Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

martes, 30 de decembro de 2014

XIX Festival de Títeres de Brión

Un ano mais os monicreques acoden puntuais á súa cita de Aninovo en Brión. Porque os días 2 e 3 de xaneiro celébrase no Centro Social Polivalente o XIX Festival de Títeres, un evento dirixido a toda a familia que gozan por igual pequenos e grandes.

O día 2 de xaneiro “Os monicreques de Kukas” presentan a obra “Xan Perillán e a maleta máxica”. Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe á Pernambuco. Pero onde queda Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur? Cun pouco de maxia e a axuda dos rapaces seguro que o descubrirá. Marcelino de Santiago protagoniza este espectáculo, que mestura o clown e a pantomima coa maxia dos monifates.

O día 3 de xaneiro “Títeres Cachirulo” representan “A figueira do Demo”, espectáculo baseado na obra de Roberto Vidal Bolaño “Romance dos Figos de Ouro”. Monicreques de gran tamaño feitos en madeira, evocando as imaxes do románico mesturadas con fortes expresións e unha evocación o mundo da infancia, serán os encargados de contar esta historia cun soporte musical en directo que vai creando clima e cancións nos distintos cadros da peza.

As representación comezarán ás 17:00 h., no salón multiusos do mencionado centro. A entrada para todos os asistentes será de balde ata completar aforo.

xoves, 25 de decembro de 2014

Felices Festas!

Nestas datas tan sinaladas, dende a BPM de Brión queremos desexar a todas/os unhas felices festas!

Presentación do libro "Brión en fotos"

A Sala de Exposición Municipal de Brión acolleu o venres 19 de decembro o acto de presentación do libro e inauguración da exposición “Brión en fotos: unha memoria visual do S. XX”. Un proxecto da asociación “O Esquío no Piñeiro” que contou co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e o apoio do Concello de Brión.

Tras un arduo traballo de recompilación de fotografías antigas do municipio no que participaron veciños de todas as idades, a asociación logrou reunir un destacado arquivo visual de máis dun milleiro de imaxes. Son fotos antigas achegadas por brioneses e brionesas que reflicten a vida cotiá do concello dende comezos do S. XX ata mediados dos anos setenta do século pasado.

Rescatadas de caixóns e vellos albumes, as imaxes reproducidas na publicación “Brión en fotos” aparecen organizadas en diferentes seccións temáticas: a escola, festas e tradicións, acontecementos sociais, a música, o deporte, os xogos, o retrato, a emigración, o traballo, etc. Na selección final participaron membros da asociación, que contaron para tal fin coa inestimable colaboración do profesor Xesús Manuel Xiráldez e do recoñecido debuxante e deseñador Xosé Vizoso. Asemade, foron responsables, respectivamente, da elaboración de textos e ilustracións que complementan o libro, achegando un engadido de incalculable valor.

Presidiron o acto Ovidio Rodeiro Tato, Director Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia e José Luís García, Alcalde do Concello de Brión. Xunto a eles, na mesa, estiveron Xesús Manuel Xiráldez e un representante da asociación “O Esquío no Piñeiro”

O numeroso público que asistiu á presentación foi o primeiro en coñecer a publicación e contemplar a escolma de vinte imaxes de gran formato que compoñen a mostra. Unha exposición que vai estar aberta ao público ata o vindeiro 12 de xaneiro no mencionado espazo. Tamén recibiron como agasallo un exemplar do libro, cortesía de O Esquío no Piñeiro.

Dado o valor histórico e documental de “Brión en fotos”, auténtica memoria visual comunitaria, o Concello de Brión vai apoiar unha segunda edición da obra, coa que quere agasallar en vindeiras datas a todas as familias do municipio. Unha iniciativa que continúa a liña doutras realizadas no pasado, como “Brión : Historia, economía, cultura e arte” de Clodio González Pérez, “Aldeas” de Carlos Rodrígues Brandão ou “Bretemas luzadas” de Luis Alonso Ocaña.

venres, 19 de decembro de 2014

"Sede de mal" con Luís Iglesia B. e Xabier Deive

O grupo “Boneca Lareta”, integrado por Luís Iglesia B. e Xabier Deive, presenta no auditorio do Centro Social Polivalente de Brión “Sede de mal”, unha comedia a 12 cordas sobre o lado escuro da vida.

A representación está prevista para o sábado 20 de decembro ás 20:30 h. no mencionado espazo. A entrada é de balde ata completar aforo.

xoves, 18 de decembro de 2014

Club de Lectura: "Mi familia y otros animales" de Gerald Durrell

Deixamos a Ría de Vigo para dar un salto ata as veciñas Illas Británicas, precisamente dende onde viñeron as naves que afundiron a frota do ouro en Rande. Tras ler “Os fillos do mar” de Pedro Feijoo achegámonos a un autor clásico da literatura contemporánea: Gerard Durrell.

Un polifacético escritor que ademais foi zoólogo e naturalista. Fundador da Durrell Wildlife Conservation Trust y el Zoo de Jersey (actualmente renomeado como Durrell Wildlife), tamén escribiu numerosos libros onde se recollen as súas experiencias biográficas.

Nesta ocasión imos ler “Mi familia y otros animales”, un libro onde combina varios xéneros, dende a descrición de lugares e xentes, a autobiografía e o relato humorístico. Nel fálanos dos anos que viviu coa súa familia na illa grega de Corfú cando aínda era neno. 

Para comentalo, reunirémonos o mércores 14 de xaneiro ás 20:30 h. na B.P.M. de Brión.

sábado, 13 de decembro de 2014

Horarios da biblioteca para o Nadal

Durante as Festas de Nadal, a biblioteca pública de Brión modifica os horarios de apertura nestas datas tan sinaladas.
Os cambios afectan de dúas maneiras, por un lado o centro permanecerá pechado os sábados 20 e 27 de decembro e 3 de xaneiro. Tampouco abrirá as súas portas os día 24, a tarde do 26 e día 31 de decembro, ademais dos festivos.
O resto de días, o horario de apertura será o seguinte: Mañás de 10:00 a 13:30 h. e tardes de 16:00 a 20:00 h. Permanecerá vixente dende o día 23 de decembro ata o 7 de xaneiro.
Moitas grazas e desculpen as molestias. 
FELICES FESTAS!!

