro Ghazafelhos é unha compañía nada en Narón no ano 2006 especializada en teatro de actor e clown. Trátase dunha das compañías galegas de referencia para público familiar.

|22/26 DE MAIO| Festa das Letras na Carballeira: Francisco Fernández del Riego
Alumnado CEIP Pedrouzos e Escolas de Os Ánxeles e Bastavales

Regresa á carballeira a Festa das Letras, con actividades protagonizadas polo alumnado dos centros de ensino do Concello.

|DÍA 24 DE MAIO| Serafín Marcos: “Un optimista radical”
Unha obra didáctica sobre Francisco Fernández del Riego destinada ao alumnado do IES de Brión.

|DÍA 25 DE MAIO| Trémola Teatro: “Leo e as cores”
Dirixida a alumnado da Escola Infantil Municipal.

Leo é o león máis curioso de toda a selva. Un día, unha choiva de pompas quítalle ao elefante Ante e á tartaruga Uga as súas cores. Será capaz Leo, coa vosa axuda, de devolverlle as cores aos seus amiguiños? A través de diferentes elementos sensoriais, Leo axudaranos a coñecer e gozar das cores.
 

 

luns, 24 de abril de 2023

Día do Libro 2023: Marisa Irimia presentou en Brión "O libro dos pos máxicos"

O venres 21 de abril, Marisa Irimia visitou Brión para presentar o espectáculo de narración oral “O libro dos pos máxicos”. Un contacontos dirixido a crianzas de 4 a 11 anos de idade, encadrado dentro da programación especial para conmemorar o 23 de abril, Día Internacional do Libro e dos Dereitos de autor.

O serán comezou ás 18:00 h. e prolongouse pouco máis de 50 min., enlazando historias onde a maxia dos libros e a lectura actuaron como fío condutor. Na sala, máis de vinte persoas, asistiron a un espectáculo que adiantou a celebración do Día do Libro.


Galería de imaxes da actuación:





mércores, 19 de abril de 2023

"Cometas en el cielo" de Khaled Hosseini, nova lectura do club

Despois de ler os relatos que conforman “Retratos en branco e negro", a última publicación da escritora e narradora oral Charo Pita, afrontamos unha nova lectura no club. Tras esta experiencia lectora, que incluíu un encontro literario coa autora, achegámonos a unha historia que nos sitúa lonxe da nosa inmediata realidade xeográfica, cronolóxica e cultural para conducirnos ata o Afganistán de 1975, xusto antes dos convulsos acontecementos que marcarían a historia deste pais no último terzo do S. XX e comezos do actual.
Trátase da novela de Khaled Hosseini, “The Kite Runner”, traducida ao castelán como “Cometas en el cielo”, a súa primeira obra e un extraordinario éxito de vendas a nivel internacional. Unha novela que relata a conmovedora historia de dous pais e dous fillos, a súa amizade e de como a casualidade pode converterse nun fito inesperado no destino.
Con apenas doce anos, Amir proponse gañar a competición anual de cometas da forma que sexa, mesmo á conta do seu inseparable Hassan, un hazara de clase inferior que foi o seu servente e compañeiro de xogos desde a máis tenra infancia. Así, empeñado en demostrarlle ao seu pai que xa é todo un home, Amir poñerá en perigo unha amizade fraguada ao longo de anos de enfrontarse a todos os perigos imaxinables, e aprenderá unha verdade que o acompañará o resto da súa vida.

martes, 18 de abril de 2023

A escritora Charo Pita acompañounos na xuntanza do club de lectura

Onte luns, 17 de abril, a xuntanza do club de lectura para comentar e por en común as nosas experiencias lectoras sobre a obra “Retratos en branco e negro” de Charo Pita converteuse nun interesante e ameno encontro literario coa súa autora.

Charo, de xeito amable e desinteresado, achegouse ata a biblioteca municipal para participar na reunión e partillar connosco detalles sobre o proceso creativo da súa última obra, un libro de relatos publicado en 2022 pola editorial Galaxia (que, por certo, presentamos en Brión o pasado ano).

Un enriquecedor e entretido serán no que compartimos impresións e coñecemos, polo miúdo e de primeira man, unha interesante obra que recomendamos ler a todo o mundo.
Moitas grazas, Charo!


