Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 28 de decembro de 2015

Comezou o XX Festival de Títeres de Brión

Os monicreques acoden este Nadal á súa cita coas familias de Brión. Adiantándose ás datas habituais de aninovo, os días 28, 29 e 30 de decembro celébrase no Centro Social Polivalente o XX Festival de Títeres, un evento para todos os públicos que gozan por igual pequenos e grandes.
O día 28 de decembro “A Tropa de Trapo” (Galicia) presentan “Zona en obras”. Un espectáculo sen acabar, en obras, que coa axuda do público irá construíndose. Historias cheas de música e ritmo que se caracterizan pola mestura de narración, monicreques e música en directo á que se suma a interacción cos espectadores.
O martes 29, “Tropos Teatro de Títeres” (Madrid) representan “Pequeñeces”, un espectáculo que fala das cousas pequenas da vida, do descubrimento dun mundo enorme por un pequeno recentemente nado. Da risa, da tristeza, dos medos, dos sentimentos..., pero sobre todo, é unha historia que fala de nenos e pais.
O mércores 30, “Fantoches Baj” (Galicia) contarannos unha historia sobre porqué os merlos ao cantar semellan dicir “Rei, rei”, escrita por Karel Kapeck poñéndose no lugar dos máis desfavorecidos socialmente. Neste espectáculo investígase sobre a técnica tradicional dos monifates de luva e recupérase a súa frescura e rebeldía.
Todas as representacións comezarán ás 17:00 h., celebrándose no salón multiusos do mencionado centro. A entrada para todos os asistentes será de balde ata completar aforo.

sábado, 12 de decembro de 2015

Horarios da biblioteca no Nadal

Nas Festas de Nadal, a biblioteca pública municipal de Brión vai modificar os horarios de apertura nestas datas tan sinaladas. Por un lado, o centro permanecerá pechado os sábados 26 de decembro e 2 de xaneiro. Ademais dos días festivos, non abrirá as súas portas o 24 e o 31 de decembro.
O resto das xornadas, o horario de apertura será o seguinte:
Mañás, de 10:00 a 13:30 h.
Tardes,  de 16:00 a 20:00 h.
Este horario permanecerá vixente dende
o día 21 de decembro ata o 6 de xaneiro.
Moitas grazas e desculpen as molestias. 
FELICES FESTAS!!

sábado, 5 de decembro de 2015

Vindeira lectura do club, "Los cuerpos extraños" de Lorenzo Silva

A vindeira lectura do club achéganos á un autor contemporáneo, o madrileño Lorenzo Silva; mestre de diálogos, autor tanto de novela policial, libros de relatos ou novelas xeracionais. Nesta ocasión escollemos unha nova historia do brigada Bevilacqua e o seu axudante, a sarxento Chamorro, ámbolos dous investigadores da Guardia Civil.
A obra que imos ler é “Los cuerpos extraños”, onde regresan os protagonistas de anteriores novelas: “El alquimista impaciente”, “La niebla y la doncella” ou a anterior, “La marca del meridiano” (Premio Planeta en 2012). Neste caso Silva, centra a trama nos casos de corrupción da clase política española, un tema desgraciadamente de moita actualidade. O asasinato da alcaldesa dunha vila levantina dá pé a unha investigación criminal que descobre inconfesables segredos delituosos nun mundo de aparencias.
Para comentar esta obra e poñer en común a nosa experiencia lectora, reunirémonos o día 16 de novembro ás 20:30 h. na biblioteca municipal.

sábado, 28 de novembro de 2015

O Club Camaléon reuniuse de novo o día do Magosto

Paco Sifón, o camaleón que habita na sala infantil da biblioteca municipal, convidou a todos os nenos/as de Brión a participar nunha actividade de animación que se celebrou o venres 27 de novembro, día do Magosto.
O serán, que comezou ás 18:00 h., estivo dirixido a meniños/as de 3 a 8 anos de idade acompañados dun adulto. Aproximadamente durante unha hora, os pequenos participaron nunha especia de xincana que se desenvolveu en toda a biblioteca consistente en superar unha serie de probas de habilidade e destreza empregando a imaxinación e a intuición.
Este evento lúdico forma parte dun novo pulo que a biblioteca municipal vai dar ao Club Camaleón, unha oferta dinamizadora que agora se converte nunha programación que achegará aos usuarios máis pequenos actividades de animación que se celebrarán nos vindeiros meses. Se estades interesados/as, non deixedes de visitar o blog da biblioteca; puntualmente ofreceremos información sobre novas actividades.

sábado, 21 de novembro de 2015

Mofa & Befa presentan en Brión "Bobas & galegas"

Mofa & Befa achegan a Brión o seu espectáculo “Bobas & galegas”, con Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira como protagonistas e Quico Cadaval na dirección. Nesta ocasión, o dúo cómico fanse pasar por criados galegos no “Século de Ouro” e desgástanse cinicamente en xenuflexións e reverencias para gañarse a simpatía do público.
O teatro clásico español vai ser o fío condutor dun espectáculo que, pola contra, resulta moi contemporáneo; só dous personaxes en escena nun ambiente onírico e fantástico, que recitan as súas frases en verso, o que achega certa complexidade á interpretación.
Esta comedía, escrita polo dramaturgo Quico Cadaval, foi acollida con éxito na última edición do Festival de Teatro Clásico de Almagro (Ciudad Real). O autor inspirouse nos textos de autores como Calderón de la Barca ou Lope de Vega.
A función celebrarase o sábado 21 de novembro a partir das 20:30 h. no Centro Social Polivalente. A entrada será de balde ata completar aforo.