Vagalumes no vento co Grupo Ouriol

Hoxe sábado, a partires das 18:30 h., no Centro Social Polivalente, a poetisa Eva Veiga acompañada dos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, ofrecerannos un recital de poesía e música dirixido a nenos de seis anos en diante e adultos.
Trátase dun espectáculo pensado para gozar da poesía e da música . Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneyra, Manuel María, Pura Vázquez, García Lorca, Xosé Mª Álvarez Blázquez, Antonio García Teijeiro, Fran Alonso ou Luz Pozo, son algúns dos escritores e escritoras escollidos para este recital que trata de facer estalar no aire a marabilla que encerran as súas voces. A entrada ao espectáculo é debalde ata completar aforo.

Brión en fotos, presentación do libro e exposición

O venres 19 de decembro a Sala de Exposicións Municipal de Brión acolle a presentación do libro e inauguración da exposición “Brión en fotos: unha memoria visual do S. XX”. Unha iniciativa da Asociación O Esquío no Piñeiro a prol da recuperación e posta en valor da memoria histórica local a través de fotografías antigas achegadas por veciños do concello.

Tanto a publicación como mostra contaron co patrocinio da Dirección Xeral de Xuventude e do Concello de Brión, institucións que na presentación estarán representadas por Ovidio Rodeiro Tato, Director Xeral de Xuventude, e José Luís García García, Alcalde do Concello de Brión. Na mesa de convidados tamén se sentarán Manuel Xesús Xiráldez, prologuista do libro e colaborador nos textos e selección de imaxes, así coma representantes da Asociación O Esquío no Piñeiro.

O libro contou ademais coa colaboración de Xosé Vizoso, recoñecido ilustrador e deseñador da cerámica de Sargadelos, que iluminou cos seus debuxos as distintas seccións da publicación. Unha obra que non sería posible sen a inestimable colaboración de moitos veciños, adultos e mozos, que se implicaron na recuperación das imaxes do Brión que foi e non queremos esquecer.

xoves, 20 de novembro de 2014

Club de lectura: "Os fillos do mar" de Pedro Feijoo

Despois de ler “As rapazas de Xan” damos un salto temporal da Galicia rural da posguerra para situarnos na actualidade, no mundo urbano dunha gran capital como é Vigo. Alí reside o arquitecto Simón Varela, un mediocre profesional que un día recibe a chamada de Isabel Llobet, unha distinguida señora pertencente á alta sociedade viguesa que desexa realizar unha reforma nunha fonte da súa propiedade, nun pazo de Canido. Poucos días despois de comezar o traballo, o arquitecto verase involucrado nunha intrigante trama que da forma á novela que imos ler.

Trátase de “Os fillos do mar”, escrita por Pedro Feijoo, obra finalista do Premio Xerais 2011, Premio Literario ''Arcebispo Juan de San Clemente'' 2013 e Premio Literario Frei Martín Sarmiento 2014. Unha novela de intriga que comentaremos na vindeira reunión do club, que celebraremos o mércores 10 de decembro na BPM de Brión a partir das 20:30 horas. 

Foto: Ed. Xerais de Galicia

mércores, 19 de novembro de 2014

"Cóntame un contiño", na biblioteca pública municipal

O xoves 20 de novembro, a ANPA Rosalía de Castro da escola unitaria de Os Ánxeles presenta na biblioteca pública municipal a actividade "Cóntame un contiño", un serán conta contos dirixido a meniños que vai celebrarse quincenalmente os xoves a partir das 18 h. A actividade está dirixida a nenos acompañados dun adulto.
Os usuarios/as interesados en participar, poden contactar directamente coa asociación a través do enderezo de correo electrónico que aparece ao pé de páxina.
 

venres, 14 de novembro de 2014

DITEA presenta en Brión "Animaliños" de Roberto Vidal Bolaño

O Outono Cultural continúa coa súa interesante oferta teatral. O sábado 15 de novembro destaca na programación a obra "Animaliños" de Roberto Vidal Bolaño, un espectáculo a cargo do grupo Teatro de Cámara DITEA.
O texto, escrito polo ilustre dramaturgo compostelá veciño de Brión nos seus derradeiros anos, ofrécenos unha irónica visión, a xeito de comedia, sobre os habitantes das urbanización a través das súas obsesión cos xardíns que todo "adosado "que se prece debe ter.
O espectáculo teatral comezará ás 21:00 h. no auditorio do Centro Social Polivalente. A entrada é de balde.

sábado, 8 de novembro de 2014

Mofa e Befa presentan en Brión "Shakespeare para ignorantes"

O sábado 8 de novembro o auditorio do Centro Social Polivalente recibe ao coñecido dúo cómico Mofa e Befa que presentan en Brión, xunto con Quico Cadaval, a obra “Shakespeare para ignorantes”.
Con este espectáculo, Mofa e Mofa irrompen nunha académica conferencia sobre o famoso autor para poñer en primeiro plano as escenas máis ignoradas, por desidia ou falta de oportunidades, polo público actual. A risa máis cruel, as intimidades máis vergonzosas, os actos máis deshonestos e as vilanías máis astutas serán mostradas pola desapiadada máquina cómica de Mofa e Mofa.
A representación, enmarcada dentro da programación do Outono Cultural, comeza ás 20:30 h. A entrada é de balde.

xoves, 23 de outubro de 2014

"As rapazas de Xan" de Manuel Iglesias Turnes, vindeira lectura do club

Comezamos unha nova xeira no club de lectura da man do autor barcalés Manuel Iglesias Turnes e a súa primeira novela, “As rapazas de Xan”. Unha historia que nos fala de amor nos difíciles tempos da posguerra, pero tamén una emocionante novela coral, como a define Pablo Vaamonte García un dos prologuistas xunto a Suso de Toro, onde se describe o complexo tecido de relacións humanas nunha aldea galega nuns tempos de pobreza e emigración.

luns, 20 de outubro de 2014

GaliciaLe, un servizo de prestado de contidos dixitais, xa dispoñible nas bibliotecas públicas

Aos usuarios/as da biblioteca que gozan coa lectura en calquera soporte, sexa nun libro tradicional ou en formato dixital, temos que darlle unha excelente nova. Dende hoxe está dispoñible para todos/as o servizo “GaliciaLe”, unha plataforma do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á lectura neste formato.
GaliciaLe” vai proporcionar un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar.
En "GaliciaLe" o lector atopará dous catálogos: un que contén o “Catálogo do libro electrónico en galego” e outro que aloxa o “Catálogo do libro electrónico en castelán”. Os libros incluídos nestas dúas contornas poderán lerse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.
"GaliciaLe" é unha plataforma impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Cultura que xa está dispoñible a través da túa biblioteca pública. Se precisas máis información ou axuda diríxete á biblioteca municipal.

xoves, 9 de outubro de 2014

Obradoito gratuíto de clown con Fran Rei e Pedro Brandariz

O Concello de Brión e o programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia “Falaredes” propóñenche a actividade gratuíta “Obradoiro de Clown”. Un taller impartido por Fran Rei e Pedro Brandariz de “Os sete magníficos mais un” que vai ter lugar os venres 10, 17 e 24 de outubro de 2014.

