A Sala de Exposición Municipal de Brión acolleu o venres 19 de decembro o
acto de presentación do libro e inauguración da exposición “Brión en
fotos: unha memoria visual do S. XX”. Un proxecto da asociación “O
Esquío no Piñeiro” que contou co patrocinio da Dirección Xeral de
Xuventude e Voluntariado e o apoio do Concello de Brión.
Tras un arduo traballo de recompilación de fotografías antigas do
municipio no que participaron veciños de todas as idades, a asociación
logrou reunir un destacado arquivo visual de máis dun milleiro de
imaxes. Son fotos antigas achegadas por brioneses e brionesas que
reflicten a vida cotiá do concello dende comezos do S. XX ata mediados
dos anos setenta do século pasado.
Rescatadas de caixóns e vellos albumes, as imaxes reproducidas na
publicación “Brión en fotos” aparecen organizadas en diferentes seccións
temáticas: a escola, festas e tradicións, acontecementos sociais, a
música, o deporte, os xogos, o retrato, a emigración, o traballo, etc.
Na selección final participaron membros da asociación, que contaron para
tal fin coa inestimable colaboración do profesor Xesús Manuel Xiráldez e
do recoñecido debuxante e deseñador Xosé Vizoso. Asemade, foron
responsables, respectivamente, da elaboración de textos e ilustracións
que complementan o libro, achegando un engadido de incalculable valor.
Presidiron o acto Ovidio Rodeiro Tato, Director Xeral de Xuventude e
Voluntariado da Xunta de Galicia e José Luís García, Alcalde do Concello
de Brión. Xunto a eles, na mesa, estiveron Xesús Manuel Xiráldez e un
representante da asociación “O Esquío no Piñeiro”
O numeroso público que asistiu á presentación foi o primeiro en coñecer a
publicación e contemplar a escolma de vinte imaxes de gran formato que
compoñen a mostra. Unha exposición que vai estar aberta ao público ata o
vindeiro 12 de xaneiro no mencionado espazo. Tamén recibiron como
agasallo un exemplar do libro, cortesía de O Esquío no Piñeiro.
Dado o valor histórico e documental de “Brión en fotos”, auténtica
memoria visual comunitaria, o Concello de Brión vai apoiar unha segunda
edición da obra, coa que quere agasallar en vindeiras datas a todas as
familias do municipio. Unha iniciativa que continúa a liña doutras
realizadas no pasado, como “Brión : Historia, economía, cultura e arte”
de Clodio González Pérez, “Aldeas” de Carlos Rodrígues Brandão ou
“Bretemas luzadas” de Luis Alonso Ocaña.
0 comentarios :
Publicar un comentario