Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

sábado, 30 de xuño de 2012

Outro anaco de sabedoría

Ven de editarse un libro elaborado por un grupo de animosos veciños, a maioría participantes nos Obradoiros de Maiores do Concello de Brión. Trátase da obra "Outro anaco de sabedoría", unha escolma de ditos e refráns, adiviñas, cantigas, rezos, narracións, receitas de cociñas e moitas máis cousas, recollidas con moito agarimo por uns incansables traballadores que participan nestes populares talleres que se imparten no Centro Social Polivalente.
O libriño é continuación de "Un anaco de sabedoría", publicado hai un ano, unha obra que tivo moi boa acollida entre o público, por tratarse dunha interesante achega para a recuperación da memoria, o folclore e a cultura popular do noso concello.


"Outro anaco de sabedoría" e "Un anaco de sabedoría" están dispoñibles na nosa particular "biblioteca dixital", a disposición de quen os queira gozar:
Outro anaco de sabedoría
Un anaco de sabedoría

Decora a biblioteca colle vacacións

O venres 29 de xuño celebramos o último obradoiro por este curso da actividade "Decora a biblioteca", unha proposta lúdico-educativa organizada polo Departamento de Voluntariado e a BPM de Brión, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos.

A través dos traballos manuais, e coa escusa de decorar a sala infantil, os pequenos coñecen a biblioteca, entrando en contacto cun mundo habitado por centos de libros e milleiros de personaxes que viven apaixonantes historias. Todo un universo cheo de posibilidades de diversión para o tempo de lecer, e tamén un mundo de coñecemento ao alcance da man: só hai que abrir un libro.

Pouco a pouco, o espazo que os nenos teñen na biblioteca vai cambiando o seu aspecto, facéndose máis cálido e acolledor. E todo grazas á imaxinación dos máis pequenos que, coa axuda de seus pais ou avós (á actividade van acompañados dun familiar), sesión tras sesión, van creando distintos elementos decorativos que enriquecen un espazo que é de seu.

"Decora a biblioteca" marcha de vacacións estivais, pero non tardará en regresar con novas propostas orixinais e divertidas. Deica pronto!

luns, 25 de xuño de 2012

Vidal Bolaño, Letras Galegas 2013

A Real Academia Galega escolleu o venres pola tarde ao novo homenaxeado do Día das Letras Galegas 2013. Vai ser Roberto Vidal Bolaño, un dos nosos grandes dramaturgos de finais do século XX, que viviu os seus derradeiros anos en Brión.

Como un veciño máis percorreu as nosas rúas, paseou pola carballeira de Santa Minia, gozou da súa popular romaría; en definitiva, compartiu connosco numerosos momentos da súa vida. Foi, tamén, usuario desta biblioteca, onde procurou o goce da lectura en numerosas ocasións. Cando aínda estabamos na Casa da Cultura, sobre o seu modesto escenario situado na planta baixa representou, entre outras, as obras "Animaliños" e "Os Papalagui".

Para Brión é unha gran nova que no vindeiro ano lembremos a súa figura no Día das Nosas Letras. No último pleno municipal celebrado o pasado 19 de xuño, a corporación acordou por unanimidade solicitar que o Día dás Letras Galegas 2013 se dedicase a Roberto Vidal Bolaño; por iso que recibimos esta noticia con especial ledicia. Do mesmo xeito, o IES de Brión, que xa organizara diversos actos e actividades no curso 2008-2009 para honrar a súa memoria. Dende entón, a biblioteca escolar do centro toma o nome desta insigne figura da nosa dramaturxia.

Na biblioteca municipal celebramos esta decisión e convidamos a todos os veciños a vir e descubrir nos nosos andeis o mellor legado que este ilustre veciño nos deixou, a súa obra.

Novo horario no mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o luns día 2 e ata o venres 22, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Non abrimos na mañá dos sábados

Na semana do 23 ao 27 de xullo, a biblioteca abrirá en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 h.

xoves, 14 de xuño de 2012

Nova xuntanza para decorar a biblioteca

O vindeiro 29 de xuño os nenos e nenas de Brión de entre tres e seis anos están convidados a participar nun novo obradoiro de "Decora a biblioteca", unha actividade que a través dos xogos e os traballos manuais quere achegar o libro e a lectura aos máis pequenos.
Como podemos observar na fotografía, a árbore que fixemos na última xuntanza xa medra vizosa na sala de infantil, un espazo que tamén luce nas fiestras a decoración elaborada no primeiro dos obradoiros.
Se queres participar no último taller da temporada inscríbete xa chamando ao 981 50 99 69 (tardes de 16 a 22 h.) Lembramos que a actividade está dirixina a nenos de entre 3 e 6 anos acompañados dun adulto (papá, mamá, avó, avoa...)

mércores, 13 de xuño de 2012

O concurso Brionatura deu a coñecer as fotos gañadoras de 2012

O concurso de fotografía Brionatura 2012 deu a coñecer os seus gañadores. Pablo Conde, veciño de Brión, acadou coa súa obra "Roteiro misterioso" o primeiro premio da 4ª edición do Concurso de Fotografía Brionatura, que este ano estivo dedicado aos camiños do municipio. O premio consiste nun circuíto termal no Hotel Balneario de Compostela para dúas persoas que inclúe cea e noite.
O segundo premio foi para Agustín Iglesias Otero que presentou unha fotografía tirada na aldea de Vilas.
Galería de imaxes coas fotos gañadoras e finalistas

A Sala de Exposicións acolle unha nova mostra

O venres 15 de xuño ás 21 horas o alcalde Brión, D. José Luís García, inaugurará na sala de Exposicións da Casa de Cultura de Brión a mostra do V Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez que organiza a Deputación Provincial da Coruña.
A exposición, que consta de 30 gravados de artistas nacionais e internacionais seleccionados neste certame, permanecerá aberta ao público do 15 ao 27 de xuño, en horario de atención ao público.