A prosa e os versos de Rosalía consérvanse en centos de publicacións. Asemade, a súa imaxe quedou plasmada en icónicas fotografías, debuxos e óleos que a representaron en distintos momentos da súa vida. Combinando palabras e imaxes, queremos homenaxear a Rosalía de Castro no seu día, o 24 de febreiro. Unha data na que lembramos o seu nacemento para conmemorar a vida e obra dunha figura sobranceira e clave das nosas letras.
A nosa achega, versos e imaxes na semana do 22 ao 28 de febreiro
Ao longo da última semana de febreiro, e a través das redes sociais da biblioteca pública municipal e do Concello de Brión, iremos compartindo diariamente imaxes e textos da autora. Tamén partillaremos vídeos de curta duración nos que Rosalía e a súa obra se converterán en imaxes en movemento.
Únete a nós nesta homenaxe a Rosalía
Anímate a participar nesta campaña e comparte connosco, a través das redes sociais, algunha imaxe da autora, texto ou vídeo breve (gravado co móbil) no que recites algunha estrofa ou fagas calquera reflexión sobre Rosalía de Castro. Coa etiqueta #diaderosaliaenbrion, comparte a túa achega a través do Facebook, citando @bibliotecadebrion, ou no Twitter, citando @bibliobrion. Calquera contido que subas, compartirémolo nas nosas redes para celebrar o Día de Rosalía 2021.