Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 27 de marzo de 2017

BPM de Brión conmemora o Día do Teatro co espectáculo "O Xigante" de Elefante Elegante

O luns 27 de marzo, a BPM de Brión conmemorou o Día Mundial do Teatro cun espectáculo dirixido ao público infantil de entre 3 e 8 anos de idade. A compañía Elefante Elegante presentou “O Xigante”, unha obriña inspirada nun conto de Oscar Wilde que narra unha historia na que conviven o cómico e o poético; a forza da palabra e a elocuencia do xesto; a plasticidade da manipulación dos obxectos e a evolución do dispositivo estenográfico.
O serán teatral reuniu na Sala de Exposicións Municipal arredor de 140 persoas entre nenos e adultos. Un éxito de asistencia sen precedentes que superou todas as expectativas, facendo pequena unha sala que foi escollida precisamente como espazo alternativo á biblioteca polas súas maiores dimensións.
Cabe destacar que esta función converteuse nun evento moi especial ao ser escollida polo secretario xeral de Cultura Anxo M. Lorenzo para presentar aos medios a edición 2017 de “Ler conta moito”, o programa de fomento da lectura na que se inclúe esta actividade, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ligazón coa nova na TVG


venres, 24 de marzo de 2017

As estacións en contos: Celtia Figueiras presenta "Contos de inverno" [Editado]

O venres 31 de marzo, para conmemorar o Día da Narración Oral que se celebrou o luns 20, a biblioteca municipal de Brión convida aos seus usuarios máis pequenos a participar nun serán contacontos a cargo de Celtia Figueiras, que presentará o espectáculo de animación “Contos de Inverno”.
Este serán forma parte dunha serie de catro divertidas e amenas sesións de conta contos dirixidas ao público infantil para comprender o ciclo da natureza e sentir as estacións na súa plenitude. Neste caso, contos de inverno para despedir a estación que acaba de rematar.
O espectáculo (50 min.) celebrarase na Sala de Exposicións (Casa da Cultura) ás 18:00 h., e está dirixido a nenas e nenos de 3 a 9 anos de idade. A entrada será de balde ata completar o aforo.

mércores, 22 de marzo de 2017

"Herba moura" de Teresa Moure, nova lectura para o club

Despois de ler “Suite francesa” de Irène Némirovsky, retomamos o fío da literatura galega para achegarnos á obra da escritora monfortina Teresa Moure. “Herba moura” é a novela escollida nesta ocasión, un título traducido a varios idiomas e galardoado en 2005 co Premio Xerais.
O libro narra a historia de Hélène Jans e a raíña Cristina de Suecia, dúas mulleres do s. XVII unidas pola figura do recoñecido filósofo René Descartes. Einés Andrade, situada no noso tempo, é a outra figura feminina da novela e a encargada de dar a coñecer as vidas de Hélène e Cristina grazas á investigación que está a realizar para a súa tese doutoral. A novela é un compendio de epístolas, poemas, receitarios... un “patchwork”, como se afirma na propia obra, onde Moure ensínanos que hai outras formas de ler o mundo á parte da que nos inculcaron.
Para comentar a novela reunirémonos á volta das vacacións de Pascua, o día 19 de abril. Como sempre a xuntanza será na biblioteca ás 20:30 h.

martes, 21 de marzo de 2017

O escritor e editor Francisco Castro participa nunha xuntanza do Club de lectura

Coincidindo co Día Mundial da Poesía, a biblioteca pública de Brión recibiu o martes 21 de marzo ao escritor e director xeral da editorial Galaxia Francisco Castro que fixo un oco na súa apertada axenda para reunirse cos integrantes do club de lectura da biblioteca.

Unha esperada xuntanza para falar sobre a súa última novela, “Amor é unha palabra coma outra calquera” (Galaxia, 2016), unha obra recentemente lida polos integrantes do club. Durante aproximadamente unha hora, Francisco atendeu distintas cuestións presentadas polas lectoras e lectores que participan nesta actividade de dinamización onde, de xeito periódico, poñen en común experiencias lectoras compartidas.