Consiste en sesións de tres horas e media máis a demostración final de fin de curso. Está dirixido a mozos/as maiores de 16 anos, cun máximo de 25 alumnos, que poderán tramitar a inscrición na Casa da Cultura de Brión totalmente de balde.

luns, 15 de setembro de 2014

UNHA NOVA FERRAMENTA EDUCATIVA Á TÚA DISPOSICIÓN NA BIBLIOTECA

A BPM de Brión conta cun novo servizo de contidos dixitais on-line especialmente destinado a profesores, alumnos e familias, con múltiples recursos e ferramentas especialmente deseñados para segundo ciclo de Primaria e Educación Secundaria.
Trátase de AulaPlaneta unha solución 100% dixital dirixida á comunidade educativa. Combina a calidade do maior banco de contidos dixitais, o do Grupo Planeta, coas metodoloxías de ensino e aprendizaxe máis innovadoras para facilitar o labor do profesor, motivar ao alumno e implicar e apoiar aos pais. AulaPlaneta incorpora unha nova fórmula que aproveita o potencial das novas tecnoloxías da información e a comunicación, ademais dos últimos avances en materia pedagóxica, asegurando deste xeito un ensino de maior calidade, moito máis motivadora tanto para o profesor como o alumno. Dende o seu lanzamento, AulaPlaneta xa cobre todas as necesidades académicas dos plans de estudo de 5º e 6º de Primaria e toda a etapa de Educación Secundaria Obrigatoria, e xa se utiliza en máis de 2.000 centros educativos españois.
Unha ferramenta xa á túa disposición na BPM de Brión que che recomendamos que coñezas. Solicita máis información na biblioteca.

martes, 5 de agosto de 2014

HORARIOS DA BIBLIOTECA MESES DE AGOSTO-SETEMBRO (EDITADO)

A BPM de Brión vai pechar as súas portas dende o día 6 de agosto ata o 7 de setembro. Volta abrir a partir do día 8 co horario de verán, que se prolongará ata o día 12. Dende o luns 15 de setembro, retómase o horario habitual.
Os usuarios que teñan libros pendentes de devolución poden entregalos nas dependencias da Casa da Cultura, en horario de 09:00 a 14:30 h., ou ben esperar ao mes de setembro.


HORARIOS DA BIBLIOTECA MESES DE AGOSTO E SETEMBRO:


DO DÍA 1 AO 5 DE AGOSTO:
Luns a venres:
Mañás, de 10:00 a 13:30 h.
Tardes, de 16:00 a 20:00 h.
Sábados:
PECHADO. 

DO DÍA 6 DE AGOSTO AO 7 DE SETEMBRO:
A BIBLIOTECA PERMANECERÁ PECHADA

DO DÍA 8 AO 12 DE SETEMBRO:
Luns a venres:
Mañás, de 10:00 a 13:30 h.
Tardes, de 16:00 a 20:00 h.
Sábados:
PECHADO.

DENDE O 15 DE SETEMBRO:
Luns a venres:
Mañás, de 10:00 a 13:00 h.
Tardes, de 16:00 a 22:00 h.
Sábados:
Mañás, de 09:00 a 14:00 h.

Moitas grazas e desculpen as molestias.

PROGRAMACIÓN CULTURAL E DEPORTIVA DO CONCELLO DE BRIÓN PARA O CURSO 2014-15

O Concello de Brión acaba de publicar a nova axenda cultural e deportiva que recolle a programación de actividades formativas, deportivas, culturais e de lecer para curso 2014-2015. Este ano o prazo de inscrición nas distintas actividades permanecerá aberto do 25 de agosto ao 19 de setembro. Os interesados e interesadas xa poden consultar a variada oferta a través da páxina web do concello ou ben premendo na ligazón que o lector atopará ao pé da páxina. A inscrición nas actividades deberá realizarse de xeito presencial na Casa da Cultura de Brión. O horario de atención ao público será das 9:00 ás 14:00 h. As actividades darán comezo o día 1 de outubro de 2014 e rematarán o 19 de xuño de 2015.

Ligazón coa programación cultural e deportiva 2014-2015

HOMENAXE DE BRIÓN A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Brión homenaxeou unha vez máis a Roberto Vidal Bolaño, ilustre veciño que foi do concello nos seus derradeiros anos. O xenial dramaturgo está representado dende o xoves 31 de xullo nun busto que, situado na entrada da Carballeira de Santa Minia, lembra a relación de Roberto con este espazo e Brión. A data escollida non foi elixida ao azar; tal día hai 64 anos nacera Vidal Bolaño no barrio compostelán de Vista Alegre. O emprazamento tamén está cargado de simbolismo. Na planta baixa da Casa da Cultura, onde antes ficaba a biblioteca municipal, Roberto ensaiou e actuou en varias ocasións coa súa compañía “Teatro do Aquí”. E na Carballeira de Santa Minia representou ao aire libre varias das súas creacións dramáticas.

Unha data e lugar cargados de significado que reuniron numerosas personalidades do mundo da política e a cultura galegas que arredor da familia do homenaxeado e do alcalde brionés vertebraron unha cerimonia que transcorre na Sala de Exposición para logo trasladarse ao exterior, onde se procedeu á descuberta dun busto de Roberto, realizado polo afamado artista Xosé Vizoso en colaboración con Roge Fernández. Carme Vidal Quintáns, filla máis nova do dramaturgo, e Xosé Luís García, alcalde de Brión, foron os encargados de retirar a tea  que cubria a escultura.