 

venres, 31 de marzo de 2023

Abril, mes dos libros e a lectura

O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores. Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual.
A B.P.M. de Brión desexa conmemorar un anos máis esta efeméride tan significativa a través dunha programación especial de actividades nas que destacan un espectáculo de narración oral, unha presentación bibliográfica, unha solta de libros, así coma varias propostas e contidos virtuais a través das redes sociais da biblioteca. Se queres coñecelas con máis detalles, continúa coa lectura.

Programación especial, abril mes do libro e a lectura

“O libro dos pos máxicos” de Marisa Irimia

Marisa Irimia presentará en Brión un espectáculo de narración oral destinado a crianzas de entre 4 e 11 anos de idade. Un serán contacontos que se celebrará o venres 21 de abril ás 18:00 h. na Sala municipal de Exposicións (Casa da Cultura) con entrada de balde ata completar a capacidade do local.
Os contos serven para moitas cousas prodixiosas, mesmo para resolver misterios nas súas páxinas. Hai na biblioteca un libro moi especial, encantador e feiticeiro, que, cuns pos máxicos aquí e uns pos máxicos alá, axudaranos a aderezar a vida e os contos dende unha perspectiva ...máxica!!.

Encontro literario

Non será un, senón dous os libros que se presentarán en Brión o vindeiro venres 28 de abril. Un encontro literario no que coñeceremos as primeiras traducións ao galego de dúas obras clave da literatura universal, escritas por dous autores premiados co Nobel de Literatura. Falamos de “Vinte poemas de amor e unha canción desesperada” de Pablo Neruda e “Crónica dunha morte anunciada” de Gabriel García Márquez, ambas obras publicadas pola editorial Medulia e traducidas á nosa lingua por X. Amancio Liñares Giraut e María Rey Rey. Os tradutores, que tamén exercen coma editores literarios, estarán acompañados para a ocasión polas filólogas e escritoras Carmen Blanco Ramos e Mª Carmen Perafita Couto.

“Colle o teu libro e corre”: Solta de libros

Tralas experiencias moi positivas de “Libros para sermos libres” (en colaboración coa Deputación da Coruña) en 2018, “Libros libres” en 2019 e “Libros desconfinados” en 2021, iniciativas coas que se repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto varios centos de exemplares para fomentar a lectura, a biblioteca municipal retoma unha vez máis esta actividade.
Baixo o mesmo slogan que o pasado ano, “Colle o teu libro e corre”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller no punto de recollida que habilitaremos para a ocasión no recibidor da biblioteca municipal.
A iniciativa porase en marcha o venres 21 de abril e repetirase o día 24 no horario de apertura da biblioteca; e dicir, de 9:00 a 13:30 h. e de 16:30 a 21:00 h. Por certo que non será necesario traer libros de intercambio, aínda que quen desexe facelo poderá ceibar na mesa os seus propios exemplares.
 
 

 Os libros da nosa vida | #librosdanosavida

Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.
Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.

Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula

Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.
Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...

Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura

Ademais da solta de libros dos días 21 e 24, entre o 20 e o 25 de abril compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.
 
Animádevos a participar e feliz Día do Libro 2023!

martes, 28 de marzo de 2023

Horario da biblioteca municipal en Semana Santa

Con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modificará o seu horario de atención ao público nas seguintes datas:

Días 3, 4 e 5 de abril, a biblioteca abrirá:

- Mañás: de 09:00 a 13:30 h.
- Tardes: Pechada

Días 6 ao 9 de abril:

A biblioteca permanecerá PECHADA.

A partir do luns 10 de abril, retomaremos o horario habitual.

Desculpen as molestias e moitas grazas.

luns, 20 de marzo de 2023

Celebramos o Día do Teatro co Tranvía Leonardo

O 27 de marzo celebramos o Día Mundial do Teatro, unha data para por en valor entre a cidadanía a dramaturxia e as artes escénicas e espertar a atención dos gobernos, políticos e institucións que aínda non recoñeceron a súa importancia para as persoas e para o individuo, e tampouco se deron conta do seu potencial para o crecemento económico.

