HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta literatura galega. Amosar todas as publicacións

mércores, 8 de xullo de 2015

Exposición sobre Manuel María no Centro Social de Brión

Con motivo da celebración do X Encontro coa Arte, unas xornadas de convivencia artística e creativa que se celebraron en Brión os días 19, 20 e 21 de xuño, o escritor Manuel María foi a figura das nosas letras que inspirou aos artistas participantes nesta recoñecida actividade.
Poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta e académico da Lingua galega, Manuel María finou en 2002 deixando tras de si unha longa xeira creativa, caracterizada polo seu compromiso político coa lingua, cultura e a sociedade galegas. Unha traxectoria que vai ser recoñecida en 2016 no Día das Letras Galegas, significativa data que se dedicará a homenaxear a súa figura.
Un merecido recoñecemento ao que Brión se adiantou no Encontro coa Arte: Lembrando a Manuel María. Dentro das actividades programadas nas mencionadas xornadas destaca unha exposición dedicada ao autor que dende o 20 de xuño e ata o 26 de xullo de 2015 pode visitarse no Centro Social Polivalente. Trátase da exposición “Manuel María, palabra viva” amablemente cedida para esta ocasión pola “Fundación Manuel María de Estudos Galegos” 
Unha mostra que percorre a vida e obra de Manuel María en 25 paneis de 75x53 cm. Citando a presentación da propia institución: “Os paneis constan de imaxes, textos do propio autor e dunha breve introdución. Estrutúrase en tres grandes grupos temáticos: o que trata aspectos da súa biografía, o que informa sobre a súa obra e os temas da mesma e un último grupo, que dá conta das homenaxes e recoñecementos que recibiu Manuel María”. Unha oportunidade única para coñecer ao poeta da Terra Chá antes que ninguén, adiantándose ás celebracións e homenaxes que viviremos dentro dun ano.

venres, 19 de xuño de 2015

O poeta Manuel María homenaxeado no Encontro coa Arte 2015

Os días 19, 20 e 21 de xuño regresan os Encontros coa Arte, unas xornadas de creación e convivencia artística que este ano celebran a súa décima edición. Coa inspiración das paisaxes brionesas e a lembranza dunha figura das nosas letras, os encontros reunirán en Brión durante a fin de semana a vinte e oito artistas plásticos procedentes de toda España.
Este ano, o escritor homenaxeado vai ser o escritor Manuel María, un autor comprometido política e socialmente coa cultura galega. O seu legado estará presente durante os encontros en diversas actividades, entra as que destaca a exposición “Manuel María, a palabra viva”. Unha mostra cedida pola “Fundación Manuel María de Estudos Galegos” que poderá visitarse no Centro Social dende o 20 de xuño ata o 26 de xullo .
Os pintores comezarán co seu primeiro obradoiro de pintura do natural o venres 19 de xuño ás 16:00 horas na entorna de Fonteparedes, na parroquia de Ons. Alí traballarán nos seus lenzos ata as 19:00 h., nunha oportunidade única, aberta a toda a cidadanía, para gozar en vivo do proceso creativo e artístico que conduce á realización dunha obra de arte.
Ese mesmo día, ás 20:30 h., comezará no espazo multiusos do Centro Social o concerto “A lúa prendeu a luz” a cargo do grupo “Puntadas sen fío”, formado pola vocalista Xiana Lastra, o encargado da percusión Juan Collazo e o saxofonista Roberto Rama. A entrada será libre ata completar aforo.
Inmediatamente despois, inaugurarase na Sala de Exposicións Municipal de Brión (Casa da Cultura) a exposición das obras doadas polos artistas participantes no VIII Encontro coa Arte, “Lembrando a Roberto Vidal Bolaño”, celebrado en xuño de 2013.
O sábado 20 e o domingo 21, os artistas retomarán os seráns de pintura ao aire libre abertos a todos os veciños. O primeiro día poderemos atopalos na entorna da Igrexa parroquial de Sta. María de Viceso de 10:00 a 13:30 h. O domingo, no mesmo horario, ficarán pintando no Paseo do Río Pego.
Paralelamente ás xornadas, a Sala de Exposicións Municipal da Casa da Cultura acollerá un “Mercado da Arte”, que estará aberto o sábado de 10:00 a 14:00 h. e 16:30 a 21:30 h. O domingo volverá abrir de 10:00 a 14:00 h.