mércores, 8 de xullo de 2015

Exposición sobre Manuel María no Centro Social de Brión

Con motivo da celebración do X Encontro coa Arte, unas xornadas de convivencia artística e creativa que se celebraron en Brión os días 19, 20 e 21 de xuño, o escritor Manuel María foi a figura das nosas letras que inspirou aos artistas participantes nesta recoñecida actividade.
Poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta e académico da Lingua galega, Manuel María finou en 2002 deixando tras de si unha longa xeira creativa, caracterizada polo seu compromiso político coa lingua, cultura e a sociedade galegas. Unha traxectoria que vai ser recoñecida en 2016 no Día das Letras Galegas, significativa data que se dedicará a homenaxear a súa figura.
Un merecido recoñecemento ao que Brión se adiantou no Encontro coa Arte: Lembrando a Manuel María. Dentro das actividades programadas nas mencionadas xornadas destaca unha exposición dedicada ao autor que dende o 20 de xuño e ata o 26 de xullo de 2015 pode visitarse no Centro Social Polivalente. Trátase da exposición “Manuel María, palabra viva” amablemente cedida para esta ocasión pola “Fundación Manuel María de Estudos Galegos” 
Unha mostra que percorre a vida e obra de Manuel María en 25 paneis de 75x53 cm. Citando a presentación da propia institución: “Os paneis constan de imaxes, textos do propio autor e dunha breve introdución. Estrutúrase en tres grandes grupos temáticos: o que trata aspectos da súa biografía, o que informa sobre a súa obra e os temas da mesma e un último grupo, que dá conta das homenaxes e recoñecementos que recibiu Manuel María”. Unha oportunidade única para coñecer ao poeta da Terra Chá antes que ninguén, adiantándose ás celebracións e homenaxes que viviremos dentro dun ano.

0 comentarios :

Publicar un comentario