Para conmemorar esta efeméride tan especial, a biblioteca municipal convídanos a asistir a un espectáculo de narración oral e monicreques para toda a familia titulado "O tranvía Leonardo", a cargo da compañía Fantoches Baj. O serán celebrarase o venres 31 de marzo ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura), con entrada de balde ata completar aforo.

 "O tranvía Leonardo" é un espectáculo de narración oral para a infancia con monicreques e música no que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor de Galicia, que, como era lento, sucio, pequeno, estreito e descarrilaba a miúdo, foi motivo de mofa e protagonista de innumerables cancións e anécdotas. A música vai ser o fío condutor deste espectáculo no que se cantan acompañados de caixa de música e reque reque varias cancións.

 


venres, 10 de marzo de 2023

A osa Maruxiña visitou Brión para celebrar o 8M connosco

Esta tarde a actriz Olga Abad visitou Brión para presentar o seu espectáculo de narración oral “A viaxe da osa Maruxiña”. Un contacontos destinado a crianzas de 4 a 12 anos que se celebrou na Sala Municipal de Exposicións ás 18:00 h.

A protagonista desta historia é unha osa moi curiosa que, chea de decisión, parte nunha viaxe na procura do legado das escritoras, activistas, pintoras, campesiñas, mestras de todo o mundo. Con este espectáculo, que mestura a narración oral coa manipulación de obxectos, Olga Abad non só desexa entreter e divertir ao auditorio, tamén transmitir os valores da igualdade.

A evento enmarcouse na conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

Galería de imaxes: 







 



martes, 7 de marzo de 2023

Club de lectura: "Retratos en branco e negro" de Charo Pita

Abandonamos o Madrid de finais so S. XIX, descrito maxistralmente por Benito Pérez Galdós nas páxinas da novela “Miau”, para retomar a lectura da man dunha autora galega, a coruñesa Charo Pita, recoñecida escritora e narradora oral.

A lectura escollida para esta ocasión é unha das súas ultimas publicacións da escritora, “Retratos en branco e negro”. Un libro editado por Galaxia en 2022 no que Charo recorre ao xénero literario do relato curto para plasmar retratos fantasmais onde o extraordinario e o cotián, a fotografía e a palabra, o branco e o negro van da man para construír realidades que, dalgún xeito, acaban apuntando á nosa.

Para comentar o libro, reunirémonos o vindeiro 14 de abril ás 20:30 h. na biblioteca municipal. Será un serán moi especial, pois, nesta ocasión, contaremos na xuntanza coa presencia da autora, Charo Pita, que nos acompañará para participar no coloquio e compartir impresións sobre o proceso creativo desta obra.

8M, Día Internacional da Muller

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, súmase un ano máis ás celebracións do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.


Baixo o lema “Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero", a conmemoración deste ano ten como albo destacar a persistencia da brecha de xénero no acceso dixital que impide ás mulleres gozar plenamente do potencial da tecnoloxía. A súa pouca representación profesional e académica nas disciplinas de ciencias, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas (science, technology, engineering, math, STEM) segue sendo un importante obstáculo para a súa participación na gobernanza e o deseño da tecnoloxía. E a omnipresente ameaza da violencia de xénero en liña —combinada coa falta de amparo legal— obrígaas demasiado a miúdo a abandonar os espazos dixitais que ocupan.

Asemade, a tecnoloxía dixital permite abrir portas para o empoderamento das mulleres, as nenas e outros grupos marxinados en todo o mundo. Desde a formación dixital sensible ao xénero aos servizos de saúde reprodutiva e sexual facilitados pola tecnoloxía, a era dixital ofrece unha oportunidade sen precedentes para acabar con todas as formas de disparidade e desigualdade. 

Dende a ONU, neste Día Internacional da Muller, desexan facer un chamamento aos gobernos, aos movementos activistas e ao sector privado para acelerar os seus esforzos por conseguir un mundo dixital máis seguro, máis inclusivo e máis equitativo. Unha reivindicación que facemos nosa.

