Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

venres, 23 de setembro de 2016

A biblioteca municipal pecha por Santa Minia

Con motivo da celebración da popular Romaría de Santa Minia, a biblioteca pública municipal pechará os días 26 e 27 de setembro.
Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e convidamos a todos os usuarios a visitar a Carballeira e participar das numerosas actividades que están programadas ao longo das tres xornadas de celebración.

xoves, 22 de setembro de 2016

Celebra connosco o 24 de outubro, Día das Bibliotecas

O día 24 de outubro celebramos o Día das Bibliotecas, unha conmemoración impulsada dende 1997 pola “Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil”, e que no noso país se dedica especialmente ao público infantil e mozo. Unha iniciativa na procura de trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como punto de encontro de lectores de todas as idades coa cultura, e coma un instrumento de mellora da formación e convivencia.
Nesta data tan especial, a B.P.M. de Brión quere convidarte a un entretido serán con Caxoto Contacontos que presentará na sala infantil da biblioteca “Contos de medo que deixan durmir”, un espectáculo dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 8 anos de idade. A hora de comezo da sesión será ás seis da tarde.
O conta contos é de balde e non fai falla inscrición previa. Aínda que, si es usuario habitual da biblioteca, podes comunicar a túa asistencia de cara a prever un número aproximado de participantes. A actividade está organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Brión co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 


mércores, 21 de setembro de 2016

Inscríbete xa no Club Camaleón!

O camaleón que habita na biblioteca vive rodeado de centos de libros, cheos de milleiros de historias que quere compartir cos seus amigos e amigas. Se queres coñecer a Paco Papán, o camaleón da BPM de Brión, e formar parte da súa cuadrilla, a que esperas? Únete xa ao seu club!
 Unha actividade de animación á lectura da que podes formar parte se tés entre 3 e 8 anos de idade e vés acompañado dun adulto. O segundo sábado de cada mes, de 12:00 a 13:00 horas, os nenos e nenas inscritos participarán en diferentes e divertidas actividades como xogos, conta contos, obradoiros, etc. que se celebrarán na sala infantil da BPM de Brión. A actividade é totalmente de balde.
Se estás interesado/a en participar, chama ao número de teléfono 981509969 ou contacta co correo electrónico da biblioteca.  Pide máis información sobre a actividade ou solicita a alta no club. 


luns, 19 de setembro de 2016

Día Internacional da Bibliodiversidade

O “Observatorio de la Lectura y el Libro”, pertencente á “Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas” do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, ven de lanzar unha campaña que se chama 'Úneche al reto B' e que pode seguirse en Twitter co hashtag #únetealretoB dende hoxe, 19 de setembro, ata o próximo 25 de setembro.
A intención desta iniciativa, que dende a biblioteca queremos difundir entre todos os nosos usuarios e todas as nosas usuarias, é unirnos á celebración, o vindeiro 21 de setembro, do Día B, do “Día Internacional da Bibliodiversidade” cunha iniciativa para facer da bibliodiversidade unha realidade cada vez máis visible.
Para iso, o “Observatorio de la Lectura y el Libro” elaborou unha pequena declaración a favor dun mundo máis bibliodiverso e o “Reto B” que consiste en lograr que o maior número de xente posible adhírase ela. Para participar só pedimos que a xente difunda dita declaración utilizando o hashtag #únetealretoB para que chegue a moitas, moitas persoas. Persoas que quizais, grazas a este pequeno xesto, descubran a importancia da diversidade no mundo da lectura, ou persoas que, como moitos de nós, no noso día a día facemos o posible por facer dela algo máis habitual.
Entre todos os chíos ou rechíos que inclúan a etiqueta #únetealretoB e a declaración, o Observatorio fará un sorteo do que sairá un gañador que recibirá un lote de libros caracterizados por ser “bibliodiversos”. Tedes toda a información sobre a campaña #únetealretoB na seguinte ligazón.