Todos os asistentes coincidiron en destacar o compromiso social e a defensa da lingua, tamén a orixinalidade e universalidade do creador galego, sen dúbida unha das grandes figuras do teatro contemporáneo. Un dramaturgo que finou en 2002 deixando tras de si unha traxectoria profesional  brillante no eido teatral e audiovisual.

mércores, 9 de xullo de 2014

UN DVD DOS MAIORES DE BRIÓN RECOMPILA LEMBRANZAS DO BRIÓN DE HAI CINCUENTA ANOS

A actividade “Obradoiro de memoria” do Concello de Brión volve a ser noticia unha vez máis por un interesante traballo de historia oral no que maiores que participan nos obradoiros lembran como era a súa infancia hai máis de cincuenta anos.

Baixo a coordinación de Elena Remesar, promotora desta idea, os agora avós reviviron diante da vídeo cámara as lembranzas de cando eran nenos: os difíciles tempos da posguerra, un momento histórico moi complicado que lles tocou vivir. Como nos comenta Elena, “Algúns naceron antes da guerra civil, pero todos viviron a posguerra e as súas vidas non foron doadas”. Como eles mesmos din: "aínda así fomos felices", "conformabámonos con pouco".

O traballo, titulado “Palabras maiores (parte 1)”, está editado nun DVD onde se recompilan as vídeo gravacións das charlas e coloquios onde os participantes falaron de como era a escola, os xogos cos que se divertían e as cantigas que cantaban na súa infancia. Tamén comparten lembranzas da súa vida cotiá: a familia, os traballos domésticos e no campo, etc. O disco complétase cunha galería fotográfica de imaxes achegadas polos participantes.

Elena Remesar está moi satisfeita co resultado. Fronte a traballos anteriores realizados en formato libro (“Un anaco de sabedoría” e “Outro anaco de sabedoría”), nesta ocasión “o traballo fixémolo en forma de DVD, o que nos permite mirar aos ollos da persoa que fala. Ademais queda reflectida a riqueza lingüística e os distintos acentos dos participantes”.

Elena continúa dicíndonos que “esta é a primeira parte, pero esperamos poder facer o próximo ano a segunda titulada: “A mocidade”, da que xa temos algún material e esperamos reunir máis”. Unha segunda parte de “Palabras maiores” que complementará esta interesante traballo de investigación que nos amosa como se vivía en Brión a mediados do pasado século a través de testemuñas directas. Unha achega imprescindible e unha herdanza de incalculable valor para as xeracións vindeiras.

luns, 30 de xuño de 2014

MONICREQUES NA CARBALLERA DE SANTA MINIA. NOVAS DATAS DE CELEBRACIÓN [editado]

Os pequenos (e os que non o son tanto) de Brión aos que lle gusta o teatro de monicreques están de noraboa. Porque chegan á Carballeira de Santa Minia os monifates do Festival Monecadas, unha actividade organizada por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión.
O festival, previsto para os días 4, 5 e 6 de xullo, cambia de datas, ante a previsión de mal tempo, e traslada a súa celebración aos días 11, 12 e 13 de xullo.
O festival comeza o venres 11 de xullo ás 18:00 h. cun obradoiro, seguido ás 20:00 h. da obra “O murmurio do mar”, a cargo de A Xanela do Maxín. O sábado 12, ás 20:00 h. terá lugar a representación de “Pekeno Kabaret de tolos” a cargo de Títeres Alakrán. O domingo 13, ás 13:00 h., Títeres Cachirulo presentarán o espectáculo “Pinocho”.

Todas os obradoiros e representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia.

venres, 27 de xuño de 2014

ENCONTRO COA ARTE 2014-TROBADA D'ART. DE L'EMPORDÀ A GALICIA

Os días 27, 28 e 29 de xuño a arte e os artistas son os protagonistas dunha fin de semana onde os pinceis e os cabaletes dunha vintena de pintores trasladaranse ao aire libre para descubrir aos veciños e visitantes de Brión o proceso creativo polo que un lenzo en branco se transforma nunha obra de arte.

Porque regresa o Encontro coa Arte, unhas xornadas de convivencia e creación artística que nesta ocasión nos agasallan cunha edición moi especial. Un Encontro que se antolla diferente, no senso que se converte nun intercambio cultural e artístico entre Galicia e Cataluña, froito dun convenio de colaboración asinado o pasado ano entre o Concello de Brión e a localidade xerundense de Castell-Platja d’Aro.

Na primavera de 2013, e baixo a denominación de “Trobada d’ Art. De l'Empordà a Galicia”, unha decena de artistas galegos participan xunto con catorce creadores cataláns nunha exposición colectiva que permaneceu aberta ao público na citada vila xerundense ata o día 5 de maio de 2013.

Nos vindeiros días, será unha representación de artistas cataláns os que visita Brión para participar no “IX Encontro coa Arte. De l’Empordà a Galicia”. Unha xornadas nas que dez creadores procedentes de Girona convivirán con doce pintores galegos, ofrecéndonos a posibilidade de participar do seu talento nunha exposición artística e tamén nos obradoiros creativos ao aire libre onde os veremos traballar.

Programa:

O venres 27 de xuño, ás 13 h., terá lugar na casa do concello unha recepción institucional que abrirá o IX Encontro coa Arte. Pola tarde, os artistas trasladaranse ata a entorna natural de Ponte Maceira para realizar a primeira xornada de pintura do natural neste fermoso lugar. As 20:30 h., no Centro Social Polivalente, celebrarase o concerto “A miña primeira Rosalía”, un recital no que participan María Manuela, Xiana Lastra, Mini e Mero; un espectáculo de balde ao que está convidado todo o mundo ata completar aforo.

O sábado 28 pola mañá, os artistas trasladan os lenzos en branco ata a parroquia de Bastavales para enchelos coas cores do lugar que inspirou os famosos versos de Rosalía de Castro. Ao serán, ás 21:30 h., terá lugar a inauguración da exposición “Encontro de Arte "De L'Empordá a Galicia", una mostra colectiva de pintura a cargo dos artistas cataláns e galegos que participan no encontro. Poderase visitar de balde na Sala de Exposicións do Concello de Brión ata o vindeiro 18 de xullo.

O domingo 29, os obradoiros de pintura do natural trasládanse ata o Paseo do Río Pego, en Pedrouzos. Un lugar no que os pintores pasarán a mañá creando as obras que logo doarán a pinacoteca municipal para formar parte do patrimonio artístico do concello.

A PARTIRES DO 1 DE XULLO INICIAMOS O HORARIO DE VERÁN

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o martes día 1 e ata o xoves 31, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.