venres, 20 de novembro de 2015

Club Camaleón: Animación a lectura con Paco Sifón

O venres 27 de novembro, día do Magosto, a biblioteca municipal convídate antes das castañas a unha actividade de animación á lectura pensada para os máis pequenos da casa. Trátase do primeiro evento lúdico da temporada organizado polo Club Camaleón.
Porque o compañeiro camaleón que habita na biblioteca, Paco Sifón, xa botaba en falta unha xuntanza cos seus amigos, os nenos, para contarlle todas divertidas historias que nestes últimos meses descubriu nos centros de libros que custodia na sala infantil da biblioteca. Un luminoso lugar onde de cando en vez, cando el quere, deixa entrever as súas vivas cores.
Non vos esquezades, da data. O vindeiro venres ás 18:00 h., xusto antes do Magosto, temos unha cita con Paco Sifón na biblioteca. Non faltases, a entrada é libre.

sábado, 14 de novembro de 2015

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

Durante o mes de novembro, as bibliotecas públicas e escolares animan a ler e vivir a ciencia en galego. Con tal motivo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria puxo en funcionamento un programa actividades de divulgación científica e recursos on-line sobre a lingua galega e a ciencia que podes consultar nas ligazóns a pé de páxina.
Asemade, con motivo da celebración do Mes da Ciencia, o coñecido científico e divulgador galego Jorge Mira redactou un texto a xeito de manifesto que reproducimos deseguido:

venres, 30 de outubro de 2015

"El crimen del Padre Amaro" de Eça de Queiroz, vindeira lectura do club

Dende Galicia a Portugal. Porque despois de ler a Diego Ameixeiras, un escritor galego contemporáneo, de seguido imos achegarnos a un clásico da literatura portuguesa de finais do S. XIX, o grande Eça de Queiroz. Farémolo a través dunha das súa sobras máis coñecidas “El crimen del padre Amaro”, unha novela publicada en 1874 que denuncia a hipocrisía social e relixiosa que aínda hoxe sufrimos.

A acción desenvólvese na cidade de Leiría (na que o autor residiu durante un tempo). O crego Amaro Vieira, protexido da marquesa de Alegros, é destinado a unha freguesía da localidade. Hospédase en casa de Joaneira, unha muller xa de certa idade de quen se di que mantén relacións co cóengo Dias, antigo mestre do pai Amaro. A filla da Sao Joaneira, Amélia, namórase de Amaro. Ocorre un escándalo cando un coñecido, pretendente de Amélia, publica un artigo nun xornal aludindo á mala influencia dos sacerdotes sobre os devotos, á hipocrisía do clero e, indirectamente, aos seus malos costumes e as relacións entre sacerdotes e mulleres, insinuando o amor entre Amélia e o crego. As relacións da moza e Amaro continúan e chegan a facerse carnais. O sacerdote, completamente cínico, manipula á rapaza, inocente, para facerlle crer que iso é bo e é vontade divina, e que non se trata dun acto pecaminoso.

 Para comentar esta obra e poñer en común a nosa experiencia lectora, reunirémonos o día 25 de novembro ás 20:30 h. na biblioteca municipal.

venres, 23 de outubro de 2015

"Catalina, Lino, Lina" celebrou connosco o Día das Bibliotecas

A B.P.M. de Brión celebrou o Día das Bibliotecas cunha actuación a cargo do grupo “Glup, Glup Teatro, que presentou na sala infantil da biblioteca a obra “Catalina, Lino, Lina”, un espectáculo teatral destinado a fomentar o amor polos libros e a lectura entre os nenos de 3 a 10 anos de idade. 
Catalina Lino Lina, farta de agardar a que alguén abra as páxinas do libro no que habita para poder cobrar vida, decide escapar para vivir as súas propias aventuras. Unhas divertidas historias que a protagonista compartiu cos máis pequenos durante pouco máis de 45 min.
A representación comezou ás 17:30 h. A ela asistiron algo máis de trinta persoas, entre nenos e adultos acompañantes. Os pequenos interactuaron activamente con Catalina, participando con interesa nos contos e historias narrados pola rapaza que habita nos libros.
O espectáculo estivo organizado pola B.P.M. de Brión co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

martes, 20 de outubro de 2015

Únete en Twitter á campaña #Vivalabiblio

O Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, a través do Observatorio de la Lectura y el Libro, pon en marcha dende o luns 19 de outubro unha iniciativa en Twitter coa etiqueta #vivalabiblio para render homenaxe ás bibliotecas, con motivo do Día da Biblioteca, que se celebra o 24 de outubro.
A campaña estará activa ata o día 25 de outubro e anima aos usuarios/as a enviar un ou máis chíos a @observalibro coa etiqueta #vivalabiblio. Mensaxes breves nos que amosen o seu amor polas bibliotecas e/ou os bibliotecarios. Pode ser no formato que queiran (texto, foto, vídeo ou outros).
O vídeo que aparece á pé de páxina,  recolle os testemuños de 6 persoas anónimas explicando por que as bibliotecas son tan importantes nas súas vidas.
O vídeo podédelo ver no Canle Cultura de YouTube. Podemos atopar máis información sobre o vídeo na seguinte ligazón.

xoves, 15 de outubro de 2015

"Matarte lentamente" de Diego Ameixeiras, vindeira lectura do club

Iniciamos unha nova xeira do club de lectura lendo “Matarte lentamente”, unha novela do escritor e xornalista galego Diego Ameixeiras. Un libro editado por Xerais en 2013 que mestura a realidade cotiá e próxima guiada a través das tramas da novela negra e de intriga.
O autor articula nela un retrato coral, con distintas liñas argumentais, onde a acción avanza de xeito simultáneo, entrecruzando as diferentes historias. Todo isto, nunha paisaxe urbana familiar e nun tempo próximo cheo de vicisitudes nada alleas á realidade actual.
Citando fontes da propia editorial, “Matarte lentamente” consolida a liña de modernización radical da novela negra que Diego Ameixeiras abriu en novelas anteriores como “Dime algo sucio”, “Historias de Oregón” e “Todo OK”. Dosificación da información, economía expresiva, coidada estrutura de tramas e vidas que van encaixando coma un puzzle son características desta novela impresiónante e inesquecible que presenta con claridade problemas claves do noso tempo.
A reunión para comentar o libro celebrarémola o mércores 28 de outubro. Como de costume, xuntarémonos na biblioteca a partir das 20.30 h. Estades todos/as convidados.

mércores, 7 de outubro de 2015

Celebra connosco o Día das Bibliotecas con "Catalina, lino, lina"

O 24 de outubro as bibliotecas celebramos o noso Día Internacional, una efeméride que dende 1997 quere trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, a información e o lecer como instrumentos de mellora da formación e a convivencia humana.
Para conmemorar esta data, a biblioteca pública municipal de Brión convida a todos os seus usuarios, especialmente aos máis novos, a participar no espectáculo teatral “Catalina, lino, lina” a cargo de Glup, Glup Teatro. Unha obriña de teatro destinada a fomentar o amor polos libros e a lectura entre os nenos de 3 a 12 anos de idade.
A representación terá lugar o venres 23 de outubro ás 17:30 h., na propia biblioteca ou na sala de exposicións da Casa da Cultura.

"Teatro e... punto": o mellor teatro afeccionado regresa a Brión

O mellor teatro afeccionado regresa en outono a Brión a través do ciclo “Teatro e… punto”. Unha programación escénica que se inicia o vindeiro sábado 10 de outubro no Centro Social Polivalente coa representación da obra “Ismael e a balea branca”, a cargo da Escola de Teatro de Narón.
O sábado 24 de outubro será o Teleclube de Ons o que acolla no seu escenario a posta en escena de “Raíñas”, unha peza a cargo do grupo de teatro Oquetiqueiras.
Ámbalas dúas representacións comezarán ás 20:30 h., con estrada de balde ata completar o aforo da sala.

luns, 21 de setembro de 2015

A biblioteca municipal pecha os días 25 e 26 de setembro

Con motivo da popular Romaría de Santa Minia, a biblioteca pública municipal vai pechar os días 25 e 26 de setembro.
Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e convidamos a todos os usuarios a visitar a Carballeira e participar das numerosas actividades que están programadas ao longo das tres xornadas de celebración.

luns, 14 de setembro de 2015

Xoán Curiel presenta en Brión "Estamos no verán"

Xoán Curiel presenta en Brión “Estamos no verán”, un espectáculo baseado no seu libro-disco do mesmo título publicado pola Ed. Galaxia. O evento celebrarase na Praza do Concello o vindeiro venres 18 de setembro ás 18:00 h.
O serán musical está dirixido a nenos/as de 5 a 12 anos, e moi recomendado para toda a familia. Trátase dun espectáculo enerxético no que os rapaces e rapazas van gozar bailando os seus ritmos. Acompañan a Xoán Curiel (Guitarra eléctrica, ukelele e voz), Jara Ortiz (Voz), Marta Alonso Tejada (Danza), Carlos Freire (Batería), Alberte Rodríguez (Baixo eléctrico) e Alex Salgueiro (Teclados).
A entrada é de balde. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao salón multiusos do Centro Social Polivalente.

martes, 8 de setembro de 2015

Os Bolechas viaxan coa máquina do tempo ata Brión

O venres 11 de setembro ás 19:00 h. o Centro Social Polivalente de Brión acolle o espectáculo “Os Bolechas na máquina do tempo”, unha entretida función para todos os públicos onde esta divertida familia creada por Pepe Carreiro propón a nenos e maiores unha actividade que mestura o teatro cun concurso.
Como nos adiantan os Bolechas na súa páxina web, o espectáculo comeza co descubrimento dun estraño aparello que resulta ser… unha máquina do tempo! Alguén terá que estreala pero todos teñen medo así que rífano e tócalle a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina. Os dous métense nela e os outros irmáns comezan a premer botóns para mandalos ao futuro: van saír feitos uns mozos! E así é. A máquina do tempo funciona!
Carlos e Pili non queren ser maiores; teñen as pernas e os brazos moi longos e a cabeza moi grande… e a Carlos mesmo lle saíu barba. Agggg! Queren usar a máquina de novo para volver a ser nenos. Pero entón aparece o dono do aparato, o doutor Apolodoro, un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos e non quere que Pili e Carlos volvan a ser nenos… Os Bolechas van a precisar de todo o público para regresar ao presente.
O obxectivo desta proposta lúdica e didáctica, que mestura o formato de monicreques con actores reais, é achegar aos nenos nocións básicas de Historia, dun xeito ameno e divertido, empregando a Lingua galega, a través dun formato que fomenta a participación. O espectáculo, que se prolongará aproximadamente durante unha hora, é gratuíto para todos os asistentes ata completar aforo. Está patrocinado polo programa FalaRedes da Xunta de Galicia.

luns, 31 de agosto de 2015

Horarios de verán da biblioteca: mes de setembro

No mes de setembro a biblioteca municipal de Brión adapta unha vez mais as horas de apertura á tempada estival:

Dende o día 31 de agosto e ata o 6 de setembro, a biblioteca pechará as súas portas por necesidades do servizo.





Do día 7 ao 12 de setembro a biblioteca abrirá no seguinte horario:
Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 h.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada.

Dende o 14 de setembro o horario de funcionamento da biblioteca será o habitual: 
Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 22:00 h.
Sábados: de 09:00 a 14:00 h.

mércores, 29 de xullo de 2015

Horarios de verán da biblioteca: mes de agosto

No mes de agosto a biblioteca municipal de Brión adapta de novo as horas de apertura á tempada estival. Dende o día 3 e ata o 31 de agosto, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.
Polas tardes e os sábados, a biblioteca permanecerá pechada.

venres, 17 de xullo de 2015

Aviso: Modificación do horario da biblioteca na semana do 20 ao 24 de xullo

Por necesidades do servizo, na semana do 20 ao 24 de xullo, a biblioteca pública municipal abrirá as súas portas unicamente en horario de mañá: de 10:00 a 13:30 h. O mércores 20 de xullo, farao de 10:00 a 12:00 h.

Aos nosos usuarios, desculpas polas molestias ocasionadas e moitas grazas pola súa comprensión.

mércores, 8 de xullo de 2015

Exposición sobre Manuel María no Centro Social de Brión

Con motivo da celebración do X Encontro coa Arte, unas xornadas de convivencia artística e creativa que se celebraron en Brión os días 19, 20 e 21 de xuño, o escritor Manuel María foi a figura das nosas letras que inspirou aos artistas participantes nesta recoñecida actividade.
Poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta e académico da Lingua galega, Manuel María finou en 2002 deixando tras de si unha longa xeira creativa, caracterizada polo seu compromiso político coa lingua, cultura e a sociedade galegas. Unha traxectoria que vai ser recoñecida en 2016 no Día das Letras Galegas, significativa data que se dedicará a homenaxear a súa figura.
Un merecido recoñecemento ao que Brión se adiantou no Encontro coa Arte: Lembrando a Manuel María. Dentro das actividades programadas nas mencionadas xornadas destaca unha exposición dedicada ao autor que dende o 20 de xuño e ata o 26 de xullo de 2015 pode visitarse no Centro Social Polivalente. Trátase da exposición “Manuel María, palabra viva” amablemente cedida para esta ocasión pola “Fundación Manuel María de Estudos Galegos” 
Unha mostra que percorre a vida e obra de Manuel María en 25 paneis de 75x53 cm. Citando a presentación da propia institución: “Os paneis constan de imaxes, textos do propio autor e dunha breve introdución. Estrutúrase en tres grandes grupos temáticos: o que trata aspectos da súa biografía, o que informa sobre a súa obra e os temas da mesma e un último grupo, que dá conta das homenaxes e recoñecementos que recibiu Manuel María”. Unha oportunidade única para coñecer ao poeta da Terra Chá antes que ninguén, adiantándose ás celebracións e homenaxes que viviremos dentro dun ano.

luns, 6 de xullo de 2015

II Festival Monecadas, os monicreques regresan á carballeira

En xullo, os monicreques regresan á Carballeira de Santa Minia da man do Festival Monecadas, unha actividade organizada por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión.
O festival, previsto para os días 10, 11 e 12 de xullo, traeranos unha función por día que se representará ao aire libre. O festival comeza o venres ás 21:00 h. coa obra “A guerra das Galicsias” , a cargo de Títeres Cachirulo. Trátase dunha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas da nosa terra.
O sábado 11 de xullo, ás 20:00 h., Títeres Alakrán presentan “Barrigaverde ataca de novo”, onde Borja Ínsua achégase á mítica obra que popularizou por todo o país José Silvent e faino ao vello estilo: cun único manipulador e a empregar a palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz.
O domingo 12 de xullo, ás 13:00 h., A xanela do Maxín representará a función “Titeremusicontos”, unha interesante combinación de elementos onde vistosos monifates daranlle vida a contos tradicionais con raposos, galos ou persoas como protagonistas.
Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, con entrada libre para nenos e adultos, novos e vellos, altos e baixos… Porque para asistir, so é necesario querer pasar un entretido serán cheo de diversión a esgalla para toda a familia. Non faltedes!

sábado, 27 de xuño de 2015

Horarios de verán da biblioteca: mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o mércores día 1 e ata o venres 31, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.

Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada.


venres, 19 de xuño de 2015

"Futuro imperfecto" de Xulia Alonso, vindeira lectura do club

Despois de ler ao estadounidense William Faulkner, retomamos a literatura en Lingua galega para achegarnos á obra da escritora ourensá Xulia Alonso. Desta autora imos ler a súa única novela ata o de agora: “Futuro imperfecto”.
Galardoada co Premio Antón Losada Diéguez á creación literaria no 2011, o Premio Arcebispo San Clemente no 2011 e o Premio Frei Martín Sarmiento no 2012, “Futuro imperfecto” é una novela onde vida e literatura camiñan da man. A autora narra nela a historia máis importante da súa vida: a do seu amor por Nico e a da experiencia da súa perda. Durante as décadas de 1980 e 1990, moitos mozos descubriron simultaneamente o amor e a droga. As consecuencias desa vivencia marcáronos para sempre, a algúns de xeito dramático. Este libro é un reencontro con ese tempo, coa súa presenza proxectada no futuro.

A reunión para comentar a obra terémola o vindeiro día 17 de xullo ás 20:30 h.

O poeta Manuel María homenaxeado no Encontro coa Arte 2015

Os días 19, 20 e 21 de xuño regresan os Encontros coa Arte, unas xornadas de creación e convivencia artística que este ano celebran a súa décima edición. Coa inspiración das paisaxes brionesas e a lembranza dunha figura das nosas letras, os encontros reunirán en Brión durante a fin de semana a vinte e oito artistas plásticos procedentes de toda España.
Este ano, o escritor homenaxeado vai ser o escritor Manuel María, un autor comprometido política e socialmente coa cultura galega. O seu legado estará presente durante os encontros en diversas actividades, entra as que destaca a exposición “Manuel María, a palabra viva”. Unha mostra cedida pola “Fundación Manuel María de Estudos Galegos” que poderá visitarse no Centro Social dende o 20 de xuño ata o 26 de xullo .
Os pintores comezarán co seu primeiro obradoiro de pintura do natural o venres 19 de xuño ás 16:00 horas na entorna de Fonteparedes, na parroquia de Ons. Alí traballarán nos seus lenzos ata as 19:00 h., nunha oportunidade única, aberta a toda a cidadanía, para gozar en vivo do proceso creativo e artístico que conduce á realización dunha obra de arte.
Ese mesmo día, ás 20:30 h., comezará no espazo multiusos do Centro Social o concerto “A lúa prendeu a luz” a cargo do grupo “Puntadas sen fío”, formado pola vocalista Xiana Lastra, o encargado da percusión Juan Collazo e o saxofonista Roberto Rama. A entrada será libre ata completar aforo.
Inmediatamente despois, inaugurarase na Sala de Exposicións Municipal de Brión (Casa da Cultura) a exposición das obras doadas polos artistas participantes no VIII Encontro coa Arte, “Lembrando a Roberto Vidal Bolaño”, celebrado en xuño de 2013.
O sábado 20 e o domingo 21, os artistas retomarán os seráns de pintura ao aire libre abertos a todos os veciños. O primeiro día poderemos atopalos na entorna da Igrexa parroquial de Sta. María de Viceso de 10:00 a 13:30 h. O domingo, no mesmo horario, ficarán pintando no Paseo do Río Pego.
Paralelamente ás xornadas, a Sala de Exposicións Municipal da Casa da Cultura acollerá un “Mercado da Arte”, que estará aberto o sábado de 10:00 a 14:00 h. e 16:30 a 21:30 h. O domingo volverá abrir de 10:00 a 14:00 h.

