Coincidindo co Día Mundial da Poesía, a biblioteca pública de Brión recibiu
o martes 21 de marzo ao escritor e director xeral da editorial Galaxia
Francisco Castro que fixo un oco na súa apertada axenda para reunirse cos
integrantes do club de lectura da biblioteca.
Unha esperada xuntanza para falar sobre a súa última novela, “Amor é unha
palabra coma outra calquera” (Galaxia, 2016), unha obra recentemente lida polos
integrantes do club. Durante aproximadamente unha hora, Francisco atendeu
distintas cuestións presentadas polas lectoras e lectores que participan nesta
actividade de dinamización onde, de xeito periódico, poñen en común
experiencias lectoras compartidas.
O serán, que resultou moi ameno e didáctico, tamén serviu para coñecer polo
miúdo o proceso creativo que supón escribir unha obra literaria. Algo que
Francisco coñece moi ben, pois é autor de numerosas obras recoñecidas por
crítica e público.
Para rematar o serán, e a xeito de testemuña e en lembranza da súa visita,
o escritor e editor vigués asinou un exemplar das súas obras “Amor é unha
palabra como outra calquera” e “Tes ata as 10”, dous títulos á disposición de
todos os usuarios da biblioteca municipal.
0 comentarios :
Publicar un comentario