Non abrimos na mañá dos sábados


mércores, 28 de maio de 2014

AVENTURAS NA COCIÑA CON TRINKETRINKE TEATRO

O mércores 28 de maio Trinketrinke Teatro presentou no salón de actos do Centro Social Polivalente o espectáculo conta contos “Aventuras na cociña”, un orixinal e entretido serán de narracións orais dramatizadas dirixido aos nenos e nenas de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos e das Escolas unitarias de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales.
A primeira sesión comezou ás 10:45 h. Nela participaron os meniños de Pedrouzos, que escoitaron as historias dun ratiño de biblioteca acostumado a vivir entre libros e fogóns. Pois estabamos ante un auténtico “chef” moi experimentado nas artes de cociñar alimentos e, tamén, divertidas historias.
Tras a primeira función, que durou aproximadamente 45 min., ás 12:00 h. chegaron os nenos e nenas das escolas unitarias do concello, que participaron nun segundo serán conta contos similar ao primeiro. A orixinalidade do espectáculo estivo na posta en escena das historias, que tomando o organigrama dun menú alimentario, ensinaron aos máis pequenos que unha alimentación sana e equilibrada é fonte de saúde e benestar.
 A actuación forma parte da programación da Feira do Libro de Brión - Maio Cultural 2014, organizada pola Casa da Cultura e a biblioteca municipal de Brión.

luns, 26 de maio de 2014

Sarabela Teatro presenta na Feira do Libro de Brión "O ovo máis bonito"

O grupo ourensá Sarabela Teatro presentou no Centro Social Polivalente “O ovo máis bonito” un espectáculo de narración oral dirixida a alumnos/as de 3º Ciclo da ESO do CEIP de Pedrouzos. A actividade, que se inscribe dentro da programación da Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2014, comezou ás 12:00 h. e prolongouse durante unha hora, cunha asistencia que se aproximou aos 90 rapaces acompañados dos seus mestres.
O serán conta contos dividiuse en dúas partes, con sendas historias conducidas pola actriz narradora, nas que varios rapaces voluntarios subiron ao escenario para converterse en improvisados actores por un día. Os nenos e nenas do público tamén participaron no desenvolvemento das tramas, interactuando cos seus compañeiros que dende as táboas deron vida aos diversos personaxes de conto.
A sesión rematou entre risas e palmas, coa agradable sensación de que o público asistente se divertiu e gozou cunhas historias das que tamén foron un pouco protagonistas.

sábado, 24 de maio de 2014

A NOITE EN BRANCO NA BIBLIOTECA MUNICIPAL

A Escola Municipal de Música de Brión celebrou este venres, día 23 de maio, a súa “Noite en branco”, una serie de recitais itinerantes que percorreron diferentes espazos escénicos, como a propia escola, a biblioteca municipal, a Sala de Exposicións e o Centro Social Polivalente de Brión.

Unha orixinal idea que comezou ás 22:00 h. na aula 5 da ESMU Magariños cun concerto “Lento” e logo trasladouse á BPM de Brión. Alí os músicos executaron un concerto “Adagio”, que se iniciou ás 22:30 h., prolongándose durante aproximadamente un cuarto de hora. A sala principal da biblioteca foi o lugar escollido onde os nove interpretes, todos alumnos da escola, interpretaron varias pezas acompañados por un numeroso público que os ía seguindo dun lugar a outro. 

De seguido, a música trasladouse ata a Sala de Exposicións Municipal de Brión, onde tivo lugar un concerto “Moderato”, que comezou arredor da 23:00 h. O seguinte espazo escénico foi, de novo, a Escola de Música. Para rematar, a media noite, o programa pechouse cun derradeiro concerto “Prestissimo” que tivo lugar no Salón de Actos do Centro Social Polivalente. 

Unha iniciativa dinamizadora da ESMU Magariños que encheu cos sons da música un lugar normalmente silencioso como é unha biblioteca. A todos os participantes e público asistente, moitas grazas e ata a vindeira Noite en branco.

xoves, 22 de maio de 2014

CLUB DE LECTURA: "TOKIO BLUES" DE HARUKI MURAKAMI

Despois da lectura de “Cien años de soledad” de Gabriel García Márquez cambiamos de terzo para achegarnos á obra do autor xaponés Haruki Murakami. Escritor e tradutor, os seus libros recibiron críticas positivas e numerosos premios arredor do mundo.
A obra escollida para achegarnos a súa prosa é “Tokio blues”, unha novela que narra unha historia nostálxica que trata os temas da perda e a sexualidade. A historia está contada polo seu protagonista, Toru Watanabe, que evoca na novela o tempo en que residiu en Tokyo durante o seu primeiro ano como estudante universitario.
A través dos recordos de Toru o lector é testemuña do desenvolvemento das súas relacións con dúas mulleres moi distintas: Naoko, unha rapaza fermosa, cunha vida emocional axitada, e, a sociable e animada Midori. 
A data escollida para reunirnos é o mércores 25 de xuño. Como sempre, será na BPM de Brión a partir das 20:30 h.

mércores, 21 de maio de 2014

Recital de poemas de Díaz Castro a cargo do Grupo Ouriol

A Feira do Libro de Brión-Maio Cultura 2014 recibiu hoxe, mércores 21 de maio, ao Grupo Ouriol, que presentou o espectáculo “Nimbos” , un recital de poesía arredor da obra de Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano.
Coa poetisa Eva Veiga á cabeza, o grupo recibiu no auditorio do Centro Social de Brión a un grupo de case 80 rapaces do IES de Brión que cursan 4º da ESO e 1º de Bacharelato. A sesión comezou cunha pequena introdución sobre a figura de Díaz Castro, ao que seguiu o recital propiamente dito. Os versos do poeta, na voz de Eva Veiga, estiveron acompañados pola música executada en directo polo resto dos integrantes da formación. De fondo, unha interesante proxección con imaxes da obra do coñecido pintor noiés Alfonso Costa ilustraron as estrofas saídas da pluma do autor de “Nimbos”. 
O recital, que se estendeu aproximadamente uns 30 min., finalizou coas palmas do auditorio. Segundo nos contou un dos profesores acompañantes, o grupo de escolares traballarán agora na obra deste autor dentro da materia de Lingua galega e Literatura.

luns, 19 de maio de 2014

AVELINO GONZÁLEZ PRESENTA EN BRIÓN OS SEUS "CONTOS LITERARIOS"

A Feira do Libro-Maio Cultural 2014 continúa coa súa programación conmemorativa do mes das nosas letras. Nesta ocasión foi o coñecido actor Avelino González quen presentou en Brión o seu espectáculo “Contos literarios”, que estivo especialmente dirixido aos alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES de Brión.