Programación conmemorativa especial en Brión

- Mércores, 8 de marzo:
Concentración e lectura do manifesto institucional
Ás 12:00h., na Praza do Concello
- Iluminación das fachadas
Pola noite. Casa do Concello e Casa da Cultura
- Venres, 10 de marzo
Contacontos "A viaxe da osa maruxiña" con Olga Abad
As 18:00h. na Sala Municipal de exposicións

Un contacontos na biblioteca, exposición bibliográfica e “Mulleres de Brión” Vol. 3

Para celebrar esta data tan significativa, o venres 10 de marzo ás 18:00 h., a BPM de Brión convídanos a un espectáculo de narración oral a cargo de Olga Abad que presentará en Brión o seu espectáculo “A viaxe da Osa Maruxiña”

Un contacontos dirixido a crianzas de entre 4 e 12 anos de idade que ten como protagonista a unha osa moi curiosa que, chea de decisión, parte nunha viaxe na procura do legado das escritoras, activistas, pintoras, campesiñas, mestras de todo o mundo. Con este espectáculo, que mestura a narración oral coa manipulación de obxectos, Olga Abad non só desexa entreter e divertir ao auditorio, tamén transmitir os valores da igualdade. Un serán de animación para toda a familia con entrada de balde ata completar o aforo.

O centro dará visibilidade a temática feminista e de igualdade cun centro de interese temporal cunha selección de obras que forman parte do punto de interese sobre igualdade que ten a biblioteca. Asemade, a través das redes sociais e baixo o lema de “Mulleres de Brión... onte, hoxe, sempre”, partillaremos novas imaxes do noso arquivo arredor do 8M Día Internacional da Muller.

luns, 6 de marzo de 2023

A viaxe da osa Maruxiña: un contacontos para celebrar o 8M, Día da Muller

A biblioteca municipal, xunto co resto de departamentos e servizos do Concello de Brión, súmase un ano máis á conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller; unha data para dar visibilidade, reivindicar e defender uns principios e uns valores que desexamos permanezan vixentes durante todo o ano.

Para celebrar esta data tan significativa, o venres 10 de marzo ás 18:00 h., a BPM de Brión convídanos a un espectáculo de narración oral a cargo de Olga Abad que presentará en Brión o seu espectáculo “A viaxe da Osa Maruxiña”.

Un contacontos dirixido a crianzas de entre 4 e 12 anos de idade que ten como protagonista a unha osa moi curiosa que, chea de decisión, parte nunha viaxe na procura do legado das escritoras, activistas, pintoras, campesiñas, mestras de todo o mundo. Con este espectáculo, que mestura a narración oral coa manipulación de obxectos, Olga Abad non só desexa entreter e divertir ao auditorio, tamén transmitir os valores da igualdade.

Un serán de animación para toda a familia con entrada de balde ata completar o aforo.

Cartel do espectáculo "A viaxe da osa Maruxiña" de Olga Abad



venres, 17 de febreiro de 2023

Raquel Queizás presentou en Brión o espectáculo "Buscando a Rosalía"

Esta tarde a actriz Raquel Queizás presentou en Brión o espectáculo “Buscando a Rosalía”, un serán contacontos no que a protagonista foi Rosalía de Castro.

Coa inestimable axuda das crianzas de Brión, a detective Queliña, que atopou unha vella maleta con follas escritas con versos, uns zapatos pequenos, un pano branco... investiga e descubre quen fora a dona da maleta, Rosalía de Castro, a gran figura das nosas letras.

Unha actividade para difundir entre as nenas e nenos o coñecemento da obra e da figura de Rosalía no mes no que celebramos unha data tan especial como é o 23 de febreiro, aniversario do nacemento da autora.

A actividade comezou ás 18:00 h. e estendeuse durante aproximadamente 45 min. O contacontos forma parte da máis ampla programación de actividades que o Concello de Brión organiza ao longo do mes de febreiro para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.