O serán, que resultou moi ameno e didáctico, tamén serviu para coñecer polo miúdo o proceso creativo que supón escribir unha obra literaria. Algo que Francisco coñece moi ben, pois é autor de numerosas obras recoñecidas por crítica e público.

Para rematar o serán, e a xeito de testemuña e en lembranza da súa visita, o escritor e editor vigués asinou un exemplar das súas obras “Amor é unha palabra como outra calquera” e “Tes ata as 10”, dous títulos á disposición de todos os usuarios da biblioteca municipal.

sábado, 18 de marzo de 2017

A biblioteca celebra o Día do Teatro con "O xigante", un espectáculo de Elefante Elegante

Para conmemorar o Día Mundial do Teatro, que se celebra o 27 de marzo, a biblioteca pública municipal convídate a participar nun espectáculo a cargo da compañía Elefante Elegante dirixido a público infantil de 3 a 8 anos de idade.
Trátase de “O xigante”, unha obriña inspirada nun conto de Oscar Wilde que narra unha historia na que conviven o cómico e o poético; a forza da palabra e a elocuencia do xesto; a plasticidade da manipulación dos obxectos e a evolución do dispositivo estenográfico.
Hai moito, nun reino distante, un home decidiu facer unha viaxe. Camiñou, camiñou e camiñou... ata que atopou un xardín marabilloso e alí decidiu quedarse. Pero certo día apareceu un Xigante que quería o xardín só para el. O home que un día decidiu facer unha viaxe, escapando do Xigante atopou unha árbore moi especial. Das súas polas nacían follas, flores, froitos... e libros, moitos libros.
O espectáculo terá lugar o luns 27 de marzo ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións da Casa da Cultura. A entrada será de balde ata completar aforo. Esta actividade conta con apoio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

mércores, 8 de marzo de 2017

O 17 de marzo a biblioteca lembra a Rosalía e conmemora o Día da Poesía con Xulio Cid Neira

O venres 17 de marzo, a BPM de Brión convida aos seus usuarios a participar nun serán moi especial, que inclúe unha sesión de animación para os máis pequenos e unha presentación bibliográfica para público xuvenil e adulto.

Ás 18:00 h. Rosalía sae dos libros para celebrar o seu 180 aniversario no seu lugar favorito: a biblioteca. A partir das 20:30 h. a Sala Municipal de Exposicións acollerá a presentación do libro “Expreso e outros poemas da vía” de Xulio Cid Neira, acto que adianta a celebración do Día da Poesía o 21 de marzo.

- Rosalía cumpre 180 anos! Queres celebralo con ela?

 Neste espectáculo de animación, a actriz María Torres caracteriza unha divertida Rosalía que fala da súa vida, dos seus fillos e da súa paixón, a poesía, ao tempo que propón distintos xogos de creación literaria.
O serán celebrarase na sala infantil da biblioteca municipal, o venres 17 de marzo a partires das 18:00 h. Entrada de balde ata completar aforo. Espectáculo especialmente dirixido ao público infantil.

- Presentación en Brión de “Expreso e outros poemas da vía”

Ás 20:30 h. a Sala Municipal de Exposicións acollerá a presentación en Brión do último libro do escritor Xulio Cid Neira, publicado en 2016 polo selo literario Círculo Rojo. O autor, nado en Ourense e residente no veciño Concello de Ames, está vinculado profesionalmente con Brión e o seu Instituto de Ensino Secundario dende hai varios anos.
O libro recolle unha serie de poemas inspirados en recordos da infancia e mocidade do autor no barrio ourensá do Pino, que fica ao pé da liña ferroviaria da estación Ourense-Empalme. Acompañará a Xulio no evento o profesor Suso Sambade.
Con motivo deste acto, o venres 17 de marzo a biblioteca pechará as súas portas ás 20:00 h.