venres, 29 de maio de 2015

Charo Pita na gardería municipal con “Triquitraque- Traquetriqui”

Palabras, trabalinguas, historias, algún silencio, libros, xogos co corpo, cancións de arrolo, sons sorprendentes, e todo un triquetraque (ou un trocatriqui) para que os que dormen no berce tamén poidan gozar coas historias de Charo Pita. Unha vella coñecida da Feira do Libro que presentou un conta contos o venres, 29 de maio, na Escola Infantil municipal de Brión.
Un espectáculo dirixido aos meniños da gardería que pecha por este ano a XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015. Unha programación cultural que estará de volta dentro dun ano, cando comece maio e con el o mes das Nosas Letras.

xoves, 28 de maio de 2015

En verán, regresa o Club Camaleón

Paco, o camaleón que habita na biblioteca, proponche novas e divertidas actividades para este verán. Se tes entre 4 e 10 anos de idade e estás empadroado en Brión, xa podes inscribirte no Club Camaleón.
Do 22 ao 30 de xuño e do 1 ao 8 de setembro o camaleón proponche participar en xogos de animación á lectura que se celebrarán na biblioteca municipal. Serán todas as tardes de 17:30 a 18:30 h. na sala infantil, e estarán abertos ata un máximo de 10 nenos/as por grupo.
Poderás inscribirte ata unha semana antes da celebración da actividade na biblioteca ou na Casa da Cultura de Brión. O prezo da inscrición é de 10 € cada unha das semanas. Para máis información, podes contactar cos tfnos. 981 50 99 69 ou 981 50 99 08.

mércores, 27 de maio de 2015

A XXV Feira do Libro-Maio Cultural 2015 presentou un espectáculo de Baobad Teatro e un recital de Yolanda Castaño

A XXV Feira do Libro-Maio Cultura 2015 afronta a súa derradeira semana con máis actividades. O luns 25 de maio, Baobab Teatro presentou no Centro Social a obra “Contos para un caldiño” Un espectáculo dirixido a alumnos/as de 1º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos que convida ao público a escoitar e a deixarse levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan.

O mércores 27 de maio, o Centro Social Polivalente acolleu o “Espectáculo poético, recital multimedia” a cargo da coñecida escritora Yolanda Castaño. Un recital onde a autora explora novas formas de recitar a súa obra poética, achegándose ao multimedia, con efectos de son e proxeccións vídeo. O espectáculo estivo dirixido a alumnado do IES de Brión.

O venres 29 de maio Charo Pita pechará a programación cunha actividade dirixida aos nenos/as da Escola Infantil Municipal, que se celebrará na propia gardería. 


sábado, 23 de maio de 2015

Contacontos con Inacio Vilariño e "A Nave Catrineta"

Inacio Vilariño presentou o venres 22 de maio na B.P.M. de Brión o espectáculo conta contos “A Nao Catrineta”. Un divertido serán cheo de historias nas que se mesturan saberes tradicionais, cancións, contos populares e o romance histórico da Nao Catrineta.

Á sesión conta contos, que estibo dirixida a nenos/as maiores de tres anos, acudiron uns 18 meniños acompañados por 14 adultos. A actividade celebrouse, como ven sendo habitual, na sala infantil da biblioteca. Comezou pasadas as 17:30 h. e estendeuse aproximadamente unha hora.

 A sesión de animación, organizada pola biblioteca municipal dentro da programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015, contou co patrocinio do programa de dinamización lectora “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

xoves, 21 de maio de 2015

"El ruído y la furia" de William Faulkner, vindeira lectura do Club

Tras ler a Truman Capote, escollemos para a vindeira lectura do club outro destacado autor norteamericano: William Faulkner, Premio Nobel de Literatura en 1949. Novelista, xornalista e poeta, Faulkner é un dos grandes escritores da Literatura americana do S. XX.
Nesta ocasión imos ler “The Sound and the Fury” (traducido ao castelán como “El ruído y la furia”), a cuarta novela deste autor, publicada en 1929. Narra a decadencia e destrución final dunha vella liñaxe familiar do tradicionalista sur de Estados Unidos, dende o punto de vista dos últimos sobreviventes dexenerados da devandita familia. Os Compson, protagonistas da decadencia familiar, son presentados nas voces de tres dos seus membros e de Dilsey, a serventa negra, considerada como da familia pola cantidade de anos que leva ao lado deles.

A reunión para comentar o libro celebrarémola o mércores 17 de xuño ás 20:30 h. Como de costume, na biblioteca municipal.

Elefante Elegante presenta "Lobo Bobo" na Feira do Libro-Maio Cultural de Brión

Que acontecería se o lobo do conto de Carapuchiña se fixese vexetariano? Que pasaría se a Madrasta de Branca de Neve se convertera nun dos Tres Porquiños por mirarse tanto no espello máxico? A resposta a estas cuestións descubrírona os nenos e nenas de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Educación Infantil de Bastavales, Os Ánxeles e Luaña que acudiron ao espectáculo “Lobo Bobo” presentado por Elefante Elegante Teatro.

