Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 31 de marzo de 2016

"Riciños de Ouro e os tres osos" visitaron a biblioteca municipal

O domingo 27 de marzo celebrouse o Día mundial do Teatro, unha efeméride que na biblioteca municipal de Brión conmemoramos o xoves 31 cunha actividade relacionada coa arte dramática, dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade.
O serán lúdico, consistente nun espectáculo con música, teatro e danza, estivo a cargo do grupo de animación Trinke Trinke Teatro, que presentou na sala infantil da biblioteca "Riciños de Ouro”, un conto clásico que nunca pasa de moda. Á actividade, que tivo unha duración aproximada de 45 min., asistiron un total de 32 participantes, entre meniños e adultos.
Tras o remate da sesión, foron numerosos os pais e nais que nos transmitiron o moito que lles gustara a actividade, que mesturou narración oral, música en directo, danza e globoflexia. Os nenos e nenas divertíronse moito co animador que en todo momento procurou a participación do auditorio nunha representación interactiva moi amena. Para logralo empregou uns pequenos monicreques e tamén albumes ilustrados, algúns a disposición dos usuarios na propia sala.
A actividade, organizada pola B.P.M. de Brión contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia


martes, 29 de marzo de 2016

"Os soños na gaiola", unha homenaxe teatral a Manuel María en Brión

O venres 1 de abril, Títeres Alakrán presentan en Brión o seu novo espectáculo “Os soños na gaiola” baseado na obra de Manuel María. Unha peza teatral dirixida polo dramaturgo e director Roi Vidal.

O espectáculo, dirixido a todos os públicos, está influenciado por “Alicia no país das marabillas” de Lewis Carrol, e ofrece unha renovada mirada sobre os poemas do libro “Os soños na gaiola” onde o autor chairego reflicte as lembranzas do mundo rural da súa infancia. Un universo que á pequena Alicia, unha nena urbana da actualidade, lle resulta estraño pero acabará por comprender e amar.


A representación é unha homenaxe a Manuel María, autor ao que se dedica o Día das Letras Galegas deste ano. Está previsto que comece ás 19:00 h. do primeiro venres de abril, no espazo multiusos do Centro Social Polivalente de Brión. A estrada será de balde ata completar o aforo.

martes, 15 de marzo de 2016

Horarios da biblioteca en Semana Santa

Esta ano, con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modifica lixeiramente o seu horario de atención ao público. Os días 21, 22 e 23 de marzo, o centro abrirá:

Mañás: de 10:00 a 13:00 h.
Tardes: de 16:00 a 20:00 h.

Como ven sendo habitual, a biblioteca permanecerá pechada o xoves 24, venres 25 e sábado 26 de marzo, datas que se corresponden cos festivos de Semana Santa. A partir do luns 28 de marzo (inclusive), retómase o horario habitual. 
Desculpen as molestias e moitas grazas.

Celebra o Día do Teatro na biblioteca con "Riciños de Ouro"

O día 27 de marzo celébrase o Día mundial do Teatro, unha efeméride que foi creada en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (IIT). Un ano mais, na biblioteca municipal queremos conmemorar este día tan especial cunha actividade relacionada coa arte dramática e dirixida aos nosos usuarios máis pequenos.
Nesta ocasión convidámoste á participar nunha sesión con música, teatro e danza a cargo de Trinke Trinke Teatro, que representará “Riciños de Ouro”, un conto clásico que nunca pasa de moda.
O serán, dirixido a nenos de tres a oito anos de idade, celebrarase na biblioteca municipal o vindeiro xoves 31 de marzo ás 18:00 h. Non faltes, a entrada é libre.

xoves, 10 de marzo de 2016

"A pista de area" de Andrea Camillieri, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar “La analfabeta que era un genio de los números” do autor sueco Jonas Jonasson, navegamos cara a mares máis cálidos, concretamente en dirección ás costas sicilianas, onde temos unha cita co comisario Montalbano.
En Vigata, localidade na que Salvo exerce a súa profesión de policía, descubriremos o entrañable mundo detectivesco recreado polo escritor italiano Andrea Camilleri. Un autor que xa coñecemos no club e que recuperamos para descubrir “A pista de area” (Galaxia, 2007), un título que pertence á serie de novelas protagonizadas polo comisario Montalbano.
Unha mañá, Salvo descobre diante da súa casa o cadáver dun cabalo, sacrificado dun xeito brutal. Trátase dunha ameaza, é un sinal ou un aviso? Que sentido ten esa morte? A partir dese estraño achado, a investigación vaino poñer en contacto co luxoso e tamén ridículo mundo da equitación e da alta sociedade, cunha fermosa amazona e, en contraposición, cos primeiros síntomas da propia decadencia.
Unha novela de intriga, escrita con sentido do humor e moita sutileza literaria, que comentaremos no club de lectura o mércores 6 de abril ás 20:30 h.

luns, 7 de marzo de 2016

Martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller

O día 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller. Unha xornada para reivindicar algo que debería ser obvio o resto do ano, a igualdade social entre mulleres e homes.
Unha efeméride que a Biblioteca Municipal do Concello de Brión vai aproveitar para por en marcha un novo punto de interese permanente cunha escolma de títulos en diversos formatos onde a muller e os eu papel na sociedade son os protagonistas.
As bibliotecas crean puntos de interese coa finalidade de reunir nun único lugar diversos documentos que tratan unha temática en particular. Os materiais seleccionados, procedentes de distintos andeis da sala, colócanse dun xeito atractivo coa finalidade de facelos máis accesibles para os usuarios.
Para conmemorar o Día Internacional da Muller, na biblioteca municipal ponse en funcionamento de xeito permanente un Punto de Intereses sobre Igualdade. Esta acción será o punto de partida para outras actividades relacionadas con este novo recurso dentro da temática da que estamos a falar.
O punto de interese vai estar conformado por unha escolma de documentos bibliográficos e audiovisuais sobre a igualdade social entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero. O material, independentemente do seu formato, será accesible a toda a cidadanía e estará dispoñible para consulta en sala e préstamo a domicilio para socios da biblioteca municipal.
Trátase dunha acción permanente no tempo, vinculada á mencionada celebración pero deseñada para permanecer os 365 días do ano. Porque o difusión dos valores que queremos transmitir con ela debe estar sempre vixente.

Materiais dispoñibles:

O punto de interese arrincará cunha selección de materiais bibliográficos e audiovisuais (DVD) seleccionados e adquiridos para tal fin. Unha escolma de documentos dirixidos a nenos, mozos e adultos; conformado por contos, novelas, monografías temáticas, películas e documentais que tratan sobre da igualdade de xénero e a prevención da violencia sexista.
Ao longo do ano actualizaranse con incorporacións procedentes das propia coleccións da biblioteca, novas adquisicións e doazóns de institucións e particulares. O punto tamén conta cunha caixa de suxestións e un “Muro da igualdade” onde os visitantes poderán deixar mensaxes relacionados co tema.


venres, 4 de marzo de 2016

En marzo, o Camaleón lembra a Rosalía

A biblioteca municipal acolleu un novo serán lúdico do Club Camaleón, actividade de animación á lectura destinada a nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. Nesta ocasión os pequenos, acompañados por un adulto, participaron nunha actividade creativa de debuxo e pintura e coñeceron a historia da poetisa Rosalía de Castro a través dun conta contos.
O grupo de nenos e nenas, que superaron os 10 participantes (sen contar aos acompañantes), quedou convocado para o vindeiro mes, cando o camaleón que habita na biblioteca, regresará con máis xogos e historias.
Grazas a todos/as por participar!