Foto de cabeceira: La Voz de Galicia

martes, 7 de marzo de 2017

8 de Marzo - Día da Muller

Hai un ano, con motivo da celebración do 8 de Marzo - Día da Muller, a biblioteca pública municipal de Brión inaugurou un Punto de interese permanente sobre igualdade e contra a violencia de xénero. Un lugar onde dispoñemos unha selección de libros e películas (en formato DVD) sobre un tema que debería estar vixente os 365 días do ano.
Este 8 de marzo, para conmemorar unha data tan significativa, a biblioteca convídate a achegarte e descubrir o noso punto de interese e deixar unha suxestión, idea ou reflexión verbo deste tema no “Muro da Igualdade” que acompaña a selección bibliográfica e audiovisual.
Porque o 8 de Marzo – Día da Muller, debe ser unha data para non esquecer a igualdade o resto do ano. Entre todos e todas podemos logralo.

luns, 6 de marzo de 2017

Novo Catálogo Colectivo de Bibliotecas Públicas Españolas (CCBIP)

O Ministerio de Educación, Cultura y Deporte presentou o luns 6 de marzo o novo Catálogo Colectivo das Bibliotecas Públicas Españolas (CCBIP).

O CCBIP reúne os rexistros bibliográficos das 3.187 bibliotecas públicas españolas e algunhas especializadas, que forman parte das 17 Redes de Bibliotecas de CC.AA. e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla. Nel, é posible consultar máis de 7 millóns de rexistros bibliográficos que van desde as últimas novidades editoriais, audiovisuais e documentos electrónicos ata manuscritos, incunables e obras do patrimonio bibliográfico histórico.


Na nova versión do CCBIP introducíronse as seguintes melloras:

  • Está dispoñible en sete idiomas: castelán, catalán, éuscaro, galego, valenciano, inglés e francés.
  • Dotouse ao OPAC dun novo deseño.
  • Introduce novas funcionalidades como a exportación de rexistros e a ligazón aos rexistros dos catálogos propios das redes de bibliotecas públicas das 17 CC.AA.
Grazas a estes cambios, o CCBIP permitirá impulsar o préstamo interbibliotecario e dar unha maior visibilidade aos fondos bibliográficos que se atopan dispoñibles nas 53 Bibliotecas Públicas do Estado e nas bibliotecas públicas en xeral.

A sinxela presentación do catálogo colectivo permite realizar facilmente a consulta, xa se trate dunha procura sinxela ou pola contra unha máis específica, grazas ao buscador avanzado. Nestes dous formularios pódese seleccionar “buscando en todos os catálogos” ou filtrar por un catálogo dunha Comunidade Autónoma.

Ademais da procura xeral e avanzada, o CCBIP conta cun apartado de procuras específicas en “Catálogos especiais”, nos que se estableceron os campos considerados máis relevantes para localizar os documentos pertencentes ao sub catálogo elixido.

O Catálogo Colectivo das Bibliotecas Públicas Españolas facilita a localización e dispoñibilidade dos fondos bibliográficos en tempo real, e ademais, co obxectivo de asegurar unha procura satisfactoria, lémbrase a posibilidade de facer uso do servizo de préstamo inter bibliotecario.

Por último, destacamos a versión para dispositivos móbiles do CCBIP baseado na imaxe do OPAC (MOPAC), máis sinxelo e reducido xa que o seu obxectivo é ter outro punto de acceso ao catálogo e permitir as funcionalidades máis habituais, como son buscar e localizar un determinado título e reservar nalgúns casos, cuxa dirección é:

Sen dúbida, o CCBIP - Catálogo Colectivo de Bibliotecas Públicas Españolas constitúe unha potente ferramenta de acceso á información que pon de manifesto a importancia de proporcionar ao cidadán un acceso único e sinxelo ás coleccións das bibliotecas públicas españolas, abertas a toda a cidadanía.


Fonte: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte