luns, 7 de marzo de 2016

Martes 8 de marzo, Día Internacional da Muller

O día 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller. Unha xornada para reivindicar algo que debería ser obvio o resto do ano, a igualdade social entre mulleres e homes.
Unha efeméride que a Biblioteca Municipal do Concello de Brión vai aproveitar para por en marcha un novo punto de interese permanente cunha escolma de títulos en diversos formatos onde a muller e os eu papel na sociedade son os protagonistas.
As bibliotecas crean puntos de interese coa finalidade de reunir nun único lugar diversos documentos que tratan unha temática en particular. Os materiais seleccionados, procedentes de distintos andeis da sala, colócanse dun xeito atractivo coa finalidade de facelos máis accesibles para os usuarios.
Para conmemorar o Día Internacional da Muller, na biblioteca municipal ponse en funcionamento de xeito permanente un Punto de Intereses sobre Igualdade. Esta acción será o punto de partida para outras actividades relacionadas con este novo recurso dentro da temática da que estamos a falar.
O punto de interese vai estar conformado por unha escolma de documentos bibliográficos e audiovisuais sobre a igualdade social entre mulleres e homes e a prevención da violencia de xénero. O material, independentemente do seu formato, será accesible a toda a cidadanía e estará dispoñible para consulta en sala e préstamo a domicilio para socios da biblioteca municipal.
Trátase dunha acción permanente no tempo, vinculada á mencionada celebración pero deseñada para permanecer os 365 días do ano. Porque o difusión dos valores que queremos transmitir con ela debe estar sempre vixente.

Materiais dispoñibles:

O punto de interese arrincará cunha selección de materiais bibliográficos e audiovisuais (DVD) seleccionados e adquiridos para tal fin. Unha escolma de documentos dirixidos a nenos, mozos e adultos; conformado por contos, novelas, monografías temáticas, películas e documentais que tratan sobre da igualdade de xénero e a prevención da violencia sexista.
Ao longo do ano actualizaranse con incorporacións procedentes das propia coleccións da biblioteca, novas adquisicións e doazóns de institucións e particulares. O punto tamén conta cunha caixa de suxestións e un “Muro da igualdade” onde os visitantes poderán deixar mensaxes relacionados co tema.


0 comentarios :

Publicar un comentario