xoves, 27 de abril de 2017
"Ilustrísima" de Carlos Casares, lectura do club no mes da Nosas Letras
Maio é o mes no que celebramos a festa das Nosas Letras lembrando a vida e recuperando a obra dunha destacada figura da Literatura en lingua galega. Nesta ocasión, o personaxe homenaxeado é o escritor, crítico literario e político ourensá Carlos Casares.
Con tal motivo, dende o club propoñémonos a lectura dunha das súas obras máis celebradas: “Ilustrísima”, unha novela publicada pola editorial Galaxia en 1980. A través das súas páxinas Carlos Casares narra a historia de Fernando Fanego, o bispo dunha cidade do interior de Galicia no inicio do século XX. Partindo da chegada do cinematógrafo á vila, o libro recolle o enfrontamento entre a intolerante e dogmática Curia episcopal e o bondadoso e tolerante bispo. En certa medida, reflexo da confrontación existente na propia sociedade dese momento.
Para comentar “Ilustrísima”, o club de lectura reunirase o mércores 24 de maio ás 19:30 na biblioteca municipal de Brión.
martes, 18 de abril de 2017
Presentación en Brión de "Que non te aten" de Manuel Iglesias Turnes para conmemorar o Día do Libro
De cara á conmemoración do 23 de abril, Día do Libro, a B.P.M. de Brión ten prevista a presentación en Brión de “Que non te aten”, última novela de Manuel Iglesias Turnes publicada por Edicións Xerais.
O acto celebrarase o venres 28 de abril ás 20:30 h. na Sala de Exposicións Municipal, espazo situado na planta baixa da Casa da Cultura de Brión. O autor estará acompañado no evento pola historiadora Encarna Otero.
Con motivo do evento, o venres, a biblioteca pública municipal pechará as súas portas ás 20:00 h.
Con motivo do evento, o venres, a biblioteca pública municipal pechará as súas portas ás 20:00 h.
mércores, 5 de abril de 2017
Horarios da biblioteca en Semana Santa
Con motivo da celebración da Semana Santa, a biblioteca municipal modificará lixeiramente o seu horario de atención ao público durante estas datas sinaladas:
O día 10 de abril, o centro abrirá:
Mañá: de 10:00 a 13:00 h.
Tardes: de 16:00 a 19:30 h.
Os días 11 e 12 de abril:
Mañá: de 10:00 a 13:00 h.
Tardes: de 16:00 a 20:00 h.
Como ven sendo habitual, a biblioteca permanecerá pechada o xoves 13, venres 14 e sábado 15 de marzo, datas que se corresponden cos festivos de Semana Santa. A partir do luns 17 de abril (inclusive), retómase o horario habitual.
Desculpen as molestias e moitas grazas.
martes, 4 de abril de 2017
Celtia Figueiras inicia con "Contos de inverno" a súa serie "As estacións en contos"
O venres 31 de marzo, a artista e animadora Celtia Figueiras iniciou en Brión “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
Nesta ocasión presentou “Contos de inverno”, un serán que serviu para conmemorar o Día da Narración Oral, celebrado o 20 de marzo. O espectáculo celebrouse ás 18:00 h. na Sala de exposicións municipal, un espazo próximo á biblioteca e axeitado para acoller actos con gran afluencia de público. Neste caso, preto de 80 persoas, entre nenos e adultos acompañantes, participaron na actividade, que estivo dirixida a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade.
Este e o primeiro serán doutros tres restantes que se celebrarán nos vindeiros meses. En maio asistiremos aos “Contos de primavera” e no mes de xuño daremos a benvida a estación estival con “Contos de verán”. A serie rematará en outubro con “Contos de outono”, para conmemorar a chegada do tempo dos magostos.