Arredor das 11:20 h. , uns aproximadamente 60 rapaces gozaron dunha narración oral dramatizada que os fixo rir ao longo de toda a sesión. Un serán de “Contos literarios” no que Avelino se comunicou co público en numerosas ocasións, nunha posta en escena sinxela pero moi dinámica, onde toda a atención recaía na historia e no narrador.
A actividade, organizada pola BPM de Brión en colaboración coa Casa da Cultura conta co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

CARAMUXO TEATRO SEMENTA EN BRIÓN "AS FABAS MÁXICAS"

O domingo 18 de maio o grupo Caramuxo Teatro presentou no auditorio do Centro Social de Brión o espectáculo “As fabas máxicas”, unha versión do conto clásico adaptada ao teatro de monicreques.

 Segundo os seus creadores, trátase dun espectáculo, pensado para nenos e nenas a partir de catro anos de idade, contado en primeira persoa a través do teatro de actor e de monicreques. Xan, o protagonista da historia, vive agora nun pequeno apartamento dun dos edificios mais altos de Nova York. Coidando as plantas da súa terraza, descobre algo sorprendente, que lle lembra unha asombrosa infancia chea de aventuras.

 A obra teatral, de coidada estética, esta chea de momentos onde o humor, a emoción, e a poesía mestúranse para dar unha visión contemporánea do coñecido conto infantil. Unha atractiva proposta de lecer que reuniu preto de sesenta persoas no Centro Social Polivalente dende as 12:30 h. e aproximadamente durante unha hora.

A actuación formou parte da programación da Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2014, e contou co patrocinio do programa de dinamización lingüística “FalaRedes”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

venres, 16 de maio de 2014

LARRAITZ URRUZOLA PRESENTA EN BRIÓN AS HISTORIAS DE "BABAMOR"

A actriz Larraitz Urruzola presentou en Brión, na véspera do Día das Letras Galegas, o espectáculo “Babamor”, un serán contacontos dirixido aos nenos e nenas de 2º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos.
A sesión de contos comezou ás 12 h. e prolongouse durante uns sesenta minutos, asistindo a ela arredor dun 140 rapaces acompañados dos seus mestres. Todos xuntos gozaron das historias narradas por Larraitz, que dende o primeiro momento cativaron a atención curiosa dos rapaces e tamén dos adultos asistentes. Historias que nos falaron do amor entre diferentes e iguais. Contos cheos de valores, como a convivencia, amor e a amizade. 

O lugar de celebración do espectáculo foi o auditorio do Centro Social Polivalente, instalacións que acollen a maioría da programación da Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2014, actividade na que se enmarca esta actuación.

mércores, 14 de maio de 2014

SANTI PREGO PRESENTA "CONTOS DA LÚA" NA FEIRA DO LIBRO-MAIO CULTURAL 2014

A programación da Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2014 segue adiante, nesta ocasión presentando o espectáculo “Contos da Lúa” de Santi Prego, un conta contos dirixido aos nenos e nenas que cursan 1º Ciclo de Primaria no CEIP de Pedrouzos.

O auditorio do Centro Social Polivalente foi o lugar escollido para esta sesión de narración oral dramatizada, onde o contador de historias Santi Prego cativou a un entregado auditorio formado por case 130 nenos máis os seus profesores. Todos gozaron con contos moi coñecidos, participando activamente nas historias de tradición oral que o narrador representou con moita autenticidade e simpatía.

martes, 13 de maio de 2014

Tim Bowley e Charo Pita presentan en Brión o conta contos "Dúas linguas, unha historia"

O luns 12 de maio iniciáronse as actividades dirixidas aos nenos e nenas dos diferentes niveis educativos do municipio, contempladas dentro da máis ampla programación da Feira do Libro de Brión - Maio Cultural 2014. Da man de Tim Bowley e Charo Pita, os rapaces de 1º Ciclo da ESO do IES de Brión asistiron a "Dúas linguas, unha historia" unha divertida sesión conta contos en inglés e galego.


Ao auditorio do Centro Social Polivalente, lugar onde se celebrou a actividade, acudiron aproximadamente uns 60 rapaces e rapazas acompañados por catro profesores que durante unha hora gozaron das historias narradas en inglés polo “storyteller” Tim Bowley e traducidas por Charo Pita. Contos de diferentes partes do mundo que espertaron a curiosidade dun auditorio moi entregado e con gañas de participar, como así o demostraron no conto do pirata a serea e o mago feo.

Tim Bowley leva narrando historias por todo o mundo dende hai máis de 25 anos. Ademais como escritor ten libros para todas as idades en editoriais como Kalandraka, OQO, Raíces e Palabras del Candil. Charo Pita tamén é narradora de historias e escritora. Ámbolos dous levan traballando con éxito en actividades de narración e animación lectora en bibliotecas e institutos de ensino secundario dende o ano 2006.

Esta actividade, que se desenvolveu baixo o patrocinio do programa “Ler conta moito” da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, forma parte do máis amplo programa da tradicional Feira do Libro de Brión, un evento que leva 24 anos celebrando a lectura e difundindo o amor polos libros en Brión, no mes no que celebramos as Nosas Letras. Unha actividade organizada dende a biblioteca municipal e a Casa da Cultura.

martes, 6 de maio de 2014

PRESENTACIÓN DO LIBRO "FÓRA DE PORTAS" DE ROI VIDAL

O venres 9 de maio ás 20:30 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura, Roi Vidal Ponte presenta o libro "Fóra de portas", unha biografía do ilustre dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. O acto, ao que estamos todos invitados, pretende ser un encontro libre e aberto arredor deste gran dramaturgo compostelán que fora veciño do Concello de Brión.

Esta obra é un recorrido pola vida de Roberto Vidal Bolaño, na voz a varios narradores: a Lúa, o nariz de pallaso, tan característico de Roberto, a furgoneta, o chapeu, o monte Pedroso en Santiago e a catedral.

Roi descóbresenos neste libro un Vidal Bolaño traballador incansable e dramaturgo prolífico, comprometido co mundo no que viviu. Un home cheo de inquedanzas que acadou innumerables logros.