As funcións celebráronse o xoves 21 de maio no espazo multiusos do Centro Social. Os pequechos do CEIP de Pedrouzos acudiron ás 10:15 h. e os meniños de Bastavales, Luaña e Os Ánxeles ás 12 h. Neste espectáculo, incluído na programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015, Gonçalo Guerreiro mestura os contos de sempre para crear unha nova historia na que conviven o cómico e o poético co teatro xestual e a música.

mércores, 20 de maio de 2015

Alvaro Murás e Martín Camiña presentan o espectáculo "MaxicoSons" no IES de Brión

Esta mañá, a aula de usos múltiples do IES de Brión acolleu o espectáculo “MaxicoSons”, unha función de maxia con música en directo, a cargo do músico Álvaro Muras e o ilusionista Martín Camiña.
A actividade, que forma parte da programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015 organizada pola Casa da Cultura-BPM de Brión, comezou ás 11:20 h. e estivo dirixida aos alumnos de 1º Ciclo da ESO do instituto brionés. Os rapaces e rapazas gozaron moito cos trucos de maxia executados con humor e acompañados de música en directo.

Inacio Vilariño presenta o venres un contacontos na biblioteca

Dentro da programación da XXV Feira do Libro-Maio Cultural 2015 a BPM de Brión presenta o contacontos “A Nave Catrineta”, a cargo de Inacio Vilariño. Trátase dun divertido serán con monicreques e música que narra a historia dunha familia de lavandeiras insidiada polo demo de pelo azul Cobillón. Nesta historia mestúranse saberes tradicionais, refráns, cancións, contos populares e o romance histórico da “Nao Catrineta” para contar unha historia na que finalmente o demo sae escaldado.
Esta sesión contacontos está dirixida a nenos/as maiores de 3 anos. Celebrarase o venres 20 de maio ás 17:30 h. na sala infantil da biblioteca, con entrada libre ata completar o aforo. O serán está patrocinado polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

luns, 18 de maio de 2015

Música e poesía na Feira do Libro de Brión con Aldaolado

Continúa a programación de actividades da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015. Nesta ocasión, un grupo de alumnos do IES de Brión asistiron no espazo multiusos do Centro Social a un recital poético diferente.
Aldaolado, nome artístico de Lucía Aldao e María Lado, sorprendeunos agradablemente co seu espectáculo “Con dez poemas por barba”, un entretido serán con música en directo, xogos, historias e moita poesía. O recital comezou ás 11:20 h. e prolongouse, aproximadamente, durante 50 minutos.

mércores, 13 de maio de 2015

Brión celebra as Letras Galegas con varias actividades

O sábado 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, a entorna da Carballeira de Santa Minia e o Centro Social Polivalente van acoller varios actos e actividades conmemorativas desta data tan significativa, incluídos na programación especial “Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015”
As 20 h. , no espazo multiusos do Centro Social, a Banda Municipal de Música de Brión invita a todos os veciños e visitantes ao Concerto Literario conmemorativo do Día das Letras Galegas. Un recital que combina música e literatura para celebrar a festa das nosas letras.
O día 16 de maio de 1978 a compañía Teatro Antroido representou a obra “Laudamuco, señor de ningures”, de Roberto Vidal Bolaño; función que é considerada, xunto coa “d'O velorio”, de Francisco Taxes, unha das impulsoras dun teatro nacional galego que tentaba ser profesional. Para conmemorar esta data, na Carballeira de Santa Minia, diante da estatua de Roberto Vidal Bolaño, realizarase unha lectura de textos teatrais do autor e algunha que outra sorpresa.
Dende as nove da mañá, os afeccionados ao deporte terán unha cita coa II Andaina Terras de Altamira-Brión, que este ano repite tres itinerarios combinados que suman un total de 50 km de marcha pedestre a través das fermosas sendas brionesas. A Carballeira de Santa Minia será lugar de de saída e punto de paso para os tres aneis que compoñen a proba.
Un sábado de actividades culturais e deportivas para festexar no mes das Nosa Letras a Lingua e Literatura que sitúan a Galicia no mundo.

luns, 11 de maio de 2015

"Palabras percuDitas" para os alumnos do CEIP de Pedrouzos

Charo Pita e Javier Fernández presentaron diante dun grupo de alumnos de segundo ciclo de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos o espectáculo “Palabras percuDitas”. Unha función que combinou música con narración oral, onde diferentes instrumentos de percusión axudaron ás palabras a tomar forma propia a través do ritmo.

Unha entretida sesión que comezou ás 12 h., prolongándose durante aproximadamente cincuenta divertidos minutos. O espazo multiusos do Centro Social Polivalente foi o lugar escollido para realizar esta actividade, que forma parte da programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015 organizada pola biblioteca municipal e a Casa da Cultura de Brión.

luns, 4 de maio de 2015

XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015 (Editado)

Dende hai nada menos que 25 anos a Feira do Libro de Brión acode puntual a súa cita coa promoción do libro e a lectura. Cada maio, mes no que celebramos a gran festa das nosas letras, a Feira do Libro-Maio Cultural presenta unha programación cultural especialmente dirixida aos veciños máis novos, ofrecendo unha variada oferta lúdica-educativa consistente en conta contos, recitais, música e teatro.  Este ano, a Feira do Libro-Maio Cultural quere seducirnos cun completo programa que se vai estender ata ben entrado o mes de xuño. Presentámolo a continuación:


 

 VENRES, 8 DE MAIO

“A Noite en Branco” da ESMU Magariños. Unha serie de recitais de música en diferentes espazos escénicos: Escola de Música, biblioteca, Casa da Cultura, Salón de Plenos, Centro Social, etc.;  organizados pola Escola de Música Municipal. Comezarán ás 22 h. no mencionado centro.

LUNS, 11 DE MAIO

Charo Pita e Javier Fernández presentan “Palabras percuDitas”. Unha actividade dirixida a alumnos/as do 2º Ciclo de Educación Primaria do CEIP do Pedrouzos. Celebrarase ás 12 h. no Centro Social Polivalente.

