HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Do 28 de xullo ao 31 de agosto, a biblioteca municipal
permanecerá pechada.
Volvemos o día 1 de setembro co horario do mes de xullo.
Un feliz verán cheo de boas lecturas!

xoves, 10 de marzo de 2016

"A pista de area" de Andrea Camillieri, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar “La analfabeta que era un genio de los números” do autor sueco Jonas Jonasson, navegamos cara a mares máis cálidos, concretamente en dirección ás costas sicilianas, onde temos unha cita co comisario Montalbano.
En Vigata, localidade na que Salvo exerce a súa profesión de policía, descubriremos o entrañable mundo detectivesco recreado polo escritor italiano Andrea Camilleri. Un autor que xa coñecemos no club e que recuperamos para descubrir “A pista de area” (Galaxia, 2007), un título que pertence á serie de novelas protagonizadas polo comisario Montalbano.
Unha mañá, Salvo descobre diante da súa casa o cadáver dun cabalo, sacrificado dun xeito brutal. Trátase dunha ameaza, é un sinal ou un aviso? Que sentido ten esa morte? A partir dese estraño achado, a investigación vaino poñer en contacto co luxoso e tamén ridículo mundo da equitación e da alta sociedade, cunha fermosa amazona e, en contraposición, cos primeiros síntomas da propia decadencia.
Unha novela de intriga, escrita con sentido do humor e moita sutileza literaria, que comentaremos no club de lectura o mércores 6 de abril ás 20:30 h.

0 comentarios :

Publicar un comentario