xoves, 9 de febreiro de 2023

"Miau" de Benito Pérez Galdós, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar “Vivir sen permiso e outras historias de Oeste” de Manuel Rivas, regresamos aos clásicos da man dun dos escritores españois decimonónicos máis recoñecidos, Benito Pérez Galdós.
Nesta ocasión, achegámonos á obra do autor canario a través de “Miau”, unha novela de xénero realista publicada en 1888, onde o autor satiriza o Madrid burocrático de finais del século XIX a partir das vicisitudes vitais do seu protagonista, Ramón Villaamil, un competente exempregado do Ministerio de Hacienda, ao que una serie de intrigas deixaron cesante do seu posto.
Ambientada na época da Restauración monárquica, dúas familias do contorno da Administración del Estado comparten éxitos e fracasos. Nun escenario doméstico entran e saen, ademais de Villaamil: Dona Pura, a súa muller, que desbalda o minguante orzamento familiar e forma coro de inútiles con Milagros, súa irmá, e Abelarda, a apoucada e inestable filla do protagonista. O contrapunto póñeno dous varóns antitéticos: Víctor Cadalso, viúvo, funcionario en ascenso grazas ao seus vicios persoais, e o seu fillo Luisito.
Trala lectura da obra, reunirémonos para comentala o luns 6 de marzo ás 20:00 h. na biblioteca municipal.

venres, 3 de febreiro de 2023

Día de Rosalía 2023: Buscando a Rosalía con Raquel Queizás

Para conmemorar o 23 de febreiro, Día e Rosalía, a biblioteca municipal organiza un conta contos destinado a público infantil. Trátase do espectáculo "Buscando a Rosalía" de Raquel Queizás.

Un serán de narración oral con monicreques para nenas e nenos a partir de 4 anos, cunha duración aproximada de 45 minutos. A detective Queliña atopa unha vella maleta, dentro hai follas escritas con versos, uns zapatos pequenos, un pano branco... Investigando e xogando descubre quen é a dona da maleta, Rosalía de Castro, a nosa gran poeta.

A función celebrarase o venres 17 de febreiro ás 18:00 h. na Sala municipal de Exposicións (Casa da Cultura de Brión). A actividade será de acceso libre ata completar o aforo.




Programación especial para conmemorar o Día de Rosalía de Castro

O 23 de febreiro conmemoramos o Día de Rosalía, unha data para lembrar e celebrar a vida e obra dunha das figuras máis senlleiras das nosas letras. Como todos os anos, o Concello de Brión ten preparada unha programación especial con diversas actividades destinadas á difusión e promoción da obra de Rosalía de Castro.

Este ano, destaca a cantidade e variedade de eventos programados, que se estenderán ao longo do mes de febreiro. 



PROGRAMACIÓN ESPECIAL DÍA DE ROSALÍA:

11 DE FEBREIRO

CULTURACTIVA PRODUCIÓNS presenta “ROSALÍA”

Moito máis que un achegamento teatral á vida e obra de Rosalía de Castro, "Rosalía" é un espectáculo necesario. Nesta montaxe, os nenos e nenas descubrirán en Rosalía a unha rapaza alegre, forte e curiosa como eles/as, que vive, xoga e goza no país da infancia. Esta Rosalía é unha obra de muller pensada para nenas e nenos de Primaria -e para as súas familias e docentes- por unha equipa de mulleres intensamente vencelladas ao teatro de palabras.

50 min. Público Familiar. Entrada de balde.

Hora e lugar de celebración: 18:00 hrs. Centro Social Polivalente

17 DE FEBREIRO

Contacontos "Buscando a Rosalía" con RAQUEL QUEIZÁS

Espectáculo de Narración Oral arredor da figura de Rosalía de Castro.

Público infantil (Recomendada para crianzas de 4 a 10 anos). Entrada de balde.

Hora e lugar de celebración: 18:00 hrs., Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura)

23 DE FEBREIRO. DÍA DE ROSALÍA

ALBORADA, OFRENDA, LECTURAS: Acto Homenaxe a Rosalía de Castro no Adro da igrexa Parroquial de San Xiao de Bastavales. Ás 12:00 hrs

CALDO DE GLORIA: Homenaxe a Rosalía degustando un petisco do tradicional Caldo Galego en diferentes establecementos hostaleiros de Brión colaboradores na campaña.

CAFÉ CON VERSO: Toma un café acompañado dun poema de Rosalía en diferentes establecementos hostaleiros de Brión.

24 DE FEBREIRO

OS QUINQUILLÁNS presentan “ROSALÍA EN BASTAVALES”

Unha visita teatralizada a un dos lugares máis significativos da Ruta Rosaliana, estreitamente ligado á figura da poeta: o adro da igrexa de S. Xiao de Bastavales.