SÁBADO, 16 DE MAIO

Na véspera do Día das Letras Galegas, varias actividades realizaranse ao longo da xornada:
-Celebración da data fundacional do Teatro Profesional Galego, con lectura de textos de Roberto Vidal Bolaño diante da súa escultura na Carballeira de Santa Minia.
-Concerto Literario da Banda de Música de Brión conmemorativo do Día das Letras Galegas 2015. Ás 20 h. no Centro Social Polivalente de Brión. Entrada de balde.
-II Andaina Terras de Altamira Brión

LUNS, 18 DE MAIO

Aldaolado presenta en Brión: “Con dez poemas por barba”, un actividade dirixida a alumnos/as do IES de Brión. Ás 11:20 h. no Centro Social Polivalente.

MÉRCORES, 20 DE MAIO

Álvaro Muras presenta o espectáculo “MaxicoSons, una aventura entre libros”. Para alumnos/as do IES de Brión. Celebrarase ás 11:20 h. na Aula de usos múltiples do IES de Brión.

VENRES, 22 DE MAIO

-O grupo Os Quinquilláns presentan “Por que é salgada a auga do mar?”. Dirixida a alumnos/as de 3º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Comezará ás 12 h. no Centro Social Polivalente.
-Inacio Vilariño presenta “A Nao Catrineta”. Un conta contos para nenos/as a partir de 3 anos de idade. Iniciarase ás 17:30 h. na Biblioteca Pública Municipal. A entrada será libre.

SÁBADO, 23 DE MAIO

O grupo teatral O Aturuxo de Melpómene presenta “Desencaixad@s” . Ás 21 h. no Teleclube de Ons. Entrada de balde ata completar aforo.

LUNS, 25 DE MAIO

Baobab Teatro presenta “Contos para un caldiño”. Unha divertida obriña para alumnos/as de 1º Ciclo de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos. Comezará ás 12 h. no Centro Social Polivalente.

MARTES, 26 DE MAIO

Elefante Elegante presenta “Lobo Bobo”. Un conta contos para alumnos/as das Escolas de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales (11 h.) e de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (13 h.).

MÉRCORES, 27 DE MAIO

Yolanda Castaño presenta o seu “Espectáculo poético, recital multimedia” dirixido a alumnos/as do IES de Brión. Celebrarase no Centro Social Polivalente.

VENRES, 29 DE MAIO

Charo Pita presenta “Triquitraque-Traquetriqui” unha actividade de dinamización para os nenos/as da Escola Infantil Municipal.

DO 13 DE MAIO AO 12 DE XUÑO

Marcelino de Santiago “Kukas”, na súa faceta de artista plástico, inaugura na Sala de Exposicións Municipal unha mostra de pintura.O acto celebrarase o día 13 de maio ás 20:30 h. no mencionado espazo municipal.

Un ano máis, a Feira do Libro de Brión-Maio Cultural está organizada pola Casa da Cultura e a Biblioteca municipal do Concello de Brión, coa colaboración dos centros educativos do municipio e o apoio dos programas “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. 


mércores, 29 de abril de 2015

Próxima lectura do club: "Desayuno en Tiffany's"

Despois de ler “Erros e Tánatos”, dez relatos de Gonzalo Navaza publicados en 1996, de seguido pasamos á narrativa do xornalista e escritor norteamericano Truman Capote, do que imos ler a novela “Desayuno en Tiffany’s” 
Esta obra novela conta a amizade entre a protagonista, Holiday ("Holly") Golightly, e un narrador anónimo que quere ser escritor. Ambos os dous son inquilinos dun edificio no Upper East Side de Manhattan. Holly Golightly é unha rapaza de Texas duns vinte anos que se introduciu na vida da alta sociedade saíndo con homes maiores con cartos. Golightly pouco a pouco revélalle a súa personalidade ao narrador. Ao mesmo tempo descóbrese a súa imposibilidade ou falta de desexo por cambiar.
Unha obra que comentaremos o vindeiro 20 de maio na próxima reunión do club de lectura. Como sempre, ás 20:30 h. na biblioteca municipal.

sábado, 25 de abril de 2015

Presentacións literarias a cargo de María López Sández e Mariña Pérez Rei no Día do Libro

O 23 de abril, Día Internacional do Libro é una data que se celebra anualmente coa idea de fomentar a lectura, a edición e os dereitos de autor. Unha efeméride que as bibliotecas celebran dun xeito moi especial, programando actividades de difusión arredor do libro e a lectura. A BPM de Brión en colaboración coa Casa da Cultura conmemoraron o Día do Libro 2015 celebrando dúas presentacións literarias e un espectáculo conta contos, este último dirixido aos máis pequenos da casa.


venres, 24 de abril de 2015

"A maleta da avoa" chega á biblioteca para celebrar cos máis pequenos o Día do Libro

Dentro das actividades programadas para conmemorar o Día do Libro 2015, a biblioteca pública municipal de Brión organizou un serán conta contos a cargo de Raquel Queizás, que presentou o espectáculo “A maleta da avoa”. Unha divertida sesión con historias dirixidas a nenos e nenas maiores de 3 anos de idade, con obxectos e monicreques.

Esta actividade foi patrocinada polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia e celebrouse na sala infantil da biblioteca municipal cunha asistencia duns 26 persoas, entre nenos e adultos. 
 

xoves, 23 de abril de 2015

Semana Mundial da Inmunización, descubre na biblioteca como funciona o sistema inmunolóxico

Con motivo da Semana Mundial da Inmunización, que se celebra do 24 ao 30 de abril, e do Día Internacional da Inmunoloxía (29 de abril), a B.P.M. de Brión colabora co Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo, coa Sociedade Española de Inmunología (SEI) e coa Fundación Dr. Antonio Esteve na difusión de información arredor da Inmunoloxía.
Grazas a estas institucións e a Dna. África González Fernández, catedrática da Universidade de Vigo, a biblioteca dispón de tres exemplares da obra “Los misterios del sistema inmunitario: Cómo proteger nuestro cuerpo”, un libro publicado orixinalmente en 2008 que nace da man da Sociedade Xaponesa de Inmunoloxía co obxectivo de axudar aos rapaces de entre 10 e 14 anos a entender mellor o funcionamento do sistema inmunolóxico. A edición española foi presentada o pasado 26 de abril de 2014, despois de aparecer no ano 2009 a edición en inglés baixo o título de “Your amanzing immune system”.
Os exemplares atópanse no expositor de novidades da biblioteca, dispoñibles para consultar en sala ou retirar en préstamo domiciliario.