FEIRA DO LIBRO-MAIO CULTURAL 2014

Maio é, sen dúbida, o mes das nosas letras, cando celebramos en Brión a tradicional Feira do Libro. Unha cita coa lectura e os libros que se aproxima ás súas vodas de prata. Na súa 24ª edición, a Feira do Libro-Maio Cultural 2014 achéganos numerosas actividades de animación destinadas especialmente aos máis novos a través dos centros educativos do concello. Conta contos, recitais, teatro, presentacións literarias e exposicións son as actividades destacadas deste ano que xa podes descubrir premendo na seguinte ligazón.

A Feira do Libro de Brión está organizada pola Casa da Cultura e a Biblioteca municipal do Concello de Brión, coa colaboración dos centros educativos do municipio e o apoio dos programas “Ler conta moito” e “Falaredes” da Xunta de Galicia.

xoves, 24 de abril de 2014

"Cien años de soledad" e Gabriel García Márquez, protagonistas na vindeira reunión do club de lectura

O pasado 17 de abril deixounos Gabriel García Márquez, inesquecible escritor colombiano, galardoado co Premio Novel de Literatura en 1982. Un grande da literatura universal ao que, dende o club de lectura, queremos facer unha pequena homenaxe lendo “Cien años de soledad”, posiblemente a súa novela máis popular e coñecida.
Asociado como autor de ficción ao “Realismo máxico”, que xustapón fantasía e mito coa vida cotiá e ordinaria, “Cien años de soledad” é, posiblemente, a novela máis representativa deste xénero. Escrita en 1967, foi catalogada como unha das obras máis importantes da lingua castelá durante o IV Congreso Internacional de la Lengua Española celebrado en Cartagena de Índias en 2007. Está traducida a 35 idiomas e foi, dende a súa publicación, éxito de crítica e público.
O libro narra a historia da familia Buendía ao longo de sete xeracións na vila ficticia de Macondo. Unha aventura fabulosa, cos seus milagres, fantasías, obsesións, traxedias, incestos, adulterios, rebeldías, descubrimentos e condenas, representaba ao mesmo tempo o mito e a historia, a traxedia e o amor do mundo enteiro.
Reunirémonos para comentar a obra e falar do autor o vindeiro mércores 21 de maio. Será, como de costume, na biblioteca municipal a partir das 20:30 h.

mércores, 23 de abril de 2014

23 de abril, Día Internacional do Libro

O 23 de abril celebramos o Día Internacional do Libro, unha data na que conmemoramos e reivindicamos o libro e a lectura, a edición e a propiedade intelectual. Ao longo do mundo diversos actos e actividades conmemoran esta efeméride que cada ano ten maior repercusión.
Aproveitando esta data tan especial, dende a BPM de Brión queremos adiantar o programa de actividades arredor do libro e a lectura, que a Casa da Cultura e a propia biblioteca organizan no mes de maio baixo a denominación de Feira do Libro de Brión. Unha programación que vai pola súa 24ª edición, coincidindo sempre co mes no que homenaxeamos as Nosas Letras.
Como de costume, a programación concentra un destacado número de actividades dirixidas aos máis novos, en colaboración cos centros de ensino de todos os niveis do concello. Tamén inclúe a exposición de fotografía "Cantargrafías", que se inaugura o venres 25 de abril e que estará aberta ao público ata o 14 de maio. Unha interesante proposta do alumnado do Ciclo de Laboratorio de Imaxe do IES Virxe do Mar de Noia arredor da obra de Rosalía de Castro "Cantares gallegos".

Ligazón coa programación  Feira do Libro-Maio Cultural 2014

xoves, 3 de abril de 2014

O Club de lectura conmemora o Día do libro lendo a Domingo Vilar

Despois de ler “A cea” de Herman Koch, unha inquietante novela ambientada nos Países Baixos, volvemos a Galicia na procura dunha nova lectura. Da man de Domingo Villar imos afondar nunha entretida trama policial e de intriga a través da súa primeira novela “Ollos de auga”, publicada en 2006.
Nela, Villar presenta ao inspector Leo Caldas, un personaxe solitario, tímido, que goza paseando de noite polas rúas de Vigo. Fumador e amante do viño branco gústalle contemplar o mar e escoitar música nalgún club de jazz. O seu axudante, o aragonés Rafael Estévez, ten dificultades para relacionarse cos galegos e a nosa retranca. Esta singular parella encárgase de investigar o crime dun mozo saxofonista que os conducise ás noites das tabernas e os clubs de jazz.
A data de reunión fixámola o día 23 de abril, unha sinalada data para o libro e a lectura. Por iso que, quen se anime, pode continuar lendo as aventuras de Leo Caldas na seguinte novela do autor vigués “A praia dos afogados” , publicada en 2009. Trátase da súa segunda novela e tamén a segunda aparición de Leo Caldas e o seu axudante Rafael Estévez.
A trama comeza coa aparición na praia de Panxón dun mariñeiro morto coas mans atadas. O día a día dun pobo mariñeiro e turístico, os medos escondidas e as mentiras do pasado son o escenario por onde pasea un Leo Caldas que non sabe cara a onde dirixir a súa vida persoal.
Nesta ocasión, dende o club propoñemos ler a primeira obra desta serie, pero quen queira, pode continuar opcionalmente coa segunda. Como sempre, logo comentarémola na vindeira xuntanza do club de lectura.

Data da reunión: 23 de abril, ás 20:30 h.
Lugar: B.P.M. de Brión

luns, 31 de marzo de 2014

Día 2 de abril, Día Internacional do Libro Infantil

O día 2 de abril celebramos o Día Internacional do Libro Infantil, unha efeméride que conmemora ao longo do mundo o nacemento de Hans Christian Andersen. Con motivo desta sinalada data queremos reproducir a carta da escritora irlandesa Siobhán Parkinson, autora, editora e tradutora, gañadora do Premio na nÓg. Unha misiva traducida ao galego por Concha Blanco, cunha mensaxe que dende a BPM de Brión desexamos difundir entre os nosos lectores.

A esquerda reproducimos o cartel de Niamh Sharkey que este ano preparou a sección irlandesa do IBBY. Niamh é unha premiada escritora e ilustradora de libros de imaxes infantís. Os seus libros foron moi premiados, incluíndo os prestixiosos galardóns «Mother Goose Award» e ol «Bisto Book of the Year», e foron traducidos a unhas vinte linguas. 
 

