Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 28 de novembro de 2022

O Apalpador visita Brión polo Nadal

En decembro regresan á biblioteca municipal as actividades de animación e difusión da lectura coa visita do noso amigo Caxoto que presentará en Brión o espectáculo “O Apalpador conta con vós”.

Nesta ocasión, Caxoto virá acompañado do Apalpador, un personaxe mitolóxico da tradición oral galega que estivo a piques de desaparecer pero da que aínda quedan algunhas testemuñas na zona do Caurel e Os Ancares. Conta a tradición que é un xigante, que foi carboeiro, que apaña castañas e talla xoguetes de madeira que reparte entre as crianzas en tempo de Nadal. Neste espectáculo recibiremos a súa visita para que nos conte quen é, cal é a súa orixe, a que se dedica no seu día a día, etc.

A cita co Apalpador será o venres 16 de decembro ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). O espectáculo está especialmente dirixido a crianzas de 4 a 10 anos e a entrada será de balde ata completar aforo. Se desexas asistir, pode reservar as túas butacas a través do seguinte formulario de inscrición.


 

Modificación puntual de horarios de apertura do centro

Os días 3 e 5 de decembro a biblioteca municipal de Brión modificará lixeiramente e de xeito puntual o seu habitual horario de apertura ao público. 

O sábado, día 3 de decembro, a biblioteca municipal abrirá de 9:00 a 13:00 h., pechando as súas portas unha hora antes do habitual.

O luns, 5 de decembro, o centro abrirá exclusivamente en horario de mañá, de 9:00 a 14:00 h

Moitas grazas pola comprensión e desculpen as molestias.

luns, 14 de novembro de 2022

Boletín de novidades infantil-xuvenil da biblioteca: outono 2022

Despois de coñecer o boletín de novidades de outono coas incorporacións máis recentes á colección para público adulto, agora é momento de descubrir as destinadas ás lectoras e aos lectores infantís-xuvenís.

Descúbreas no seguinte boletín, repartidas en distintas seccións, segundo se trate de obras de ficción, informativas ou banda deseñada.

 

 

 

Acceso ao boletín de novidades da biblioteca: outono 2022 - infantil/xuvenil


 

xoves, 10 de novembro de 2022

Boletín de novidades para adultos da biblioteca: outono 2022

Chega o outono, unha época na que os seráns convidan máis que nunca a quedar na casa acompañado por unha boa lectura. Por iso que, dende a biblioteca municipal, queremos convidarte a descubrir as últimas novidades incorporadas ao noso fondo dende o verán.

Descúbreas nos nosos boletíns, repartidas en distintas seccións, segundo se trate de obras de ficción, informativas ou banda deseñada. Para empezar, presentamos o boletín de novas lecturas destinadas a público adulto. Bótalle unha ollada, de seguro atoparás algún libro para ler este outono.

 

Acceso ao boletín de novidades da biblioteca: outono 2022 - adultos