O Ministerio de Educación, Cultura y Deporte presentou o luns 6 de marzo o novo Catálogo Colectivo das Bibliotecas Públicas Españolas (CCBIP).
O CCBIP reúne os rexistros bibliográficos das 3.187 bibliotecas públicas españolas e algunhas especializadas, que forman parte das 17 Redes de Bibliotecas de CC.AA. e das Cidades Autónomas de Ceuta e Melilla. Nel, é posible consultar máis de 7 millóns de rexistros bibliográficos que van desde as últimas novidades editoriais, audiovisuais e documentos electrónicos ata manuscritos, incunables e obras do patrimonio bibliográfico histórico.
Na nova versión do CCBIP introducíronse as seguintes melloras:
- Está dispoñible en sete idiomas: castelán, catalán, éuscaro, galego, valenciano, inglés e francés.
- Dotouse ao OPAC dun novo deseño.
- Introduce novas funcionalidades como a exportación de rexistros e a ligazón aos rexistros dos catálogos propios das redes de bibliotecas públicas das 17 CC.AA.
Grazas a estes cambios, o CCBIP permitirá impulsar o préstamo interbibliotecario e dar unha maior visibilidade aos fondos bibliográficos que se atopan dispoñibles nas 53 Bibliotecas Públicas do Estado e nas bibliotecas públicas en xeral.
A sinxela presentación do catálogo colectivo permite realizar facilmente a consulta, xa se trate dunha procura sinxela ou pola contra unha máis específica, grazas ao buscador avanzado. Nestes dous formularios pódese seleccionar “buscando en todos os catálogos” ou filtrar por un catálogo dunha Comunidade Autónoma.
Ademais da procura xeral e avanzada, o CCBIP conta cun apartado de procuras específicas en “Catálogos especiais”, nos que se estableceron os campos considerados máis relevantes para localizar os documentos pertencentes ao sub catálogo elixido.
O Catálogo Colectivo das Bibliotecas Públicas Españolas facilita a localización e dispoñibilidade dos fondos bibliográficos en tempo real, e ademais, co obxectivo de asegurar unha procura satisfactoria, lémbrase a posibilidade de facer uso do servizo de préstamo inter bibliotecario.
Por último, destacamos a versión para dispositivos móbiles do CCBIP baseado na imaxe do OPAC (MOPAC), máis sinxelo e reducido xa que o seu obxectivo é ter outro punto de acceso ao catálogo e permitir as funcionalidades máis habituais, como son buscar e localizar un determinado título e reservar nalgúns casos, cuxa dirección é:
Sen dúbida, o CCBIP - Catálogo Colectivo de Bibliotecas Públicas Españolas constitúe unha potente ferramenta de acceso á información que pon de manifesto a importancia de proporcionar ao cidadán un acceso único e sinxelo ás coleccións das bibliotecas públicas españolas, abertas a toda a cidadanía.
Fonte: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte
0 comentarios :
Publicar un comentario