Carta aos nenos do mundo

Os lectores , a miúdo lle preguntan aos escritores como escriben as súas historias - De onde saen as ideas? Veñen da miña imaxinación, contéstalles o escritor. Ah, claro, adoita responder o lector. Pero, onde está a túa imaxinación, de que está feita e é certo que todo o mundo ten unha?
Ben, responde o escritor, está na miña cabeza, por suposto, e está composta de imaxes e palabras e recordos e rastros doutras historias e palabras e fragmentos de cousas e melodías e pensamentos e rostros e monstros e formas e palabras e movementos e palabras, ondas e arabescos e paisaxes e palabras e perfumes e sentimentos e cores e rimas e pequenos estalos e asubíos e sabores e explosións de enerxía e adiviñas e brisas e palabras. Todo iso xirando aí dentro e cantando e comportándose como un calidoscopio e aboiando e sentándose e pensando e rañando a cabeza.
Por suposto que todo o mundo ten imaxinación: sen ela, non seriamos capaces de soñar. Porén, non toda imaxinación ten as mesmas cousas dentro dela. Probablemente, a imaxinación dos cociñeiros conteña na súa maioría sabores, da mesma maneira que a imaxinación dos artistas conterá sobre todo cores e formas. A imaxinación dos escritores está principalmente chea de palabras.
 Para os lectores oíntes de historias, as súas imaxinacións tamén se nutren de palabras. A imaxinación dun escritor traballa, dá voltas e dá forma ás ideas, aos sons, ás voces, aos personaxes e aos acontecementos ata convertelos nunha historia; esta historia non está composta doutra cousa que non sexan palabras, batallóns de garabatos desfilando polas páxinas. Entón o corre que, de pronto, chega un lector e eses garabatos cobran vida. Seguen estando na páxina, seguen parecendo garabatos pero tamén están choutando na imaxinación do lector, e este dá forma e fía as palabras para que a historia agora teña lugar na súa cabeza, como tivo lugar na cabeza do escritor.
Este é o motivo polo que o lector é tan importante para unha historia como o é o escritor. Só hai un escritor para cada unha delas, pero hai centos ou miles ou incluso ás veces millóns de lectores de historias, que len no mesmo idioma que o do escritor ou que quizais ata lean traducións en moitos outros idiomas diferentes. Sen o escritor, non nace o conto; sen todos os miles de lectores arredor do mundo, o conto non chegará nunca a vivir todas as vidas que pode vivir.
Todo lector dunha historia ten algo en común cos outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén dalgunha maneira xuntos, eles recrearon a historia na súa propia imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual como común, íntima como internacional.
É, posiblemente, o que os humanos fan mellor.
Seguide lendo!

xoves, 27 de marzo de 2014

27 de marzo, Día Mundial do Teatro

Hoxe, 27 de marzo,  celebramos o Día Mundial do Teatro, unha efeméride que ven celebrándose dende 1961 por iniciativa do Instituto Internacional do Teatro (ITI).
Un dos actos máis representativos é a circulación da Mensaxe Internacional, tradicionalmente escrita por unha personalidade de recoñecido prestixio no mundo do teatro. Nesta ocasión foi o dramaturgo surafricano Brett Bailey o encargado de facelo.

Mensaxe de Brett Bailey para o Día Mundial do Teatro 2014

 Onde queira que haxa sociedade humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase.
Baixo as árbores de pequenas aldeas e sobre sofisticados escenarios en grandes metrópoles; en salóns de actos de colexios e en campos e en templos; en suburbios, en prazas públicas, en centros cívicos e nos subsolos das cidades, a xente reúnese en comuñón en torno aos efémeros mundos teatrais que creamos para expresar a nosa complexidade humana, a nosa diversidade, nosa vulnerabilidade, en carne e óso, alento e voz.

Reunímonos para chorar e para recordar; para rir e contemplar; para aprender, afirmar e imaxinar. Para marabillarnos ante a destreza técnica, e para encarnar deuses. Para deixarnos sen respiración ante a nosa capacidade de beleza, compaixón e monstruosidade. Imos para enchernos de enerxía e poder. Para celebrar a riqueza das nosas diferentes culturas, e para facer desaparecer as barreiras que nos dividen.

Onde queira que haxa sociedade humana, o irreprimible Espírito da Representación maniféstase. Nacido da comunidade, leva postas as máscaras e vestimentas das nosas distintas tradicións. Utiliza as nosas linguas, ritmos e xestos, e abre un espazo entre nós.
E nós, os artistas que traballamos con este antigo espírito, sentímonos impulsados a canalizalo a través dos nosos corazóns, as nosas ideas e os nosos corpos para revelar as nosas realidades en toda a súa cotianeidade e o seu rutilante misterio.

Pero nesta época na que tantos millóns de persoas loitan por sobrevivir, sofren baixo réximes opresivos e o capitalismo depredador, foxen do conflito e a escaseza; na que a nosa privacidade é invadida por servizos secretos e as nosas palabras censuradas por gobernos intrusivos; na que se aniquilan os bosques, extermínanse especies e envelénanse os océanos: Que nos sentimos impulsados a revelar?

Neste mundo de poder desigual, no que distintas ordes hexemónicas intentan convencernos de que unha nación, unha raza, un xénero, unha preferencia sexual, unha relixión, unha ideoloxía, un marco cultural é superior ao resto, realmente pódese defender a idea de que as artes deberían apartarse das axendas sociais?

Nós, os artistas de escenarios e ágoras, conformámonos coas demandas asépticas do mercado, ou utilizamos o poder que temos: para abrir un espazo nos corazóns e as mentes da sociedade, para reunir xente a noso arredor, para inspirar, marabillar e informar, e para crear un mundo de esperanza e colaboración sincera.

 Fonte: SGAE

venres, 21 de marzo de 2014

Día Mundial da Poesía: Novo recurso dixital para promover a lectura da poesía nas primeiras idades

A Asociación de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil ELOS-Galicia e a Secretaría Xeral de Cultura presentan unha guía de poesía para facilitar o labor das persoas que traballan na dinamización da lectura na infancia.
O novo recurso, centrado na franxa de idade de 3 a 8 anos, foi presentado en Santiago, na véspera do Día Internacional da Poesía, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; por Carmen Ferreira, responsable da redacción da publicación xunto con Eulalia Agrelo, Berta Dávila e Marta Neira; e pola directora da Biblioteca Pública Ánxel Casal, Carina Fernández.

Dende a BPM de Brión queremos difundir este interesante recurso, que atoparás dispoñible nas seguintes ligazóns:

Ligazón coa nova
Ligazón coa guía de poesía

Fonte: cultura.xunta.es