"Cóntame un contiño" celebra unha sesión bilingüe en linguaxe de signos

“Cóntame un contiño” é una actividade de animación á lectura que se celebra os xoves de 18:00 a 19:00 h. de xeito quincenal na biblioteca municipal. Organizada pola ANPA Rosalía de Castro da escola unitaria de Os Ánxeles, está dirixida a nenos/as de entre 3 e 8 anos de idade. O xoves 23 de abril celebrou unha nova sesión conta contos cunha orixinal posta en escena.
Coa idea de familiarizar aos máis pequenos coa linguaxe de signos, a popular historia de “Carapuchiña Vermella” tomou vida en formato bilingüe. Mentres que os participantes atendían a narración falada, simultaneamente puideron ver como se empregaba a linguaxe de signos para transmitir a mesma historia nun xeito de comunicación que permite a comunicación ás persoas con discapacidade auditiva.
Antes de iniciarse a narración, os nenos/as recibiron unha sinxela explicación de como funciona esta linguaxe, que permite a persoas con discapacidade auditiva comunicarse. Unha orixinal e interesante proposta que combinou educación e lecer.

xoves, 16 de abril de 2015

Erros e Tánatos de Gonzalo Navaza, vindeira lectura do club

Despois de ler “Arthur e George”, unha novela do autor británico Julian Barnes, regresamos á narrativa patria para afrontar una nova lectura. Neste caso trátase dun conxunto de dez relatos escritos polo galego Gonzalo Navaza, cunha prosa breve, limpa, directa e chea de sentido do humor. 

Falamos de “Erros e Tánatos”, un título que se converte na vindeira lectura do club. Reunirémonos para comentalo o vindeiro martes 28 de abril. Coma sempre, ás 20:30 h. na biblioteca municipal

martes, 31 de marzo de 2015

Actividades da biblioteca para abril, mes do libro e a lectura (Reeditado)

En abril, mes do libro e a lectura, a biblioteca municipal ten preparadas varias actividades para conmemorar unha data moi especial, o 23 de abril, na que se celebra a nivel mundial o Día do Libro. Por iso que, os días 23 e 24 de abril, non podes faltar a túa cita con algunha das propostas que che ofrecemos dende a biblioteca. 

Presentacións literarias con María López Sánchez e Mariña Pérez Rei

O xoves 23 de abril ás 20:30 h., a escritora María López Sández acudirá a Sala de Exposicións municipal para presentar “O faro escuro”, unha novela que acaba de ser publicada pola Editorial Galaxia. No acto estará presente a profesora Dolores Vilavedra.
O venres 24 de abril, a profesora do IES de Brión, Mariña Pérez Rei, presentará “Boca de gárgola”, un libro de poesía editado por Círculo Rojo. Unha obra en torno a Compostela que ven acompañada dunha exposición de imaxes do fotógrafo Martín Pérez Fernández que complementan os versos da autora. O acto comezará ás 20:30 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura.

Teatro para celebrar o amor polos libros

O venres 24 de abril ás 17:30 h., Raquel Queizás descóbrenos “A maleta da avoa”, repleta de pequenos tesouros, na que vive a memoria entre libros, culleres, chapeus...  Un espectáculo de conta contos con obxectos e monicreques, para nenas e nenos a partir de 3 anos de idade. Esta actividade está patrocinada polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. Celebrarase nun espazo aínda por concretar, que será a biblioteca ou a Sala de Exposicións da Casa da Cultura. O acceso será de balde ata completar aforo. Permanecede atentos a este blog e ao Twitter da biblioteca.

A Noite en branco da Magariños, música e arte na biblioteca (atrasada ao 8 de maio)

A ESMU Magariños de Brión organiza por segundo ano consecutivo “A noite en branco”, unha actividade consistente nunha serie de recitais itinerantes que percorrerán diferentes espazos escénicos do concello, como a propia escola, a biblioteca municipal, a Sala de Exposicións e o Centro Social Polivalente. A actividade, prevista inicialmente para o día 24 de abril, atrásase ao venres 8 de maio. Na biblioteca comezará arredor das 22:30 h. Como novidade deste ano, os recitais irán acompañados dun obradoiro de pintura do artista plástico noiés Alfonso Costa, que acompañado pola música, executará unha pequena obra pictórica en cada escala que realicen os intérpretes, tamén na biblioteca.

sábado, 28 de marzo de 2015

A biblioteca celebra o Día Mundial do teatro cun conta contos


O venres 27 de marzo a biblioteca municipal celebrou o Día Mundial do Teatro co “Misterio do pirata Benito Soto”, unha actividade de dinamización dirixida a nenas e nenos a partires de tres anos de idade. Unha historia de misterios homenaxe a Sir Arthur Conan Doyle e ao patrimonio galego, que mesturou a oralidade coa ilustración, interactuando cos pequenos a través dun obradoiro de debuxo.

O encargado deste divertido conta contos foi “Polo Correo do Vento”, un colectivo especializado en actividades de promoción da lectura, comprensión oral en galego e desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos. O serán lúdico, organizado pola BPM de Brión a través do programa da Rede de Biblioteca de Galicia “Ler conta moito”, acadou unha elevada de asistencia, cunha participación de arredor de 50 persoas, entre nenos e país.

imaxe 1 imaxe 2