Todos os públicos. Entrada de balde.

Hora e lugar de celebración: 17:30 hrs., Igrexa parroquial de S. Xiao de Bastavales


25 DE FEBREIRO

PLANTACIÓN DUNHA FILLA DA FIGUEIRA DE ROSALÍA

Ás 16:30 hrs. procederase a plantación dunha filla da Figueira de Rosalía que está na Casa da Matanza en Padrón no entorno do adro da Igrexa de San Xiao de Bastavales..

Brión… unha historia que contar: Bastavales. 
Contos e cantos ao abeiro das campás con Rosalía de Castro.

Actividade cultural dirixida a tódolos públicos para descubrir a historia de Bastavales a través da palabra de Rosalía de Castro e da participación da comunidade veciña da parroquia.

Hora e lugar de celebración:
Ás 17:00 hrs. Igrexa de San Xiao de Bastavales.
 
 

 

martes, 31 de xaneiro de 2023

Boletín de novidades público adulto da biblioteca municipal: inverno 2023

Co Aninovo, chegan á biblioteca municipal novas lecturas. Novidades editoriais publicadas nos últimos meses que se incorporan á colección da biblioteca para público adulto.

Descúbreas no seguinte boletín, repartidas en distintas seccións, segundo se trate de obras de ficción, informativas ou banda deseñada.

Acceso en liña ao boletín de novidades da biblioteca: inverno 2023 - público adulto.

 

 


 

Boletín de novidades infantil-xuvenil da biblioteca: inverno 2023

En inverno os seráns fanse máis cálidos e amenos coa compañía dunha boa lectura. Despois do Nadal, chega á biblioteca municipal unha nova remesa de libros con novidades editoriais e novos títulos que completan series de éxito entre o noso público lector máis novo.

Descúbreas no seguinte boletín, repartidas en distintas seccións, segundo se trate de obras de ficción, informativas ou banda deseñada.

 

Acceso en liña ao boletín de novidades da biblioteca: inverno 2023 - infantil/xuvenil

 


 

xoves, 12 de xaneiro de 2023

"Vivir sen permiso e outras historias de Oeste", vindeira lectura do club

Abandonamos Vigàta, a vila siciliana onde transcorren as andanzas do comisario Montalbano, para dirixirnos ao noroeste, cara a un territorio e unha realidade que se nos antollan máis próximos. Da man do recoñecido escritor Manuel Rivas imos descubrir tres historias, tamén de temática negra-policial, que retratan un tempo histórico onde se acrecenta o poder das mafias, da cobiza, do diñeiro sucio e da corrupción.

Falamos do libro “Vivir sen permiso e outras historias de Oeste”, unha obra na que o xornalista e escritor coruñés presenta os relatos “O medo dos ourizos”, “Vivir sen permiso” e “Sagrado mar”. No primeiro deles, dous mozos mariñeiros, que subsisten en precario, atopan no mar un tesouro, fardos procedentes do narcotráfico, que pode facelos ricos ou custarlles a vida. No segundo, Nemo Bandeira, un poderoso magnate que levantou o seu imperio por medios ilícitos, consegue borrar as pegadas do seu pasado criminal, mais vaise atopar cun inimigo íntimo, inesperado e invencíbel. Para rematar, en “Sagrado mar”, un mozo presidiario, apaixonado pola lectura, ten que enfrontarse non só co sistema carcerario, senón tamén co dilema da obediencia ou desobediencia ante o dominio que exerce un capo no interior da cadea.

Tras a lectura, poñeremos en común as nosas impresións sobre a obra o martes 7 de febreiro, nunha xuntanza que comezaremos ás 20:00 h.

sábado, 7 de xaneiro de 2023

Novo horario de apertura da biblioteca municipal

Dende o día 9 de xaneiro de 2023, a biblioteca municipal de Brión modificará o seu habitual horario de atención ao público. A partir desta data, o centro prestará servizos:

De luns a venres:

Mañás: de 9:00 a 13:30 h.
Tardes: de 16:30 a 21:00 h.

Sábados: 

A biblioteca permanecerá pechada.

Moitas grazas pola comprensión e desculpen as molestias.