Os monicreques acoden este Nadal á súa cita coas familias de Brión. Adiantándose ás datas habituais de aninovo, os días 28, 29 e 30 de decembro celébrase no Centro Social Polivalente o XX Festival de Títeres, un evento para todos os públicos que gozan por igual pequenos e grandes.
O día 28 de decembro “A Tropa de Trapo” (Galicia) presentan “Zona en obras”. Un espectáculo sen acabar, en obras, que coa axuda do público irá construíndose. Historias cheas de música e ritmo que se caracterizan pola mestura de narración, monicreques e música en directo á que se suma a interacción cos espectadores.
O martes 29, “Tropos Teatro de Títeres” (Madrid) representan “Pequeñeces”, un espectáculo que fala das cousas pequenas da vida, do descubrimento dun mundo enorme por un pequeno recentemente nado. Da risa, da tristeza, dos medos, dos sentimentos..., pero sobre todo, é unha historia que fala de nenos e pais.
O mércores 30, “Fantoches Baj” (Galicia) contarannos unha historia sobre porqué os merlos ao cantar semellan dicir “Rei, rei”, escrita por Karel Kapeck poñéndose no lugar dos máis desfavorecidos socialmente. Neste espectáculo investígase sobre a técnica tradicional dos monifates de luva e recupérase a súa frescura e rebeldía.
Todas as representacións comezarán ás 17:00 h., celebrándose no salón multiusos do mencionado centro. A entrada para todos os asistentes será de balde ata completar aforo.
0 comentarios :
Publicar un comentario