sábado, 30 de xuño de 2012

Decora a biblioteca colle vacacións

O venres 29 de xuño celebramos o último obradoiro por este curso da actividade "Decora a biblioteca", unha proposta lúdico-educativa organizada polo Departamento de Voluntariado e a BPM de Brión, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos.

A través dos traballos manuais, e coa escusa de decorar a sala infantil, os pequenos coñecen a biblioteca, entrando en contacto cun mundo habitado por centos de libros e milleiros de personaxes que viven apaixonantes historias. Todo un universo cheo de posibilidades de diversión para o tempo de lecer, e tamén un mundo de coñecemento ao alcance da man: só hai que abrir un libro.

Pouco a pouco, o espazo que os nenos teñen na biblioteca vai cambiando o seu aspecto, facéndose máis cálido e acolledor. E todo grazas á imaxinación dos máis pequenos que, coa axuda de seus pais ou avós (á actividade van acompañados dun familiar), sesión tras sesión, van creando distintos elementos decorativos que enriquecen un espazo que é de seu.

"Decora a biblioteca" marcha de vacacións estivais, pero non tardará en regresar con novas propostas orixinais e divertidas. Deica pronto!

0 comentarios :

Publicar un comentario